Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2024 | Actualizada ás 14:45
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, inaugurou este xoves o acto de presentación da Estratexia Galega Reduce Radón, onde alertou do "problema para a saúde pública" que representa este gas, sobre todo en Galicia. A estratexia, destacou, é unha iniciativa "pioneira" coa que a Xunta de Galicia "tratará de facer fronte aos problemas de saúde que se derivan da exposición a este gas". Gómez Caamaño sinalou que a inhalación deste gas é a primeira causa de cancro de pulmón en persoas non fumadoras e que é responsable de entre un 10 % e un 15 % dos casos totais de cancro de pulmón en Galicia, chegando a causar ata un 7 % das súas defuncións.
Por este motivo, precisou, e coa intención de facerlle fronte a un problema de saúde pública "no que Galicia é a comunidade española máis afectada debido á súa composición xeolóxica", a Dirección Xeral de Saúde Pública deseñou unha estratexia a nivel nacional para reducir os niveis de radón no período 2025-2030. O conselleiro detallou os cinco eixos de actuación da iniciativa nos que se desenvolverán medidas específicas. En primeiro lugar, buscarase identificar os niveis deste gas en distintos lugares da comunidade para facilitar o deseño de medidas de protección colectivas. Para iso, realizaranse medicións en centros educativos e sanitarios, fomentando tamén a medición dos fogares e centros de traballo privados.
O segundo dos eixos centrarase na vixilancia epidemiolóxica da saúde para orientar dunha forma "máis eficaz" a prevención de riscos e realizar así unha planificación e avaliación sanitaria. Así, implantarase un novo sistema de recollida de información sobre a exposición ao radón para incorporalo á historia clínica dos pacientes. Outro dos aspectos contemplados será a xestión do coñecemento sobre os efectos na saúde deste gas "para conseguir a integración de todos os sectores implicados, buscando solucións holísticas". A este respecto, impulsarase a investigación interdisciplinar en colaboración coas universidades galegas.
En cuarto lugar, prestarán especial atención ao desenvolvemento dunha comunicación eficaz co deseño dun Plan informativo sobre os riscos para a saúde, e para o que se elaborarán novas guías para reducir a exposición nas edificacións máis antigas. Por último, o quinto eixo atenderá á xestión do risco da exposición ao radón coa creación dunha comisión interdepartamental que, adscrtia á Dirección de Saúde Pública, coordinará todas as políticas públicas vinculadas esta temática.
OFICINA TÉCNICA DE CONTROL DO RADÓN
Tamén durante este acto, o conselleiro avanzou que o Goberno autonómico ten previsto crear a Oficina Técnica de Control do Radón, un ente que se encargará de pór en marcha todas as medidas anteriormente citadas. A estratexia enmárcase dentro da liña de acción global que leva a cabo a Xunta para combater o cancro de pulmón, e onde tamén se inclúen iniciativas como o Plan Inspira Saúde ou o proxecto piloto do cribado poboacional de cancro de pulmón.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.