Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 30/10/2024 | Actualizada ás 19:41
Os traballadores da empresa de transportes Maitours, do grupo Alsa e responsables do transporte interurbano en Ferrol, Narón e Neda, manifestáronse á primeira hora da mañá deste mércores en Ferrol, na zona do porto, ao cumprir tres meses e medio de folga indefinida, desde o pasado 15 de xullo, reclamando que se lles aplique o convenio provincial de transporte de viaxeiros por estrada.
O responsable de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, volveu a criticar, nunha rolda de prensa ofrecida na mañá deste mércores, "os servizos mínimos impostos pola Xunta coa escusa do inicio do curso escolar", e que segundo a súa opinión esta decisión impide aos condutores "exercer este dereito fundamental". Os traballadores criticaron a actitude da empresa, xa que asegurou que "se nega a calquera tipo de negociación para buscar unha saída ao conflito e a asumir os seus deberes laborais". O responsable sindical tamén mostrou a súa desconformidade coa actitude da Xunta, xa que "se mantén de perfil e a súa única intervención foi para decretar eses abusivos servizos mínimos".
Segundo os criterios do sindicato nacionalista, estes condutores teñen que estar regulados polo convenio provincial, tal e como xa estimou unha sentenza xudicial e que así "o entende tamén a Inspección de Traballo, posto que a última reforma laboral estableceu que os salarios dun convenio de empresa non poden estar por baixo dos salarios do convenio sectorial de referencia". Por último, Pastoriza detallou que hai "denuncias presentadas na Xunta sen contestación, pedimos as reunións sen contestación, mandáronse ofertas á empresa para reunirnos e negociar, tamén sen contestación" e, por tanto, "é unha actitude que entendemos irresponsable por parte das administracións públicas".
PLAN DE TRANSPORTE METROPOLITANO
Por outra banda, o portavoz do BNG en Ferrol, Iván Rivas, detallou que esta situación é "absolutamente inaceptable" e instou á Xunta "a adoptar acordos que permitan presionar á empresa concesionaria para que dea cumprimento a eses acordos". A Dirección Xeral de Movilidade da Xunta está a esixir, dixeron, aos concellos que forman parte do Plan de Transporte Metropolitano, neste caso Ferrol, Narón e Neda, "as liquidacións das achegas que teñen que facer a ese convenio e que recollen un incremento dos custos respecto de anos anteriores", o que lle valeu para pedir que as administracións locais "que se dea cumprimento aos acordos laborais aos que chegaron os traballadores corroborados a través dunha sentenza xudicial". Por último, detallaron que este plan de transporte finaliza en 2024 e que, por iso, "o Concello de Ferrol debería de negarse a prorrogar este plan por incumprir as condicións laborais deses traballadores e a prestar un servizo en precario".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.