Por Europa Press / Redacción | Santiago | 06/11/2024 | Actualizada ás 17:36
O BNG rexistrou novas iniciativas para axilizar o protocolo para a xestión dos rexistros de obxectores de conciencia e, así, "garantir o dereito das mulleres ao aborto na sanidade pública".
Segundo explican nun comunicado, a través da senadora Carme da Silva, insisten na necesidade de que o Ministerio de Sanidade impulse o protocolo, "evitando as obxeccións en bloque, e non continúe poñendo en risco ás mulleres que están a ver vulnerado un dereito fundamental".
Lembran que a Lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo regula a obxección de conciencia e inclúe a elaboración de rexistros de obxectores na sanidade pública a cargo das Comunidades autónomas.
Para que sexa posible, insisten, o Goberno debe confeccionar e publicar o protocolo correspondente para a xestión dos citados rexistros. Para a senadora, "non consiste en facer listas, senón en poder garantir a prestación deste servizo na sanidade pública e poder planificar os medios para evitar as dificultades que se poidan derivar de situacións de obxección de conciencia en bloque".
"O Ministerio debe facer público o documento e explicar as súas propostas. Non se entende por que tanto atraso á hora de publicalo. Sanidade debe actuar dunha vez e sacar o protocolo", afirma Carme da Silva, que apunta que así se evitaría que se utilice, por parte dalgunhas autonomías, "como argumento para non ter listos os rexistros".
Insiste a senadora en que as administracións públicas "deben garantir" o dereito á interrupción voluntaria do embarazo na sanidade pública, "ademais de adoptar as medidas necesarias para impedir que gran parte do persoal médico declárese obxector na sanidade pública, pero préstese á práctica de abortos na privada".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.