A Xunta ampliará o próximo ano a vacina contra o papiloma humano aos mozos de até 21 anos

Ata agora só era para os menores de 18 anos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/11/2024 | Actualizada ás 15:21

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este mércores que, despois de que neste ano se comezara a vacinar en Galicia contra o papiloma humano aos homes de até 18 anos, este límite ampliarase o próximo 2025 para abarcar aos mozos de até 21 anos.

Unha persoa recibindo a vacina
Unha persoa recibindo a vacina | Fonte: SFGA - Arquivo

"Galicia seguirá á cabeza do calendario de vacinas non só en España senón no mundo", aseverou, en resposta á líder do BNG, Ana Pontón, quen lle preguntou sobre cuestións sanitarias nun debate que acabou en rifa tras denunciar a nacionalista que o PP "quere impor" o plan de traballo da comisión de investigación sobre contratos da Xunta activada na Cámara autonómica.

Máis aló da pequena liorta xerada ao redor deste asunto, na sesión de control Rueda realizou o anuncio relativo á ampliación do calendario autonómico de vacinas e, en concreto, ao paso encamiñado a combater o virus do papiloma humano (VPH). Fontes da Consellería de Sanidade consultadas por Europa Press concretaron que, desde o 18 de setembro, vacináronse 3.442 homes de entre 15 e 18 anos.

Foi esta a xornada na que se iniciou a nova estratexia autonómica de vacinación fronte ao VPH co obxectivo de inmunizar a 27.000 mozos nados entre 2006 e 2009. Para desenvolver esta campaña no ano 2024, a Xunta trasladou que investiría 682.267 euros. Ademais, este mércores o presidente galego reivindicou que o seu Executivo seguirá traballando para "mellorar" a sanidade e, fronte ás críticas de Pontón, defendeu que Galicia é "a terceira comunidade con mellor espera cirúrxica, a metade da media nacional".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta