Por E.P. | Pontevedra | 07/11/2024 | Actualizada ás 17:20
Os sindicatos CIG e UGT convocaron dúas xornadas de folga, os días 11 e 12 de novembro, no sector de limpeza de locais e edificios da provincia de Pontevedra, para denunciar o bloqueo na negociación do convenio (caducado desde decembro de 2022) e reclamar melloras laborais e salariais.
Así o avanzaron en roldas de prensa en Vigo e Pontevedra, responsables das federacións de servizos de ambas as centrais. Na cidade olívica, o secretario comarcal de CIG Servizos de Vigo, Alfredo Filgueiras, sinalou que este convenio afecta a máis de 12.000 persoas na provincia, maioritariamente mulleres, e que, tras 16 reunións e unha mediación do AGA, non se chegou a un acordo coa patronal.
Segundo lembrou, as empresas non aplicaron a actualización do IPC nos salarios de 2023, cuestión pola que os sindicatos presentaron un conflito colectivo. Con todo, matizou, á marxe do percorrido xudicial da demanda, os traballadores necesitan ter un novo convenio, que inclúa non só a actualización dos salarios, senón tamén outras demandas, como a ampliación dun día de vacacións, un día máis de asuntos propios ou modificacións de xornada que permitan repartir as horas adicionais entre o persoal que non teña xornada completa.
Pola súa banda, o representante de UGT, Jesús Fernández, lamentou que a patronal "non deixa outro camiño" que non sexa saír á rúa a reclamar os seus dereitos, debido á súa posición inmovilista.
Fernández recalcou que este é un sector altamente feminizado e moi precarizado, xa que a maioría de traballadoras teñen contratos dunhas poucas horas, e ingresan cada mes entre 300 e 400 euros. A iso súmase que, nestes anos, non puideron actualizar os seus salarios conforme ao IPC, e estima que a perda de poder adquisitivo foi dun 12 %.
"Na pandemia pedíronnos estar á altura, e fomos esenciais. Agora non nolo recoñecen á hora de negociar; cando veñen mal dadas estamos aí, pero cando reivindicamos os nosos dereitos négannolos", criticou, antes de lembrar o "volume brutal de beneficios" das empresas.
Ademais das xornadas de folga, CIG e UGT convocaron para os días 11 e 12 de novembro dúas manifestacións. O primeiro día sairá ás 12,00 horas do cruzamento de Vía Norte e Urzáiz, e o segundo día sairá do mesmo sitio, ás 19,00 horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.