A oposición pide explicacións a Rueda tras coñecerse a adxudicación 'a dedo' de 200 contratos ao irmán da súa número dous na Xunta

O PSdeG pedirá a comparecencia de Beatriz Cuíña, secretaria xeral de Presidencia e o BNG pregúntase se Rueda a cesará no cargo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2024 | Actualizada ás 12:31

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu este luns explicacións ao presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, polo "enésimo caso" de "nepotismo" coa adxudicación de máis de "200 contratos a dedo" á empresa do irmán dun alto cargo da Xunta de GaliciaTodo iso tras a investigación publicada por 'eldiario.es', que asegura que o Executivo autonómico pagou máis de 780.000 euros en 272 contratos á compañía do irmán de Beatriz Cuíña, secretaria xeral de Presidencia.

Ana Pontón e Xabier Pérez Igrexas este luns en Vigo
Ana Pontón e Xabier Pérez Igrexas este luns en Vigo | Fonte: PEDRO DAVILA

En rolda de prensa tras presentar en Vigo o estudo que o Bloque encargou á Universidade da Coruña sobre a situación xurídica e o custo dun posible rescate da AP-9, a líder nacionalista asegurou que o PP utilizou "unha vez máis" o mesmo 'modus operandi'. Así, segundo as súas palabras, a Xunta pagou "unha millonada" a unha empresa para rexistrar marcas comerciais. Todos estes contratos foron adxudicados "a dedo e con total opacidade".

Ela criticou que, por unha banda, a Administración "regatee" cada euro a moitas actuacións necesarias para mellorar a vida dos cidadáns e logo "rega" con diñeiro público a empresas vinculadas con familiares de altos cargos do PP. Por iso, pediu a Rueda explicacións respecto diso por este "caso gravísimo que o salpica", ao ser un "escándalo" que afecta o irmán da súa secretaria xeral de Presidencia. Respecto diso preguntouse se vai cesar a Cuíña ou o presidente galego vai tentar "tapala" e "mirar para outro lado".

BESTEIRO: "ESTA É UNHA PRÁCTICA XENERALIZADA DO PP"

Pola súa banda, o xefe de filas do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que os socialistas galegos pedirán a comparecencia da secretaria xeral de Presidencia, Beatriz Cuiña, na comisión parlamentaria que investigará as adxudicacións da Xunta polos contratos asinados co seu irmán. Así o avanzou este luns durante unha visita aos traballadores da CRTVG concentrados ante a sede en San Marcos. Na súa intervención, Besteiro esixiu explicacións a Rueda e á súa "número dous" no Goberno galego, Beatriz Cuíña, sobre algo que o socialista cualificou de "absolutamente preocupante". O secretario xeral do PSdeG considerou necesario coñecer "toda a verdade" por unha "práctica xeneralizada do PP" no goberno para "beneficiar a familiares de cargos" na Xunta.

Así mesmo, anunciou que os socialistas incluirán a comparecencia desta responsable política no marco do plan de traballo da comisión de investigación que inicia os seus traballos para fiscalizar a contratación do Goberno galego. Este órgano terá este martes unha primeira reunión para aprobar as súas normas de funcionamento, á que os socialistas chegan cun "novo foco de alarma" polo abuso da contratación "a dedo" esta vez para beneficiar a un familiar directo.

Así, sinalou que "non se trata de calquera cargo", xa que Cuíña é unha persoa que ostenta unha posición de "máxima confianza de Rueda", e avisou que, "en función de como evolucións este novo caso", a súa formación non descarta pedir máis comparecencias. Ademais, preguntado ao repecto, advertiu que, despois de "coñecer a verdade" nesta comisión de investigación, o caso pode derivar na "vía xudicial".

O PSOE ANUNCIA QUE LEVARÁ A FEIJÓO AOS TRIBUNAIS SE NON DÁ EXPLICACIÓNS

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, en declaracións aos medios
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, en declaracións aos medios | Fonte: PSDEG

Ademais, a portavoz do PSOE, Esther Pena, anunciou este luns que os socialistas denunciarán ao líder nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, nos tribunais se antes non dá explicacións sobre contratos outorgados pola Xunta de Galicia "á familia" do líder do PP, segundo indicou. "Se Feijóo non dá explicacións ante a comisión de investigación en Galicia, iremos aos tribunais para que o faga ante a Xustiza", sinalou Pena nunha rolda de prensa na sede nacional do partido na rúa Ferraz.

