Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/11/2024 | Actualizada ás 19:35
O Outono Códax Festival 2024 botou a andar este 31 de outubro co espectacular concerto de The Courettes, un dúo formado pola brasileira Flavia Couri (guitarra e voz) e o danés MArtin Couri (batería). No apartado de música en directo seguiranlle interesantes citas coon grandes bandas da música negra que tocarán na Sala Capitol e Riquela nas seguintes datas: 9, 15, 22 e 23 de novembro. Ademais, e como cada ano, haberá un completo programa de ctividades paralelas, con presentacións literarias, proxeccións audiovisuais, exposicións, catas de viño con maridaxe e pinchadas de DJ.
EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA
A exposición "Calle 52 W. Los rostros del Jazz 1945-1948", que durante todo o mes de novembro colgará nas paredes do Riquela Club, é a primeira das actividades que completan o programa deste ano do festival compostelán. Consta dunha pequena selección de imaxes inéditas de grandes lendas do jazz, orixinais en branco e negro de William Gottlieb que foron coloreados polo compostelán Alfredo Marcos.
Na década de 1940 William Gottlieb era un xornalista e crítico musical do Washington Post, que tamén publicada en medios especializados en jazz, como a revista Down Beat. A súa proximidade á escena musical e o nacemento do bebop nos clubs da Rúa 52 Oeste de Nova York, fixo que Gottlieb realizase para as súas reportaxes máis de 1.600 fotografías do que el mesmo deu en chamar “A idade de ouro do jazz”, debido á calidade dos artistas que emerxían naqueles momentos ou se apuntaban ao novo estilo. Entre eses artistas, retratou a Dizzie Gillespie, Thelonius Monk, Charlie Parker, Sara Vaughan ou Miles Davis, habituais todos eles das programacións dos clubs Spotlight, Famous Door, Downbeat… todos na Rúa 52, onde se realizaron a maior parte das fotografías das que consta a colección Gottlieb.
"Estas fotos teñen un enorme valor testemuñal, incluso moi superior ao seu valor artístico", sinala o compostelán Alfredo Marcos. "Ter a oportunidade de ver a Miles Davis ou a Sara Vaughan actuando con 20 anos naqueles pequenos clubs, moito antes de se converter nas grandes estrelas que despois foron, é o que as fai tan especiais e únicas", engade.
A mostra está composta por 20 fotos, en formato de 60x50 cm., orixinalmente tomadas en branco e negro e agora coloreadas dixitalmente, tras un labor previo de documentación, por Alfredo Marcos, responsable de Quatroymedio.
OUTRAS ACTIVIDADES PARALELAS
No que respecta a outras actividades complementarias, salientar dúas catas de viño de Bodegas Martín Códax, promotor deste festival, (mércores 6 e 13) e unha cea con maridaxe musical (mércores 20).
Tamén haberá unha nova edición do ciclo Blow Up... A música no cinema, con tres proxeccións (venres 22, sábado 23 e domingo 24); as presentacións dos libros Lo tengo en vinilo, de Óscar Avendaño (venres 15), e Rumours. La tormenta emocional de Fleetwood Mac, de Xavier Valiño (venres 22); e tres pinchadas a cargo de Dj Sanma (sábado 9), Dj Abelvision (venres 15) e Javi Savoy (venres 22).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.