O galego ferido de morte: o castelán imponse como lingua nai entre as novas xeracións

Máis do 30 por cento dos nenos de entre 14 e 5 anos non saben ou non teñen contacto co galego. A Xunta di que a chegada de poboación do exterior "inflúe directamente" no aumento de castelanfalantes en Galicia. A Mesa pola Normalización Lingüística: "Estamos en emerxencia lingüística extrema".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/10/2024 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

O uso habitual do galego continúa perdendo peso no país, segundo os datos feitos públicos este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que certifican dous extremos: a poboación que sempre fala castelán é xa maioritaria e un terzo de nenos de máis de 5 anos saben falar "pouco ou nada" na lingua cooficial.

En concreto, o estudo que publica o IGE certifica que son xa máis os cidadáns que residen en Galicia falando sempre en castelán --un 29,66%-- que os que utilizan a lingua cooficial no seu día a día de forma continua --24,37%--.

As cifras derivan da actualización que realiza este 11 de outubro o instituto demoscópico do módulo específico de coñecemento e uso do galego da súa enquisa estrutural a fogares (unha información realizada a partir de case 10.000 enquisas).

En 2018, cando se publicou o último informe deste tipo, a situación idiomática aínda era inversa: a poboación que falaba sempre en galego na Comunidade situábase por encima do 30% e a porcentaxe de quen o facían sempre en castelán estaba nun 24,40%.

En clave de futuro, a suma dos que falan "sempre" en galego e "máis galego que castelán" baixa en termos xerais, pero sobre todo na poboación de menor idade, pero tamén é significativo o dato no que respecta ao coñecemento nas xeracións máis novas.

Así, no apartado relativo a saber falar o idioma, o 32,44% de nenos de entre 5 e 14 anos (o 32,44%) sabe falar "pouco ou nada" en galego. O contrapunto está nos maiores de 64 anos: un 16,6% recoñecen saber "pouco ou nada", pero máis do 50% afirma dominar o idioma moito.

Arquivo - Nenos xogando nunha aula.. EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Nenos xogando nunha aula.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

A CHEGADA DE POBOACIÓN DE FÓRA, UN DOS FACTORES SEGUNDO A XUNTA

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, alegou este venres que a chegada de poboación do exterior "inflúe directamente" no aumento de castelanfalantes en Galicia. Esta foi unha das valoracións que o representante autonómico fixo este venres respecto dos últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE).

"O galego continúa na senda de ser a lingua cooficial máis empregada no conxunto do Estado e a maioritaria no territorio", incidiu Valentín García, que remarcou ademais que "practicamente o 100% da poboación é capaz de desenvolverse en galego na súa vida".

Nesta liña, sinala que ao redor do 94% das persoas comprende o galego e un 84,35% da sociedade "ten competencias" na escrita. Así mesmo, Valentín García precisou que a enquisa engade que neste período de tempo a poboación do exterior que chegou a Galicia é de máis de 115.000 persoas.

"Trátase dun dato moi importante que inflúe directamente no incremento de castelanfalantes, converténdose nun nicho de potenciais neofalantes para os que desde a Administración autonómica xa estamos a deseñar medidas", puntualizou.

Para Valentín García, os resultados deste estudo "constatan que a situación sociolingüística de Galicia é dinámica e está en permanente evolución, mantendo un elevado coñecemento do galego por parte dunha sociedade bilingüe que convive nos dous idiomas cooficiais nun territorio cun modelo que non xera conflitos".

O secretario xeral expresouse así durante a presentación das novas ferramentas do portal Neofalantes.gal, plataforma divulgativa e educativa posta en marcha en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para analizar o proceso de incorporación do uso do galego por parte das persoas que tiveron outro idioma como primeira lingua.

Por outra banda, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, preguntado esta mañá tamén polos datos do instituto de estatística, limitouse a compartir as palabras do secretario xeral e sinalou que, a falta de estudalos con detemento, son "un reflexo da sociedade.

