O PPdeG comprométese a pelexar en Europa pola cuestión eólica: "Hai que defender o presente e garantir o futuro"

Ángeles Vázquez lembrou que nos 11 anos de vixencia da Lei de avaliación ambiental estatal "ningún tribunal albergou dúbidas sobre se o procedemento fixado nesta norma se axustaba ao dereito comunitario".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2024 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

O PPdeG mostrou o seu compromiso a dar a batalla en Europa no que se refire á tramitación ambiental de proxectos eólicos en Galicia para "defender o presente e garantir o futuro de Galicia". Así o ratificou esta semana a Comisión de Medio Ambiente do partido nunha reunión encabezada pola coordinadora deste órgano, Marisol Díaz Mouteira, e na que tamén participaron o eurodeputado Adrián Vázquez e a responsable de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta, Ángeles Vázquez.

Na reunión abordouse a cuestión prexudicial sobre os eólicos presentada polo TSXG o pasado mes de xuño ante o Tribunal de Xustiza Europeo e na que, tal e como anunciou esta semana a conselleira de Medio Ambiente, o Goberno galego se personará co obxectivo de "defender o seu bo facer e as plenas garantías coas que contaron as autorizacións de parques eólicos concedidas nos últimos anos".

"Este é un problema para o que urxe unha solución canto antes e ante o que todos deberiamos ir a unha na defensa dos intereses de Galicia", subliñou Adrián Vázquez, que tamén lamentou a postura do BNG que, na súa opinión, "parece que quere que volvamos vivir nos castros e sen electricidade", e do PSdeG, que "supostamente reclama enerxía eólica en Galicia pero en Bruxelas só pon pedras no camiño".

Así mesmo, o eurodeputado tamén insistiu en que a resolución desta cuestión "terá afectación en todos os países europeos" e, por este motivo, xunto co seu compañeiro Francisco Millán Mon, avanzou que xa contactaron con algúns responsables de Medio Ambiente doutros estados membros para "alertalos desta situación tan preocupante".

"INTERPRETACIÓN PROPIA"

Pola súa banda, Ángeles Vázquez lembrou que nos 11 anos de vixencia da Lei de avaliación ambiental estatal "ningún tribunal albergou dúbidas sobre se o procedemento fixado nesta norma se axustaba ao dereito comunitario". Por iso, considera que "sorprende" a "interpretación propia" realizada polo TSXG e polo que "de forma errónea" rexeita a forma de actuar do Goberno galego "segundo o establecido, precisamente, na normativa estatal".

Nesta liña, remarcou o seu convencemento de que a tramitación feita en Galicia tivo como base a aplicación dunha lei "acorde coa normativa comunitaria" e, por iso, defendeu a actuación levada a cabo en todos os procedementos sometidos a avaliación ambiental desde 2013. En concreto, denunciou a "parálise" que asegura sofre o sector eólico en Galicia debido ao "goteo constante" de recursos xudiciais contra as autorizacións de novos parques que levaron a que Galicia "pasase de ser líder en España en potencia eólica instalada a caer ata a cuarta posición".

Comisión de Medio Ambiente do PPdeG
Comisión de Medio Ambiente do PPdeG | Fonte: PPDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José Manuel Souto Lamas

FÓRA depredación eólica. BNG, verdadeiro goberno galego.