Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2024 | Actualizada ás 13:17
Un grupo de 35 efectivos da Garda Civil de Galicia partiron este domingo cara a Valencia para prestar apoio nos traballos que sexan necesarios para paliar as consecuencias da DANA. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, agradeceu o "compromiso e implicación" co pobo valenciano destes efectivos "voluntarios". Así mesmo, avanzou que nos próximos días acudirán máis axentes, "en función das necesidades que vaian chegando das autoridades valencianas". "Como dixo o presidente Pedro Sánchez: todos os recursos necesarios durante todo o tempo que faga falta. Toda a solidariedade de Galicia con Valencia", manifestou.
Pola súa banda, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, confirmou que saíron 10 axentes desde Vigo, "nunha mostra de solidariedade e compromiso da Garda Civil de Pontevedra". "Agradecer o ofrecemento destas persoas a trasladarse alí, a profesionalidade, o voluntarismo, o grao de compromiso nunha situación de emerxencia evidente", aseverou Losada, que tamén fixo fincapé en que son unha mostra da "capacidade do Estado para afrontar determinadas situacións duras no persoal, material e que mostran o importante que son os servizos públicos".
Doutra banda, Abel Losada afirmou que a Subdelegación se puxo en contacto coa Subdelegación de Defensa en Pontevedra, que confirmou que a Brilat "está preparada" para activarse "en canto reciban a orde". En concreto, detallou que se trata dunha sección de zapadores e dúas de infantaría que se incorporarían "aos miles de militares que traballan xa sobre o terreo".
RUEDA AVANZA A SAÍDA DUN DISPOSITIVO ESTA MADRUGADA
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que esta madrugada sairá de Galicia un dispositivo con profesionais e materiais cara a Valencia para axudar tras o paso da DANA. Nunha mensaxe nas súas redes sociais, o titular do Goberno galego detallou que, despois do envío do helicóptero Pesca 1 este mércores, a comunidade galega envía un dispositivo cos profesionais e medios materiais que necesita a Comunidade Valenciana. Este dispositivo inclúe efectivos da Axencia de Emerxencias de Galicia (Axega), submarinistas, bombeiros, motobombas ou persoal de Medio Rural, entre outros.
Está previsto que esta madrugada se agrupen en Benavente para emprender o seu camiño cara á zona afectada pola DANA. Este mesmo sábado, o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, mantivo unha reunión por videoconferencia cos responsables e servizos operativos da Delegación do Goberno en Galicia, a Fegamp, de Protección Civil e Emerxencias de Galicia para coordinar o envío de novos medios de apoio e axuda. Tras esta reunión, a Xunta informou de que todas as unidades requiridas e dispoñibles das distintas administracións xestionaranse a través do 112 Galicia.
MÁIS DE 5.000 EFECTIVOS
A Garda Civil incrementa o seu número de efectivos despregados nas zonas afectadas pola DANA que arrasou a provincia de Valencia, ata alcanzar 5.200 efectivos. Ao longo deste domingo desprazarase desde practicamente todas as comandancias de España persoal de reforzo co que se formarán dez unidades duns 50 gardas civís, aos que se unirá máis persoal dos Grupos de Reserva e Seguridade, do Grupo de Cabalaría e do Grupo de Acción Rápida (GAR), informou o instituto armado. Ademais, auméntase o persoal das tres provincias valencianas que terá como labor principal axudar a paliar os efectos da DANA na cidadanía.
A Garda Civil conta sobre o terrero con persoal de seguridade cidadá, agrupación de tráfico, Grupo de Reserva e Seguridade (GRS), Grupo de Rescate e Intervención en Montaña (GREIM), Servizo Aéreo, Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS), Policía Xudicial, Seprona, Equipo de drons, Equipo de Identificación de Catástrofes, Servizo Cinolóxico (cans), Servizo de Información ou Fiscal. En canto a medios materiais, dispón duns 560 vehículos todoterreo, catro oficinas móbiles de atención ao cidadán, vehículos especiais do Servizo de Criminalística, dez embarcacións lixeiras, sete helicópteros ou 69 drons.
Tras catro días dos efectos devastadores da DANA, os esforzos da Garda Civil céntranse na localización de desaparecidos, a identificación de cadáveres e o reforzo dos labores de abastecemento da poboación e as de seguridade cidadá, co obxectivo de "contribuír a alcanzar a normalización da situación canto antes". As unidades implicadas, especialmente as da Agrupación de Tráfico, están a contribuír a facilitar o abastecemento por parte dos medios de transporte de produtos básicos e elementos esenciais á poboación e a axudar aos labores de retirada de vehículos e limpeza das vías de comunicación. Ata a data leváronse a cabo 36.115 rescates e auxilios de persoas en poboacións e na estrada. Como resultado do dispositivo para a prevención de accións de pillaxe e saqueo, realizáronse 35 detencións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.