Condenado a 14 anos de prisión por agredir sexualmente á filla menor de idade da súa parella

Segundo se recolle na sentenza, a Sala considera probado que o procesado levou a cabo as agresións sexuais "prevaléndose da situación de convivencia case familiar por ser a parella de feito da nai da menor e aproveitándose de que quedaba ao seu cargo cando estaban sós no domicilio".

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 18/10/2024 | Actualizada ás 16:40

Comparte esta noticia

A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a un home a 14 anos de cárcere por agredir sexualmente, de forma continuada, á filla menor de 16 anos da súa parella, coa que conviviu entre o verán de 2020 e decembro de 2021. Ademais, impúxolle a prohibición de aproximarse á vítima e de comunicarse con ela durante 20 anos, así como a inhabilitación para calquera profesión, oficio ou actividade que leven un contacto regular e directo con persoas menores de idade por un período de 19 anos e a inhabilitación para o exercicio dos dereitos da patria potestade, tutela, curatela, garda e acollemento durante 5 anos.

En materia de responsabilidade civil, o acusado deberá a indemnizar á menor con 45.000 euros polos prexuízos morais causados e con 10.000 euros polos danos psicolóxicos e secuelas que sofre. Segundo se recolle na sentenza, a Sala considera probado que o procesado levou a cabo as agresións sexuais "prevaléndose da situación de convivencia case familiar por ser a parella de feito da nai da menor e aproveitándose de que quedaba ao seu cargo cando estaban sós no domicilio".

Así mesmo, os maxistrados indican que non aprecian no relato ofrecido pola menor "causa algunha de incredibilidade subxectiva, pois ningún móbil espurio aparece que poida afectar á súa declaración", á vez que destacan que aprecian "unha absoluta coherencia interna no relato e suficientes detalles espazo temporais e sobre o modo no que sucederon os feitos que levan á convicción de que se trata dunha verdadeira experiencia vivida".

Ademais, engaden que existen "elementos de corroboración periférica que reforzan a coherencia externa do relato, como a evolución do comportamento e relación co acusado tras suceder os feitos". Os xuíces tamén apuntan que concorre a persistencia na incriminación ao longo de todo o proceso, pois sosteñen que non se detectan "contradicións esenciais na forma de expor os feitos". A sentenza non é firme, xa que contra ela cabe presentar recurso ante o TSXG.

Entrada da Audiencia Provincial de Pontevedra
Entrada da Audiencia Provincial de Pontevedra | Fonte: Gustavo de la Paz - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta