Feijóo recomenda ‘Amizades perigosas’

O presidente da Xunta recoméndalle ao PSdeG que vexa esta película tras criticar os socialistas a amizade que Feijóo mantén con imputados ou condenados en casos xudiciais como Pachi Lucas ou Marcial Dorado. "Os meus amigos son os intereses xerais de Galicia", di.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 27/01/2016 | Actualizada ás 11:29

Comparte esta noticia

Galicia non é a decadente Francia prerrevolucionaria do XVIII… polo momento. Ese escenario é onde ten lugar a historia de intrigas, traicións e ambicións entre a nobreza que é o centro do argumento da novela As amizades perigosas do francés Pierre Choderlos de Laclos e levada ao cinema en 1988 polo inglés Stephen Frears.

Nuñez Feijóo co narcotraficante e contrabandista Marcial Dorado
Nuñez Feijóo co narcotraficante e contrabandista Marcial Dorado | Fonte: El País

Precisamente, a este filme –non o libro-- foi ao que se referiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para recomendarllo ao voceiro parlamentario do PSdeG, José Luis Méndez Romeu. Unha recomendación que lle fixo, curiosamente, cando o socialista lle lembrou as súas amizades con narcotraficantes e empresarios imputados en casos xudiciais, en relación a Marcial Dorado ou ao conseguidor Pachi Lucas.

Foi  na sesión de control ao presidente na Cámara galega, onde o PSdeG lle preguntou pola súa amizade con este empresario. E como a mellor defensa é un bo ataque, Feijóo atacou ao voceiro parlamentario socialista ao lembrarlle que no sumario tamén hai mails do principal responsable da Operación Zeta –pola que está investigado Pachi Lucas— con Méndez Romeu, ex conselleiro da Presidencia no bipartito. “E resulta que cun goberno en función déronlle o dobre de axudas que tiñan ata aquel momento”, espetoulle Feijóo ao tempo que lle pediu que dea explicacións por isto.

O presidente galego volveu insistir nos argumentos xa dados para evitar explicar a relación que tivo con Pachi de Lucas, que segundo a Operación Zeta, puido ter conseguido subvencións grazas as súas amizades con altos dirixentes políticos, entre eles o propio Feijóo ou Rajoy. “Foi a Xunta a que comezou as investigación”, indicou.

E ademais, aportou novos argumentos; “se un amigo dun deputado é investigado nunha operación xudicial debería quedar no ámbito persoal. Supoño que terá que respostar o investigado e non o seu amigo deputado”, precisou. E volveu ao ataque co dirixente socialista: “Vostede ten unha deputada ao seu carón que está investigada e un secretario xeral que tamén está imputado. E iso significa que vostede é corrupto?”, engadiu.

O empresario conseguidor da Operación Zeta, Pachi Lucas, detrás de Feijóo, nunha sesión taurina na que tamén está Rajoy e outros cargos do Partido Popular
O empresario conseguidor da Operación Zeta, Pachi Lucas, detrás de Feijóo, nunha sesión taurina na que tamén está Rajoy e outros cargos do Partido Popular

Por iso, para Feijóo, non hai “caso” co empresario Pachi Lucas, como tampouco houbo caso co narcotraficante Marcial Dorado. “A diferencia entre eu e vostedes está que os meus amigos son os intereses xerais de Galicia… Os seus non os seis”, espetou.

Obviamente, estes argumentos non convenceron aos socialistas que o acusaron de non querer dar explicacións e lle lembraron que, curiosamente, Pachi Lucas está imputado por “tráfico de influencias”. “Non quere dar explicación disto, nin tampouco do que aconteceu en Valencia durante anos ata que saltan todos os casos de corrupción xuntos… E logo vostede se presenta como unha vítima”, díxolle Méndez Romeu.

“Ou realmente é unha cándida pomba que non se entera de nada ou está tolerando os comportamentos corruptos”, indicoulle. Ademais, acusouno de ter “secuestrada” a Lei de Transparencia e de negarlle á Cámara toda a documentación que se lle pide á Xunta en relación a casos conflitivos. “Deixe o postureo e fálalle claramente aos galegos sobre os seus amigos”, concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Mastro

alomenos Rajoy ten máis coidados cos seus amigos, os coñecidos, Feij... véselle que é máis novo e ten máis amistades. A amizade e a neve é o que teñen, que ao final disfrutas do branco panorama que tes ante ti e se che esquecen outras cousas

1 Un de Sada

Efectivamente Frijolito. Concretamente na foto na que apareces con Marcial Dorado estades a falar de como resolver o problema do cerco. Si non hai máis que ver a foto para decatarse de que así!!. E este tío e o presidente de todos/as Galegos/as. !!!!