Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/11/2024 | Actualizada ás 13:16
O portavoz de Enerxía do BNG, Xosé Manuel Golpe, acusou á Xunta de atrasar a modificación do canon eólico para "regalar millóns de euros" ás empresas eléctricas que xa solicitaron a repotenciación dos parques eólicos instalados en Galicia. "Ímonos atopar cunha chea de parques eólicos que se están repotenciando mentres o canon que teñen que pagar polos aeroxeradores segue sen modificarse, o que permitirá ás empresas aforrar moito diñeiro", denunciou.
Segundo manifestou o Bloque nunha nota de prensa, por media ducia de parques que xa teñen solicitada a repotenciación as arcas públicas galegas "deixarán de ingresar case 1,5 millóns de euros". Ademais, Golpe reclamou á administración autonómica que acelere os cambios no canon. Neste sentido, lembrou que o BNG demanda a súa modificación para adaptalo "aos avances tecnolóxicos que permiten reducir o número de muíños, o que fai que as empresas paguen menos".
Para os nacionalistas, a modificación urxe agora aínda máis porque, "a través da lei de acompañamento dos orzamentos de 2025, a Xunta vai obrigar aos promotores a unha repotenciación". "Iso non é malo, porque imos ter menos muíños moito máis altos", explicou Golpe, que subliñou a "perversión" que implica que nesa mesma lei "non se modifique tamén o canon eólico".
"É polo menos curioso que o PP non aproveite unha lei coa que se modifican pola porta de atrás ata 50 leis e decretos, coa que se vai a cambiar o plan sectorial eólico, para cambiar tamén o canon, deixando que as eléctricas sigan facendo caixa á conta dos recursos dos galegos e as galegas", engadiu.
Segundo a análise feita polo BNG, polo menos seis parques teñen en marcha xa a repotenciación. Trataríase dos parques de Corme (Ponteceso), Novo (Narón, Valdoviño e San Sadurniño), Somozas (As Somozas), Serra da Panda (Mañón e Ortigueira), Coriscada (Mañón e Ortigueira) e Muras (Muras, Ourol). Doutra banda, o representante do BNG criticou a "arbitrariedade máxima" que considera que a Xunta pretende introducir a través da lei de acompañamento no plan sectorial eólico.
INCIDENCIA TERRITORIAL
"Introducen tal cantidade de excepcións no texto que o propio plan carece de sentido", afirmou Golpe, quen tamén rexeitou, por exemplo, "que os parques existentes poidan ser modificados á marxe do plan sectorial", o mesmo que aqueles proxectos que teñan unha "clara incidencia territorial" pola súa entidade económica e social. "Vaise a poder pór un parque eólico en calquera lugar do país só con que o Consello da Xunta o determine", advertiu o deputado nacionalista.
Así mesmo, fixo referencia tamén ás zonas de aceleración renovable que, na súa opinión, "constitúen a excepción do plan sectorial que máis chama a atención". "Se xa temos instalados máis de 3.700 MW de potencia eólica, se imos declarar proxectos de incidencia territorial, se imos decretar en que zonas se pode instalar sen ter un plan, de que serve o plan?", cuestionou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.