Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2024 | Actualizada ás 17:46
Pensionistas e xubilados da CIG realizaron mobilizacións no sete cidades galegas para esixir que a contía mínima das pensións sexa igual ao salario mínimo interprofesional (SMI).
A pensión media galega é case 15 puntos menos que a contía estatal, de 173 euros menos ao mes. "Isto sitúa a Galicia de segunda pola cola coas pensións máis baixas de todo o Estado", critica o sindicato, con Ourense como a provincia coa pensión media máis baixa.
A CIG denuncia que "é imposible vivir con dignidade e sen penurias con pensións como as galegas". Por iso, demanda que se fixe por lei a igualación das pensións mínimas e do SMI, que "debería ser de 1.253 euros, que é o 60% do salario medio, tal e como se recolle na Carta Social Europea".
O colectivo advirte que a situación tampouco vai mellorar se non se derroga a "perversa" reforma das pensións, "que ten como obxectivo non só dificultar, aínda máis, o acceso á pensión para moitos traballadores e traballadoras, senón tamén reducir as súas contías".
Alerta de que as mulleres pensionistas galegas cobran de media 421,88 euros menos que os homes, cunha brecha de xénero das pensións no 33,6%. E é que os homes teñen de media cotizados 35,6 anos, 11 anos máis que as mulleres, que teñen 24 anos e medio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.