Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2024 | Actualizada ás 17:20
A plataforma cidadá Queremos Galego suxire á Xunta que, se quere alcanzar o pacto polo idioma e "cambiar o rumbo" das súas políticas lingüísticas, "teña en conta" ás entidades sociais. Así se pronunciou o portavoz desta plataforma e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, despois de manter este venres unha reunión coa presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, para trasladarlle as súas reivindicacións. Para Queremos Galego, tal e como informa, reverter a situación do idioma pasa por activar medidas baseadas no Plan Xeral de Normalización de 2004, na Carta Europea das Linguas e nas recomendacións do Consello de Europa, que no seu último informe (setembro de 2024) xa pediu eliminar as limitacións para o idioma na educación.
Esta reunión da plataforma con Rosario Álvarez prodúcese un día despois de que a Xunta arrincase a rolda de encontros cos partidos do Parlamento (PP, BNG, PSdeG e Democracia Ourensana) co obxectivo de, cara a finais de 2025, acordar un gran pacto polo galego. En próximas datas, de feito, está previsto que o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, se cite coa presidenta do Consello da Cultura. Neste contexto, Queremos Galego tamén informou a Álvarez da denuncia que promoverá ante o Consello de Dereitos Humanos da ONU e que será tratada no exame periódico universal (EPU) ao que se someterá España en abril do ano que vén.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.