Por Galicia Confidencial | A Coruña | 06/11/2024 | Actualizada ás 15:31
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, realizou este mércores unha visita a Meteogalicia, na que aproveitou para detallar e pór en valor o sistema "punteiro" de alertas meteorolóxicas co que conta Galicia, e aproveitou para volver reclamar ao Goberno o traspaso das competencias desta área, tendo en conta que a información coa que se conta desde a Xunta é "máis precisa", máis detallada e con máis anticipación que a da Aemet.
Así, a conselleira puxo en valor a rede de estacións de medición e o traballo no desenvolvemento dunha ferramenta que fai predicións a tres días vista e comunícaas con 48 horas de antelación pero que, polo momento, enfróntase a unha duplicidade de modelos, dado que afecta á conca Galicia Costa, pero non á parte da Confederación Miño Sil.
Durante a súa intervención ante os medios, Ángels Vázquez puxo en valor o sistema galego de previsión de inundacións e secas, que implica a coordinación de dúas entidades: Meteogalicia e Augas de Galicia. Trátase dun medio non só de observación, se non de predición, "punteiro a nivel mundial", polo que se interesaron outras comunidades e o Goberno central. As previsións de choiva do modelo atmosférico de Meteogalicia serven de entrada para o modelo Merlín, un sistema de alerta temperá de risco de inundacións na demarcación hidrográfica Galicia-Costa, a que depende da Administración galega.
PREDICIÓN A TRES DÍAS VISTA
Esta iniciativa, desenvolvida durante catro anos por Augas de Galicia en colaboración coa Universidade da Coruña, ten o obxectivo de prever o posible desbordamento dos ríos na conca de competencia autonómica con suficiente antelación. Os datos, explicaron os seus responsables, obtéñense a tres días vista e facilítanse ao 112 con 48 horas de antelación para que sexan o máis precisos posible.
É, remarcaron, un modelo predictivo e non unicamente de observación, que ten en conta parámetros que acumula durante 30 días e que, ademais, vai comprobando a adecuación das súas previsións cos resultados reais para perfeccionarse.
Deste xeito, en base ás predicións de Meteogalicia e da Aemet, Merlín mide tanto as previsións hidrolóxicas -metros cúbicos de auga dos ríos- como as hidráulicas, que estiman a tres días vista até onde poden chegar as inundacións segundo o nivel do caudal estimado. Concretamente, na actualidade, esta ferramenta proporciona predición hidrolóxica nun total de 53 puntos e predición hidráulica en 14 áreas de risco potencial significativo de inundación.
ALERTAS
No que vai de ano, Augas de Galicia elaborou 36 informes do sistema Merlín, sen que se rexistrase ningún aviso de alerta, aínda que si 16 prealertas. Tal e como explicou Juan Taboada, coordinador de Meteogalicia, tómanse como referencia certos niveis para cada parámetro e para cada unha das áreas que, se se traspasan, procédese a trasladar o correspondente aviso a Protección Civil --xa sexa nivel amarelo, laranxa ou vermello--. Este último ente é o responsable tanto de mobilizar os medios precisos, así como de alertar á poboación.
Taboada fixo fincapé en que, aínda cun nivel de incerteza, a Meteoroloxía é "unha ciencia" e que, por tanto, pode predicir se conta cos datos necesarios. "O orzamento tradúcese en máis seguridade", engadiu.
OUTUBRO CÁLIDO
Durante a súa visita, Ángeles Vázquez coñeceu tamén o avance do informe meteorolóxico elaborado pola entidade sobre o pasado mes de outubro, que foi moi cálido e moi húmido.
A temperatura media alcanzou en outubro os 16,2 graos e unha anomalía media de 1,7 graos superior ao habitual, segundo os datos rexistrados en 11 das estacións meteorolóxicas máis representativas. Para a temperatura máxima -19,9 graos-, cunha anomalía de 0,6 graos máis que o normal nestas datas, o mes considérase cálido e para a mínima -12,7 graos-, cunha anomalía de 2,7 graos, extremadamente cálido. No caso das precipitacións, a media rexistrada entre as 16 estacións máis representativas alcanzou os 290 l/m, un 53% superior ao valor climático normal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.