Pode unha proteína do sistema nervioso servir para diagnosticar a depresión maior?

O grupo de Investigación Taslacional en Enfermidades Neurológicas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) levou a cabo un estudo segundo o cal é posible utilizar unha proteína do sistema nervioso como biomarcador para diagnosticar a depresion maior, un trastorno psiquiátrico complexo no que interveñen múltiples factores psicosociais, xenéticos, epixenéticos e biolóxicos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2024 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

O grupo de Investigación Taslacional en Enfermidades Neurológicas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) levou a cabo un estudo segundo o cal é posible utilizar unha proteína do sistema nervioso como biomarcador para diagnosticar a depresion maior, un trastorno psiquiátrico complexo no que interveñen múltiples factores psicosociais, xenéticos, epixenéticos e biolóxicos. O estudo, titulado 'Niveis plasmáticos de cadea lixeira de neurofilamentos no trastorno depresivo maior: breve informe de investigación', foi publicado na prestixiosa revista Frontiers in Psychiatry.

O estudo do IDIS está liderado polos investigadores Carlos Fernández Pereira, Roberto Agís Balboa e José María Prieto, este último xefe do Servizo de Neuroloxía do Hospital Clínico de Santiago de Compostela. O obxectivo da investigación é detectar pequenas variacións nos niveis de neurofilamento de cadea lixeira (NFL), unha proteína do sistema nervioso que pode ser indicativo de dano axonal e que se usaría como biomarcador para a detección precoz de procesos depresivos. "Este achado permitiría unha estimación ou cuantificación do potencial dano cerebral, a monitorización e resposta ao tratamento, facendo posible así unha predición do curso clínico no trastorno depresivo maior", sinala Roberto Agís.

Actualmente, o diagnóstico da depresión e doutras condicións psiquiátricas baséase nunha serie de escalas subxectivas que avalían a sintomatología dos pacientes. "En cambio, esta investigación apóiase nos biomarcadores periféricos (moléculas, xenes, proteínas) que poden ser medibles de forma obxectiva para reflectir un estado fisiolóxico alterado ou patolóxico, neste caso, o biomarcador que escollemos é o neurofilamento lixeiro", explica o primeiro autor do traballo, Carlos Fernández. Esta investigación únese á avaliación doutras proteínas que posúen potencial como biomarcadores na depresión, como a hormona do factor de crecemento da insulina IGF-2. "No mesmo contexto, varios proxectos en marcha do grupo ITEN están a usar a tecnoloxía SIMOA para o estudo das demencias e a esclerose múltiple, esperamos resultados prometedores nun futuro non moi afastado", apuntan os investigadores.

NIVEIS DE NEUROFILAMENTO LIXEIRO

Os niveis de NFL atopáronse alterados en enfermidades neurodexenerativas como a enfermidade de Alzheimer, Párkinson ou a esclerose múltiple, tanto en líquido cefalorraquídeo como en sangue. Non entanto, o estudo da NFL periférico en trastornos psiquiátricos aínda non é suficientemente coñecido. "Neste caso, centrámonos no estudo de pacientes con trastorno depresivo maior, baseándonos non só en que supón un potencial factor de risco para outras enfermidades neurológicas, senón tamén pola relación existente coa función cognitiva", explican os investigadores.

"No presente estudo, non detectamos unha alteración estatisticamente significativa nos niveis de NFL nos pacientes con diagnóstico de depresión maior, a pesar dunha clara tendencia á alza con respecto ao grupo control", apuntan desde o equipo investigador. Na literatura científica atopáronse resultados dispares, sendo que algúns estudos mostran niveis elevados de NFL en depresión comparado con controis sans, mentres que noutros non se viron cambios. En ningún caso se atoparon niveis reducidos.

Muller maior na cama con síntomas de depresión e soidade
Muller maior na cama con síntomas de depresión e soidade | Fonte: EP - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta