Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2024 | Actualizada ás 19:50
A Comisión de Cultura do Parlamento galego aprobou este xoves o ditame do proxecto de Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, co que este texto lexislativo queda pendente da súa aprobación definitiva en sesión plenaria. Foi aprobado cos votos a favor do grupo popular e a abstención de PSdeG e BNG.
"Estamos a falar dunha lei pioneira que ofrece un amplo marco a partir do que sexa natural a participación cultural efectiva, afectiva e produtiva de todas as persoas, con especial atención ás que se atopan nun contexto de especial vulnerabilidade polas súas dificultades ou riscos de exclusión", manifestou na súa intervención a deputada popular Carmen Pomar.
O obxectivo, engadiu, é "promover as condicións e remover os obstáculos que impidan ou dificulten que a participación na vida cultural sexa efectiva, inclusiva e accesible para todas as persoas, con especial atención ás que presentan algún factor de risco ou exclusión cultural".
Esta nova lei pretende, ademais, visibilizar e apoiar os talentos das persoas e colectivos que presentan condicións de especial vulnerabilidade polas súas dificultades ou riscos de exclusión, á vez que as programacións culturais estarán pensadas e adaptadas a todo tipo de públicos, facilitando, de ser preciso, recursos e ferramentas que permitan o pleno acceso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.