Por Ángela Precedo | VIGO | 02/11/2024 | Actualizada ás 20:30
O pasado 12 de outubro tivo lugar unha gran redada policial no polígono industrial Oceanis-Cataboi do Porriño onde se estaba a celebrar unha carreira ilegal: a Operación Caba. Cinco minutos antes da unha da madrugada do domingo a policía pechou mesmo con camión-motobomba e grúas, sen previo aviso, todos os accesos ao polígono, obrigando aos vehículos a saír por un único carril habilitado, onde se realizaron exhaustivas inspeccións. Ducias de vehículos implicados, así como asistentes ao evento, foron duramente sancionados. Entre os supostos participantes houbo un vehículo que se roubou todas as olladas: un coche fúnebre. O impacto foi tal que ocupou durante varios días titulares de prensa e rótulos de telexornais, que ao falar desa quedada ilegal a ilustraban coa fotografía do coche. Sen embargo, como moitas veces acontece, non todo é o que parece, e, neste caso, tampouco. O Galicia Confidencial fala con Miguel, o propietario deste vehículo, que nos conta que el non se atopaba participando na carreira, senón que asistiu como espectador, polo que considera que foi inxustamente sancionado.
"No meu caso, os axentes sancionaron a un vehículo que estaba chegando ao polígono para estacionar, non para participar na carreira", asegura Miguel, que explica que, de feito, "tanto eu como a miña amiga, que ía diante de min co meu outro coche, acabábamos de chegar a Galicia ese mesmo día despois de mercar o vehículo fúnebre en Barcelona". O que aconteceu foi que cando se dispoñían a atravesar a estrada para ir dar volta á rotonda e estacionar no outro carril, "a xente que estaba presente na concentración agardando o comezo da carreira comezou a asubiar e a gritar", polo que semellaba coma se o de Miguel fose un dos coches participantes, aínda sen selo. Así, en varios medios de comunicación o que se difundiu ao respecto é que Miguel mercara este coche para competir, cando, en realidade, "compreino porque vin en Internet que estes coches se podían camperizar e gustoume a idea".
"ESTE COCHE NON ESTABA PREPARADO PARA CORRER NIN COMPETIR, É UN COCHE TOTALMENTE FUNERARIO DE SERIE E QUERO CAMPERIZALO"
Así mesmo, explica que os sancionados "vimos irregularidades na imposición das sancións". Na súa multa, de feito, especifícase que a infracción cometida é condución temeraria, cando en verdade "eu non fixen derrapadas nin nada polo estilo", cousas das que se lle acusou tamén en diversos medios. "Este coche non estaba preparado nin para correr nin para competir nin para facer derrapes, era un coche totalmente funerario de serie", explica, insistindo en que "o único que quero facer con el é camperizalo". Polo de agora o que si fixo foi cambiarlle as iantas, porque "me gusta que esteticamente estea bonito", pero "teño gardadas as iantas e as rodas coas que viña de serie na parte traseira do coche". Aínda con todo, a homologación é algo que a día de hoxe tamén ve difícil, polo feito de que "neste país é bastante complicado camperizar un coche, pola dificultade de homologalo despois". Así, Miguel insiste en que en ningún vídeo se lle ve derrapando nin nada semellante, senón que "o único que se ve nas imaxes é que estou arrancando co coche despois de falar cuns amigos para ir estacionar".
Ademais, asegura que "se aos axentes lles sorprendeu atoparse alí cun coche fúnebre nunha quedada ilegal, aos que estabamos alí sorprendeunos que nos encerrasen como a delincuentes con vehículos que non correspondían a ese operativo nin a esa zona, cun camión motobomba de Protección Civil e varios coches da Policía Local", cando, segundo apunta, "esa zona non é competencia da Policía Local", outro motivo polo que "estamos loitando para que nos retiren as sancións". Así as cousas, Miguel lembra que "o despregue policial aquel día foi tal que eu ata quedei anonadado, non sabía que había tantos coches da Local no Porriño nin tanto material como o que sacaron, con pinchos e todo". Na súa opinión, trataron de buscar algo por onde 'pillar' e poder multar a todos os coches que atoparon, porque "mesmo a un amigo meu que levaba outro coche cos cristais tintados quixérono multar por iso e, cando viron que iso o tiña homologado, dixéronlle que levaba o coche moi baixiño". "Ían buscando por onde 'pillarnos' e iso non pode ser, porque non somos delincuentes nin matamos a ninguén", denuncia, lamentando que "a alguén que rouba ou vende droga ninguén o persegue, e a nós si; aquel día eramos carne de canón".
"EU SON TRANSPORTISTA, CONDUZO UNHA FURGONETA, E CANDO ME CHEGARON AS INFORMACIÓNS AGOBIEIME, PORQUE ME XOGABA O CARNÉ DE CONDUCIR"
Finalmente, como resultado da operación, cinco condutores foron investigados pola presunta comisión dun delito contra a seguridade vial por condución temeraria, catro deles aceptaron prisión e retirada de carné. Miguel foi un dos outros nove condutores que enfrontou denuncia administrativa. A sanción final foi de 6 puntos e de 500 euros, que se quedaban en 250 se pagaba antes de quince días. E algo que para outra persoa podería supoñer unicamente un desgusto para o peto, para Miguel podería ter suposto tamén un desgusto a nivel laboral. "Eu son transportista, conduzo unha furgoneta, e cando me comezaron a mandar todas esas informacións agobieime, porque me estaba xogando o carné de conducir, a miña forma de gañarme a vida", confesa. "Eu non me considero un delincuente, teño 33 anos, son unha persoa adulta e considero que sei o que fago", reivindica. Iso si, por sacar algo positivo do asunto, conta que "non hai mal que por ben non veña", xa que "dende que saiu o coche na televisión non paran de chamarme de moitos lugares porque queren que llo leve como decoración para celebracións de Halloween".
Respecto ao tema das carreiras ilegais en Galicia, considera que "acabaríanse se tivesen espazos habilitados para que a xente á que lle gusta o motor poida ir desfrutar dos coches ou a ver espectáculos". Pon o exemplo do país veciño, pois "en Portugal hai un circuíto, o de Guilhabreu, no cal tomas unha Coca-Cola e podes estar nel xogando co coche, derrapando, acelerando ou o que sexa, legalmente"; mentres que "aquí en España e, sobre todo en Galicia, os poucos circuítos polo estilo que había estanos pechando". Así que a única alternativa para os fans deste tipo de espectáculos pasa por enterarse das quedadas que se fan de cando en cando en distintas vilas e cidades a través das redes. Por iso, tamén asume que "cando vamos a eses lugares, sabemos ao que nos expoñemos", pero "neste caso o problema foi que nos pecharon alí a persoas que non tiñamos culpa". Tamén confesa que lle disgustou moito ler titulares como 'Un coche fúnebre entre os jaimitos da carreira ilegal do Porriño' ou escoitar que mercara o coche co propósito de empregalo en carreiras ilegais. De feito, confesa que para parodiar un destes titulares nos que se falaba do coche como 'The Fast and the Fúnebre', mesmo rotulou a parte traseira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.