Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 22/10/2024 | Actualizada ás 14:00
A fiscal rebaixou este martes de 18 a 8 anos de prisión a pena que pide para a muller acusada de asasinar en 2021 en Cortegada a un home que coñeceu por Internet e cuxo cadáver queimou e esnaquizou. Para iso, tivo en conta a alteración psíquica da muller e a confesión que realizou os feitos. A Audiencia Provincial de Ourense acolleu este martes a segunda e última sesión do xuízo, con xurado popular, polo coñecido como crime de Cortegada, no que as partes presentaron as súas conclusións. Entre elas, foi relevante a rebaixa de condena exposta por Fiscalía, que inicialmente reclamaba para a procesada 18 anos de prisión.
Segundo contou nas súas conclusións, a fiscal pide agora que se lle aplique unha pena de oito anos de prisión, con posibilidade, ademais, de cumprila nun centro psiquiátrico penal. De feito, propón que se aplique neste caso a eximente incompleta de alteración psíquica e dúas atenuantes: reparación do dano, posto que a acusada ingresou 10.000 euros como parte da indemnización á familia, e atenuante de confesión. Na última sesión, a representante do Ministerio Público lembrou que, a pesar destes elementos, a acusada decidiu tras unha discusión "de forma consciente" darlle pastillas á vítima e, unha vez que se atopaba inconsciente, asfixialo. Ademais, a propia acusada recoñeceu na primeira sesión do xuízo que, tras iso, levou o corpo ata unha fogueira, asperxeuno con gasolina e o troceouno cunha pa axudándose da combustión.
"A súa familia deixou de ter noticias del o día 24 de agosto" e "apareceu ao longo e ancho do xardín" da vivenda de Cortegada, manifestou a fiscal, que lembrou que a acusada recoñeceu os feitos "en numerosas ocasións", pero, ademais, "susténtanse en datos obxectivos" relatados por peritos que pasaron pola sala na xornada do luns. A maiores, a fiscal ve probada a aleivosía por drogar á vítima "para asegurar a imposibilidade de defensa". "Ten TOC, ansiedade xeneralizada e un trastorno mixto da personalidade, así como unha limitación moderada da vontade, pero sabe o que fixo, comprende e sabe que está mal", concluíu.
A DEFENSA ADHÍRESE
Na mesma liña que Fiscalía, o avogado defensor baseou as súas conclusións en que se fará xustiza se a muller recibe o tratamento médico adecuado. "Os feitos son os que son, pero non se pode esperar a mesma resposta dunha persoa con ferramentas que dunha persoa sen ferramentas", manifestou o representante legal, repasando de novo a lista de padecementos mentais e insistindo na limitación moderada da vontade.
Por iso, adheriuse á petición de Fiscalía, xa que "facer xustiza é castigar e vailla a privar de liberdade", pero solicitou que sexa recibindo o tratamento médico que se adecue ás súas necesidades. "Fala como unha nena e exprésase como unha nena, nas mensaxes que intercambiou coa vítima só buscaba que lle fixesen caso", asegurou o defensor que, ademais, fixo un breve repaso pola vida da acusada contextualizando que "foi vítima de abusos sexuais", tivo unha filla "aos vinte cun señor de sesenta" e "non ten amigos nin familia".
"Ao final era unha bomba de reloxaría", subliñou o letrado, indicando que a muller ten unha discapacidade de máis do 50 % "a pesar da súa mocidade", quitáronlle a custodia da súa filla "por non estar capacidade para coidala", cónstalle acreditado que lle retiraron o carné de conducir "por indicacións psiquiátricas" e "ten acreditada unha incapacidade laboral". "Como sociedade decidimos que non pode levar unha vida como os demais, que non pode desenvolver tarefas normais. Decidimos que merece unha protección especial, por iso parece razoable que no ámbito máis grave de todos, o penal, tamén teña protección, pedimos congruencia. Non podemos pretender que recaia todo o peso da lei sobre ela", finalizou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.