REACCIÓN DA MESA

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, cualificou de "desastre" a situación que mostran os datos publicados e culpou directamente ao Decreto do Plurilingüismo da Xunta de Galicia. "Estamos en emerxencia lingüística extrema", asegurou. Sobre isto, afirmou que se trata dunha política lingüística "contra o galego", xa que a lingua queda "excluída legalmente do 70% das materias impartidas" no ensino escolar -- o decreto marcaba a presenza de idiomas nun 33% cada un, castelán, galego e inglés --.

Para Maceira, esa é a "única explicación" de que, tal e como apuntan os datos, un terzo de nenos de máis de 5 anos saben falar "pouco ou nada" na lingua cooficial. "Son a consecuencia lóxica da exclusión do galego da maior parte dos ámbitos da vida social", lamentou.

Maceira referiuse a as declaracións de Valentín García nas que alegou que a chegada de poboación do exterior "inflúe directamente" no aumento de castelánfalantes e negou que isto sexa así. Considera que se ese aumento se dese noutros segmentos de idade, como en maiores de 40 anos, por exemplo, podería utilizarse como xustificación, pero insiste en que os peores datos rexístranse na poboación que "estudou con ese decreto".

Para o presidente da Mesa, os datos son "terroríficos", "un desastre". "Estamos en niveis de emerxencia lingüística extrema. A situación de descenso que se produce no últimos cinco anos é terrible. E se non se toman medidas, a situación vai ser grave", advertiu.

"O triste", continuou, é que hai "posibilidades de reverter a situación". "Pódese facer se se pon todas as políticas a disposición da lingua, co mínimo de garantir que hai posibilidade de uso en todos os ámbitos". "Ou hai animadversión á lingua ou non se entende que eses dereitos non se poidan garantir", denunciou.

Máis aló do problema na educación, Maceira puxo o foco noutros ámbitos como a administración ou a xustiza ou o tempo libre (0,4% nos xoguetes, 1% no audiovisual, ausente en actividades deportivas). Por iso, expuxo as peticións da organización, entre as que está "avanzar" para que o galego sexa lingua vehicular, modificar as leis do poder xudicial para garantir que os procedementos poden levar a cabo en galego, eliminar os obstáculos á actividade en galego dos medios de comunicación; e garantir o uso da toponimia oficial, entre outras.

AO REDOR DUN 40% FÁLALLES AOS SEUS FILLOS EN GALEGO

Un dato que Mesa pola Normalización Lingüística reivindicou como "positivo, entre comiñas", é a porcentaxe de galegos que escribe sempre en galego, que "resiste" e mantense nun 38,62%. "Demostra unha vontade por reverter a situación da lingua; é un acto consciente, que require reflexión", explicou Marcos Maceira, presidente da organización.

Doutra banda, o informe apunta tamén que o 38,42% da poboación de Galicia que ten fillos ou fillas fálalles en galego sempre, o 35,49% sempre en castelán, o 13,75% máis castelán que galego e o 10,49% máis galego que castelán. Dentro do ámbito social, o uso exclusivo do galego está máis estendido nas relacións entre amigos. O 28,43% da poboación de Galicia habitualmente fala sempre en galego cos amigos. Con todo, o 39,65% comunícase co profesorado dos seus fillos e fillas exclusivamente en castelán e o 35,97% sempre utiliza este idioma cos especialistas sanitarios.

No referente ao ámbito laboral, o 22,41% das persoas ocupadas de Galicia fala sempre en galego cos compañeiros e coas compañeiras de traballo e o 21,53% utiliza máis galego que castelán. A porcentaxe das persoas que falan sempre en galego ou máis galego que castelán cos seus superiores sitúase no 39,11%.

O CASTELÁN, O MÁIS EMPREGADO EN REDES SOCIAIS

Segundo despréndese da enquisa, o 18,57% da poboación galega de 16 ou máis anos ve a televisión sempre en galego ou máis en galego que en castelán, aínda que hai un 34,41% que sempre a ve en castelán. O uso do galego está menos estendido noutros medios de comunicación. O 55,38% dos residentes en Galicia de 16 ou máis anos sempre le a prensa en castelán e o 56,42% só le libros en castelán.

