Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/11/2024 | Actualizada ás 11:29
Un pesqueiro que faenaba pola zona localizou esta mañá no mar, nas proximidades da praia de Mar de Fóra, en Fisterra, o corpo dunha moza que, a falta da confirmación de ADN, é o da menor de 14 anos desaparecida fai nove días en Ordes. Segundo informaron fontes da Garda Civil, o achado produciuse sobre as 9,40 horas da mañá a 1,5 millas da praia de Mar de Fóra, o lugar no que se perdeu a pista da moza fai máis dunha semana.
A embarcación de Salvamento Marítimo Salvamar Régulus foi mobilizada para recoller o corpo e trasladalo a terra, onde será conducido ao Imelga para a realización da autopsia e a confirmación da súa identidade.
Aínda que a identificación é provisional, as mesmas fontes apuntan a que as características e a roupa que leva fan crer que se trata efectivamente da moza desaparecida, polo que tamén se suspendeu o operativo de procura que se mantiña desde fai nove días na área.
A familia da menor denunciou o martes 22 a súa desaparición, despois de que non regresase a casa do instituto. As investigacións e a localización do seu teléfono permitiron determinar que ese día se desprazou en autobús a Santiago e, desde alí, a Fisterra, onde mantivo contacto telefónico con amigas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.