Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2024 | Actualizada ás 19:18
A Xunta blindará a través da lei que acompañará aos orzamentos de 2025 o acordo de redución de cocientes e horarios, así como a prohibición do uso dos móbiles en todo o horario lectivo que empezou a implantar en xaneiro deste ano.
Así o avanzou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante unha reunión celebrada cos sindicatos CCOO, ANPE e UGT, os asinantes do acordo de outubro de 2023 cuxas principais medidas se implantaron co inicio do novo curso, en setembro. A pesar diso, as organizacións denuncian que hai partes que non se están aplicando ou que non se están facendo debidamente.
O motivo de incluír este "histórico" texto na lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta para o próximo ano é o de darlle "o maior respaldo xurídico posible" e manifestar o "compromiso absoluto" do Goberno galego co mesmo, tal e como destacou o conselleiro.
Román Rodríguez insistiu nos beneficios deste acordo que supoñen "unha transformación sen precedentes no sistema educativo a curto, medio e longo prazo", ao reducir o número de alumnos por aula e contabilizar dobre ou, mesmo, triplo ao alumnado con discapacidade e con necesidades especiais.
Os SINDICATOS MANTEÑEN QUE RECORRERÁN
A pesar da reunión co conselleiro, as centrais sindicais, que en diversas ocasións xa manifestaron o seu malestar pola forma coa que a Xunta implanta as medidas do acordo de outubro de 2023, manteñen a súa intención de recorrer á xustiza e á Valedora do Pobo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.