Tamén o castelán é a lingua máis empregada no emprego das redes sociais e de internet: o 57,45% navega pola rede sempre neste idioma; o 60,26% emprégao sempre nas redes sociais; o 68,06% só ve contidos audiovisuais en castelán; este é o único idioma empregado polo 74,85% das persoais enquisadas para o uso da banca electrónica e do 62,60% das persoas nas súas comuninaciones electrónicas coa administración.

MÁIS DO 30% CONSIDERA QUE SE FALA POUCO GALEGO

Outro dos aspectos que analiza o IGE é a propia percepción da poboación respecto da situación dos idiomas. O 33,47% da poboación galega de 16 ou máis anos considera que na actualidade fálase pouco ou nada o galego. Esta porcentaxe é maior na provincia de Pontevedra, onde alcanza un 39,15%. No outro extremo atópase a provincia de Lugo, onde a porcentaxe baixa ata o 22,75%.

Por outra banda, o 25,87% da poboación galega considera que na actualidade fálase máis galego que fai cinco anos, mentres que para o 49,02% a percepción do uso do galego non variou neste intervalo de tempo. O 25,12% restante cre que se fala menos galego que no ano 2018.

Relacionado con isto, destaca que, das sete cidades galegas, a capital de Galicia é onde máis poboación asegura falar en galego sempre, un 22,82%, fronte a Vigo, onde esa porcentaxe é do 3,91%. A cidade galega onde, en termos xerais, fálase máis galego que castelán é Ourense -- así o asegura un 29,66% da súa poboación --, fronte ao 6,56% de Ferrol. Precisamente esta cidade é onde máis xente fala en castelán sempre, un 61,78% dos seus habitantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

2 Gamela

A MESA sempre dando ánimos : Estamos en emerxencia lingüística extrema Lembramos a época de Carlos Callón cando tiñamos 50% de galego/castelán no Ensino, e o moi burro denunciou aos Inspectores de Educación por incumprimento do Decreto e logrou o nacemento de Galicia Bilingüe e uns anos máis tarde o Decreto do Plurilingüismo do 33% ! Agora volven vaticinar a "morte do galego" ... Pois se o galego non está nas Redes será polo caso que lle fixeron a Cabozo, e mesmo se falamos e escribimos en galego serán máis pola Liberdade Informativa do Galicia Confidencial (e por máis medios tipo NósDiario que andan pola Segunda Feira facendo sempre da lingua unha bandeira política ! De momento o BNG ten 25 deputadas, a ver se entenden que unha lingua non se fala por Decreto! Estamos fartos de escoitar Agoreiros !

1 Sentidiño

A culpa é dos defensores do galego, por antipáticos... Iso é manter conscientemente que é certo que chove (e non que mexen por nós).

2 Gamela

Antipáticos bastante... Os que lembramos os tempos reivindicativos de "falemos galego na rúa e na escola" non tiñamos que soportar ao exército de filólogos nas "clases de galego", cando a Normativa foi aplicada "manu militari" por centos de comisarios políticos nos Institutos de toda Galicia... Daquela ata hoxe algo se fixo mal e seguimos sen facer Autocrítica : a lingua non pode ser bandeira política de ninguén ! A lingua non se fala por Decreto ! O meu recoñecemento a tódolos profes que foron quen de transmitir AMOR pola súa lingua materna... (que tamén foron moitos afortunadamente!) Antipáticos bastante... especialmente os da MESA do Carallo !

1 Sentidiño

O PPdeG, e os seus centos de miles de votantes, poden estar felices: conseguírono. En dez anos o seu plano de exterminio cultural avanzou moito máis do que fixeron os corenta anos do franquismo. No medio do xenocidio físico da poboación palestina soaría moi mal repetir o que xa se dicía nos setenta e nos oitenta: o proxecto español xustifica, e necesita, o noso xenocidio cultural.