Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2024 | Actualizada ás 14:59
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, manifestou este martes que espera chegar a acordos cos grupos políticos nas reunións previstas este xoves para alcanzar un pacto polo galego ante un "problema" que o responsable autonómico ve "de uso social" e para o que cre que o Plan de normalización lingüística é unha "ferramenta útil" para aplicar medidas. A preguntas dos medios, López Campos lembrou que primeiro manterá unha reunión co presidente do Parlamento, Miguel Santalices, para presentar as liñas de traballo que quere propor e despois manterá encontros co resto de forzas políticas, ás que, insistiu, levará unha proposta "para tentar chegar a un acordo".
Nesta liña, lembrou que xa houbo "un gran acordo" cando se aprobou a Lei de normalización lingüística e, 21 anos despois, en 2004, "houbo outro acordo que foi importante", co Plan xeral de normalización. Agora, sinalou, 20 anos despois, López Campos considera que "se dan as circunstancias para chegar a un gran acordo en materia de lingua". Escoitadas todas as partes, asegurou, todas coinciden en estar "nun momento no que se fai necesario un novo acordo". "Falamos de que hai 20 anos, cando se aprobou o Plan de normalización lingüística non existían redes sociais nin outros tipos de comunicación, polo que creo que debemos de adaptar ese novo escenario, adoptar novas medidas e chegar a acordos", reivindicou.
ESPERA CHEGAR A ACORDOS
Neste contexto, mostrouse "convencido" de que é máis o que os "une" que os que os "separa" e manifestou que espera chegar a un acordo que permita pór en marcha "políticas que veñan resolver un problema que queda acreditado nos datos do IGE". Precisamente, sobre os datos do Instituto Galego de Estatística, o titular de Lingua sostivo que as competencias lingüísticas "están acreditadas", pero "o problema é un problema de uso social", onde, aseverou, deben aplicar "medidas" e o Plan de normalización é "unha ferramenta útil para facelo".
"Se nos cinguimos aos datos do IGE, fala de competencias perfectamente acreditadas. Di que o 95 % das persoas entre 5 e 29 anos acreditan que o coñecemento do galego téñeno no ámbito da escola. Aí queda perfectamente recollido nos datos do IGE e dinos que os nenos na escola aprenden galego, pero socializan en castelán. A ferramenta é o Plan de normalización ao que fomos capaces de chegar a un acordo; non sen dificultades", apuntou. Cuestionado sobre se espera chegar a un acordo, López Campos reiterou que agora se establece "unha negociación" que parte con "a idea clara de poder aplicar medidas que sexan útiles" e que busca que "o galego volva recuperar un espazo dominante". Por iso, cre que "non tería sentido" falar de "liñas vermellas", senón de "puntos de entendemento". Así mesmo, sinalou que a Carta Europea das Linguas pode "servir como referencia", xa que "fala do uso social".
"LIBERDADE LINGÜÍSTICA"
A pesar de que reiterou que manterá unha posición de negociación "aberta", si que afirmou que o debate da lingua "estivo moi presente durante a campaña das últimas eleccións autonómicas, lembrando que o PP aposta por "un modelo de liberdade lingüística" fronte a "outro modelo de inmersión lingüística e monolingüismo". "A sociedade galega falou claro e deulle unha maioría absoluta ao PP", apostilou antes de recalcar que a Xunta non pode "traizoar a esa maioría social que se expresou claramente sobre cal quere que sexa o modelo lingüística en Galicia".
"A partir de aí, temos moitas cousas das que falar. Debemos tentar separar o uso da lingua do debate crispado. Que os políticos teñamos a capacidade de poder negociar, non é o normal; pero nós ímolo a tentar para que sexa un debate enriquecedor e achegue solucións e que sexa máis o que nos une que o que nos separa", desexou. Nesta liña, insistiu en que proporá un debate "serio" coa idea de "poder chegar a un acordo. "Non tería sentido que o vindeiro xoves nos reunamos sen ter intención de chegar a acordos", reiterou antes de agregar que tamén se deben incorporar ao debate entidades e colectivos, xa que "de nada vale" un acordo se "despois non hai un respaldo social".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.