O BNG propón a Feijóo e familiares e tamén directores de entes públicos galegos para a comisión de contratos

Ademais, o BNG, que fixo valer o peso dos seus 25 deputados para o impulso desta comisión no Parlamento galego, incluirá tamén máis de 30 peticións de documentación na súa proposta de plan de traballo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2024 | Actualizada ás 12:58

Comparte esta noticia

A líder do BNG, Ana Pontón, ratificou, á espera de rexistrar a súa proposta ao longo deste luns, que o plan de traballo que propón a súa formación para a comisión de investigación sobre contratos da Xunta incluirá ao presidente galego, Alfonso Rueda, así como ao seu antecesor e líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, familiares deste, e a directores de entes públicos ligados á Administración autonómica como o Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar ou a CRTVG.

"Imos ir ata as últimas consecuencias para investigar 15 anos de 'chanchullos' do PP e pór luz onde os populares queren escuridade", advertiu Pontón, nunha rolda de prensa na Cámara autonómica. Os nacionalistas pedirán, en total, a comparecencia de medio centenar de responsables políticos, altos cargos e expertos neste órgano parlamentario. Ademais, o BNG, que fixo valer o peso dos seus 25 deputados para o impulso desta comisión no Parlamento galego, incluirá tamén máis de 30 peticións de documentación na súa proposta de plan de traballo. A que se aprobe de forma definitiva, en todo caso, terá que ter o visto e prace do PPdeG, grupo que ten a maioría absoluta (con 40 dos 75 deputados) do hemiciclo do Pazo do Hórreo.

Na súa intervención, Pontón advertiu que, "só entre 2018 e 2023", o PP "repartiu 4.000 millóns a dedo" a empresas "amigas" á conta dos impostos da cidadanía galega, e ha exemplos como os máis de 700.000 euros "entregados" en contratos á empresa da secretaria xeral de Presidencia, Beatriz Cuiña, para acometer tarefas que, a xuízo do BNG, poderían levar a cabo traballadores da Administración pública". Pero "o caso paradigmático", para a líder nacionalista, é Eulen, empresa na que é directiva a irmá do líder do PP, que "recibiu 49 millóns de euros a través de 1.311 contratos a dedo nos últimos anos". Unha práctica, afeou, que "se está xeneralizando" na Administración galega e que "salpica", agregou, co foco no seu "número dous" en Presidencia (Cuiña), ao máximo mandatario galego.

FEIJÓO E FAMILIARES

Así as cousas, e tras constatar tamén sospeitas en relación a contratos da época da pandemia, ratificou que o BNG quere que "declaren" na comisión que analizará contratos e tamén o modelo de financiamento do Hospital Álvaro Cunqueiro o propio Rueda, Feijóo e familiares deste --como a súa irmá (Micaela Núñez), o seu cuñado (Ignacio Cárdenas Botas) e a súa curmá Eloína Núñez, exgerente no Sergas da área sanitaria de Santiago de Compostela--.

A líder do BNG, Ana Pontón, nunha comparecencia ante os medios.. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
A líder do BNG, Ana Pontón, nunha comparecencia ante os medios.. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO | Fonte: Europa Press

Pero co foco en Eulen, tamén van solicitar que acudan á Cámara a comparecer directores de entes instrumentais da administración autonómica que "acumulan unha parte moi importante desa contratación a dedo" coa devandita empresa, como o xerente do Consorcio Galego de Igualdade. Entre quen quere citar o BNG está tamén o director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. E ratificaron a súa intención de citar a todos os conselleiros de Sanidade que puidesen estar vinculados co "sobrecusto millonario" do Hospital Álvaro Cunqueiro, no que puxo o foco o consello de Contas: Pilar Farjas, Rocío Mosquera e Jesús Vázquez Almuíña, así como a todos os xerentes, entre os que se atopa, o tamén ex titular autonómico de Sanidade Xullo García Comesaña.

OUTRAS COMPARECENCIAS COMO A PARELLA DE AYUSO

Pontón tamén reafirmou que na súa proposta de plan de traballo figura o nome de Alberto González Amador, parella da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, ao considerar que "a fraude fiscal confesado" por el "ten como orixe o cobro de dous millóns de euros en comisións por mediar na venda de material sanitario durante a pandemia por parte da empresa FCS Select Products á empresa Mape Asesores", por máis de 40 millóns. Precisamente, o Bloque inclúe entre as súas propostas para chamar á comisión de investigación a Fernando Camiño Maculet, membro do consello de administración de Mape Asesores, empresa que proporcionou máscaras e luvas á Xunta; así como a Gumersindo Cachafeiro Cómez, presidente desta entidade.

O PSDEG AVISA DE QUE "CHEGARÁ ATA AS ÚLTIMAS CONSECUENCIAS"

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, avisou de que a súa formación "chegará ata as últimas consecuencias" na comisión. Ademais, na xornada na que o PSdeG deu a coñecer a súa proposta para configurar o plan de traballo deste órgano coas persoas que considera que deben comparecer, entre as que sitúa a familiares de altos cargos do PP como Alberto Núñez Feijóo, Isabel Díaz Ayuso, sinalou que estarán "atentos" para comprobar se o Partido Popular "non tenta bloquear, torpedear ou obstaculizar" o funcionamento da mesma e que denunciarán "calquera posible funcionamento irregular".

Entre as persoas que deben comparecer neste órgano, Besteiro incluíu ao presidente do Partido Popular e ex presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen, na súa opinión, debe aclarar "sobrecustos e contratacións" realizadas na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Así o trasladou durante unha visita realizada ás obras de remodelación do edificio da antiga estación de San Francisco, en Ourense, en resposta ás preguntas dos medios, aos que trasladou que Feijóo "ten que comparecer" xa que foi presidente da Xunta de Galicia "durante a etapa que se está cuestionando" nesa comisión de investigación.

"Ninguén entendería que Feijóo, reclamando o que reclama todos os días en España, non sexa capaz de vir a Galicia. De feito, creo que virá, non se negará a falar para aclarar os sobrecustos do Álvaro Cunqueiro", expuxo o socialista, que cifrou en 470 millóns o sobrecusto. Ademais, indicou que o dirixente popular deberá explicar as contratacións que se fixeron durante a pandemia "que son canto menos pouco transparentes por non dicir outro cualificativo".

ÁNGELES VÁZQUEZ ASEGURA QUE O IMPORTANTE É "QUE HAXA CLARIDADE"

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático foi preguntada tamén este luns sobre a posible comparecencia do expresidente da Xunta, respondendo ela que "o que pretende o Goberno galego e o grupo 'popular' é que haxa claridade, transparencia". Así o sinalou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, na cal non estivo presente o presidente autonómico, Alfonso Rueda, que se ausentou tras presidir a reunión do Executivo galego á primeira hora da mañá.

"O que pretende o Goberno e o grupo 'popular' é que haxa claridade, transparencia, apertura para que quen queira dar a súa versión así o faga. O fin último é a total transparencia por parte do Goberno galego", sentenciou. Máis tarde, volveu ser pregunta sobre o mesmo tema. "Total e absoluta transparencia é a que pon enriba da mesa o Goberno galego", engadiu, sen nomear a Feijóo na súa intervención.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta