Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2024 | Actualizada ás 18:23
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, trasladou este martes ao director xeral do Ente Público Estremeño de Servizos Educativos Complementarios, Eduardo Villaverde Torrecilla, e ao director xeral de Mobilidade e Transportes en Estremadura, Cristóbal Maza, as vantaxes do transporte compartido e tamén dos servizos baixo demanda, dúas das modalidades incluídas no Plan de Transporte Público de Galicia, considerado referente a nivel nacional.
A Xunta de Estremadura mostrou o seu interese en pór en marcha un sistema similar ao do transporte compartido de Galicia ou ao de baixo demanda.
O transporte integrado é un servizo que permite a escolares e demais persoas usuarias compartir autobús. Deste xeito, o Goberno galego contribúe a optimizar o uso das liñas de transporte en zonas de baixa demanda nas que non resulta sustentable manter un servizo regular de uso xeral e outro de transporte escolar de maneira independente.
Judit Fontela trasladou que o Plan de Transporte Público de Galicia alcanzará nos orzamentos da Xunta para 2025 un investimento de preto de 103 millóns de euros para prestar servizo en 3.600 liñas. Desta cifra, incidiu en que 2.200 liñas corresponden precisamente co transporte integrado. Neste 2024, esta modalidade estivo activa nesas máis de 2.200 liñas con máis de 24.700 paradas e máis de 860.000 servizos.
O Plan de Transporte Público de Galicia, a través das súas 3.600 liñas e con máis de 2,3 millóns de servizos anuais, garante que actualmente máis do 97% da poboación galega teña unha parada de autobús a menos dun quilómetro do seu domicilio
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.