Inditex doa 350.000 artigos de roupa, calzado e produtos de fogar para os afectados pola DANA en Valencia

Desde esta semana irá tamén entregando de maneira gradual 12.000 pares de botas e calzado deportivo, así como 188.000 produtos téxtiles para o fogar.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 07/11/2024 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

Inditex, o grupo fundado por Amancio Ortega, doou máis de 350.000 artigos de roupa, calzado e produtos de fogar para os afectados pola DANA en Valencia, que recibirán a partir deste xoves Cáritas, Cruz Vermella e Fundación Entreculturas para a súa distribución, segundo informou a compañía. Atendendo ás peticións recibidas desde estas entidades, Inditex comezará a entregar este xoves 156.000 pezas na Feira de Valencia, dispostas en 10.000 packs individuais de muller, home e neno.

Ademais, desde esta semana irá tamén entregando de maneira gradual 12.000 pares de botas e calzado deportivo, así como 188.000 produtos téxtiles para o fogar. Esta doazón forma parte do compromiso de axuda de Inditex aos afectados pola DANA comunicado a semana pasada, que comprende tamén a achega económica a organizacións sociais e a canalización das achegas voluntarias dos empregados do grupo fundado por Amancio Ortega.

Así mesmo, o grupo realizou unha doazón de 4 millóns de euros a Cruz Vermella Española e a Cáritas Española, 2 millóns a cada unha, para axudar a cubrir as necesidades básicas das persoas vulnerables ou en situación de exclusión afectadas pola DANA, que tamén azoutou a comunidades como Castela-A Mancha ou Andalucía.

Varias persoas durante unha rolda nocturna, a 6 de novembro de 2024, en Paiporta, Valencia
Varias persoas durante unha rolda nocturna, a 6 de novembro de 2024, en Paiporta, Valencia | Fonte: Jorge Gil - Arquivo

SOLIDARIEDADE DOS SINDICATOS


CC.OO. Galicia, UGT Galicia e USO Galicia fixeron un chamamento ás traballadoras e traballadores da Comunidade autónoma sumarse ao xesto solidario coas vítimas da catástrofe ocasionada pola DANA no levante español, fundamentalmente na provincia de Valencia.

Neste sentido, concovan un paro de 10 minutos este venres, día 8 de novembro, ás 12,00 horas, ante todos os concellos e todos os centros de traballo.

Con esta acción, convocada por todo o Estado, as organizacións convocantes buscan facilitar que os traballadores e traballadoras poidan expresar ás familias a súa pesar e condolencias polas persoas falecidas, así como mostrar o apoio a quen perdeu o seu patrimonio, ve incerteza sobre o seu emprego ou a viabilidade dos negocios e empresas que se viron comprometidas.

Así mesmo, búscase instar á mobilización dos recursos públicos necesarios para a protección de empregos, a actividade económica, o coidado e o aloxamento das persoas afectadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta