Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2024 | Actualizada ás 13:50
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asegurou que se as acusacións sobre Íñigo Errejón se sabían desde hai tempo deberían "empezar a pedir perdón", pero engadiu que "non hai demasiado tempo que este mesmo partido foi salpicado aquí en Galicia", en referencia, aínda que sen mencionalo, ao caso dun asesor do grupo parlamentario Alternativa Galega de Esquerda (AGE) (do que formaba parte Yolanda Díaz) que foi detido no ano 2016 por posesión de pornografía infantil.
"Hai precedentes en Galicia de condenados por delitos sexuais neste mesmo espazo político e isto debería de ser un punto e a parte e que xamais volvese suceder", afirmou a preguntas dos medios tras o Consello da Xunta. Así mesmo, sinalou que os comportamentos que transcenderon durante estes días son "intolerables en pleno século XXI". "Sen dúbida, ten que corresponder á xustiza determinar se son delituosos ou non", expuxo.
Con todo, manifestou que "todo apunta a que isto se sabía desde hai tempo", polo que, na súa opinión, "se é así, xa poden empezar a pedir perdón". "Se tivese que falar só como muller, diría que é totalmente repugnante. É repugnante, ademais, falo tamén como conselleira e como Goberno, porque aqueles que tanta serenidade repartían mediante certificados de mulleres boas e malas e homes bos e malos ao final resultan ser os máis machistas na vida real", censurou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.