Por Galicia Confidencial | Lugo | 28/01/2016 | Actualizada ás 09:45
O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, é un home paciente e de boas formas. Non lle gusta a gresca nin os enfrontamentos. Iso din del quen o coñecen ben. Pero ese caracter bonachón de Campos tamén ten un límite. Un límite que traspasou quen, ata fai uns meses, era amigo e compañeiro de partido, o expulsado do PSdeG e tamén deputado provincial, Manuel Martínez.
"Non se pode dar este espectáculo que estamos a dar. Estamos aquí para facer política e para apoiar aos Concellos e aos veciños de Lugo. Non estou aquí para outras cousas. Gústame traballar e traballar con responsabilidade, para todos os concellos", dixo Campos en alusión a actitude desafiante que está mantendo Martinez.
“Nos últimos plenos da Deputación de Lugo está a verse un pouco a responsabilidade que ten cada un, porque si el dicía que iamos como unha vaca sen cencerro, eu creo que hai un touro desbocado", dixo en resposta as críticas e descualificacións que Matínez tivo cos seus ex compañeiros de partido o pasado martes.
"Hai que apelar á responsabilidade dunha persoa que leva moito tempo na institución e que está a facer cousas que contradín todo o que dixo até non fai moito”, dixo. "O goberno bipartito non pode permitir que lle impoñan acordos que son orixinados polo desbocamento dunha persoa que hai pouco tempo opinaba unha cousa e hoxe opina outra", engadiu.
Por iso, tivo duras críticas contra Martínez, cuxa "actitude deixa moito que desexar". E lembrou épocas pasadas nas que dixo, tiña "moi boa relación con el e defendino a matar". “Pero agora ten que entrar en razón, porque non se pode opinar hoxe unha cousa e mañá outra. Hai cousas que se hai un ano estaban ben, hoxe non poden estar tan mal, débese máis ben á forma de proceder dunha persoa", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.