"Feijóo non pode mirar para outro lado mentres a súa irmá, a súa curmá e o seu cuñado camparon pola Xunta de Galicia como pola súa casa recibindo supostamente inxentes contratos pagos por todos os galegos e galegas", indicou. Ademais, esixen a Feijóo que aclare se estaba presente no consello de goberno "que aprobaron eses contratos" e se coñecía que eses contratso "se estaban troceando de forma fraudulenta para beneficiar aos seus familiares". O PSOE anuncia esta decisión despois de que o PP presentase este mesmo luns unha querela contra o partido por presunto financiamento ilegal e suborno por presuntas entregas de diñeiro en efectivo en Ferraz.

A portavoz socialista respondeu enumerando unha longa lista de máis de 30 casos de presunta corrupción do PP que se atopan nos tribunais. Aínda que di ser consciente de que a cidadanía está farta do "e ti mais", asegura que a diferenza entre PSOE e PP sobre corrupción é "como a noite e o día". Neste sentido defende que os socialistas actuaron "ao cinco días" do estalido do caso Koldo e apartaron a Ábalos de inmediato, soportando incluso as críticas de "moitos", segundo queixouse.

Así, Pena recriminou que o PP "co seu historial" pida explicacións sobre corrupción. "Ata onde chega a desvergoña", antes de seguir cargando contra Feijóo e volver botarlle en cara a súa relación co condenado por narcotráfico Marcial Dourado. "Hai que ter moito callo para atreverse un a presentarse como candidato á Presidencia do Goberno cando arrastra fotografías de viaxes pracenteiras e vacacionais no mar cun dos maiores narcotraficantes de Galicia", indicou Pena, que o ve unha "anomalía" na Unión Europea.

REUNIÓN ESTE MARTES PARA DEFINIR O FUNCIONAMENTO DA COMISIÓN

A comisión que investigará no Parlamento de Galicia os contratos da Xunta durante a pandemia, os asinados co grupo Eulen e o sobrecusto na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro reunirase este martes, día 15 de outubro, para aprobar as súas normas de funcionamento e fixar o prazo de presentación das propostas para o plan de traballo. O pasado mércores, BNG e PSdeG presentaron as súas suxestións ao regulamento deste órgano, nas que pedían que o plan de traballo fose aprobado por maioría cualificada de dous terzos para evitar os "vetos" que consideran que o PP pode levar a cabo coa súa maioría absoluta para impedir limitar o funcionamento desta comisión.

Ademais, ambas as formacións defenderon que o desenvolvemento das comparecencias se articulase a través dunha proposta individualizada por parte da persoa comparecente a cada un dos grupos mediante a fórmula pregunta-resposta, empregada no Congreso, aínda que BNG e PSdeG presentaron distintas propostas en relación aos tempos. Ademais, piden que se admitan as preguntas que formulen os distintos grupos.

Sobre o obxectivo da comisión, o BNG propón incluír no ámbito de actuación a contratación da Xunta, incluídos os entes instrumentais, co grupo Eulen, os procedementos de contratación realizados sen concorrencia, negociados sen publicidade e de contratación menor entre 2009 e 2024. Ademais, pide que se incorporen os contratos de emerxencia desde a pandemia (especificamente coas empresas Universal Support, Sibucu 360 e Mape Asesores), así como o sobrecusto de 470 millóns de euros na contratación polo sistema de concesión da construción e xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Pola súa banda, o Grupo Parlamentario socialista reclamou que se garanta que cada un dos grupos integrantes deste órgano poida levar iniciativas e solicitar comparecencias. Ademais, pide que o relatorio que elabore o proxecto de ditame da comisión estea integrado por todos os grupos parlamentarios. Pola súa banda, consultadas por Europa Press, fontes do Grupo Popular argumentaron que non facían suxestións ás normas de funcionamento porque consideran que as normas son as mesmas que regularon as comisións de investigación que se celebraron con anterioridade na Cámara galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta