Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2024 | Actualizada ás 11:50
A Fundación de Estudos de Economía Aplicada (Fedea) prevé que Galicia peche 2024 cun superávit do 0,4% do Produto Interior Bruto (PIB). Este avance de Galicia contrasta co déficit das comunidades autónomas de media que pechará o ano no 0,4% do PIB, cifra lixeiramente superior ao saldo negativo do 0,3% previsto pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) e "moi por encima" das previsións do Goberno de equilibrio orzamentario.
Segundo estas previsións, un total de noves comunidades terminarán 2024 con déficit: Comunidade Valenciana (-1,8%); Murcia (-1,6%); Cataluña (-0,7%); Comunidade de Madrid (-0,5%); Castela-A Mancha (-0,3%); País Vasco (-0,3%); Andalucía (-0,3%); Estremadura (-0,1%) e Castela e León (-0,1%).
En cambio, oito autonomías acabarán 2024 cun saldo en positivo: Asturias (1,2%); Canarias (0,9%); Navarra (0,7%); Cantabria (0,7%); Baleares (0,6%); Galicia (0,4%); A Rioxa (0,3%) e Aragón (0,1%).
No seu último informe de xullo, a Airef situaba estimaba un superávit para Galicia do 0,2% do PIB ao termo do ano (unha décima menos que a súa anterior previsión). Sinalaba que apreciaba "risco de incumprimento" da regra de gasto na comunidade galega para 2024, algo que tamén ocorre no resto de autonomías. Unha cuestión que "implica unha deterioración das finanzas públicas a medio prazo".
"NON É UNHA BOA NOTICIA"
Para Fedea, a previsión dun déficit autónomico do 0,4% do PIB para este ano "non é unha boa noticia", pois ademais de que a redución é moi inferior á prevista polo Goberno, esta desviación prodúcese "polo forte crecemento do gasto", en particular do consumo público e, por tanto, haberá "unha deterioración estrutural".
Así o sinala Fedea nun novo número do seu Observatorio Fiscal e Financeiro das comunidades, elaborado por José Ignacio Conde-Ruiz, Manuel Díaz e Carmen Marín, no que analiza os ingresos e gastos autonómicos ata xullo 2024 e presenta unha estimación do saldo orzamentario autonómico a peche do exercicio.
CUALIFICACIÓN CREDITICIA
Por outra banda, EthiFinance Ratings mantén a cualificación crediticia da Xunta de Galicia en BBB+, con tendencia estable, "apoiado polo favorable perfil social da rexión, os seus baixos niveis de débeda e a progresiva diminución da dependencia dos recursos do Fondo de Liquidez Autonómico".
Esta axencia europea independente de cualificación destaca "o sólido marco institucional e a estabilidade gobernamental". Con todo, "persisten algunhas limitacións relacionadas cos retos estruturais da rexión e o incremento do gasto público nos últimos anos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.