Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 31/10/2024 | Actualizada ás 22:00
Só unhas horas despois de que Valencia sufrise a peor gota fría que se lembra en case 50 anos na zona, con máis de 140 falecidos e aínda ducias de desaparecidos, son moitos os que se preguntan que é o que pasou para que un fenómeno meteorolóxico máis ou menos frecuente na comunidade impactase coa forza que o fixo. Como non puido preverse que algo así podía pasar? Por que chegaron tarde os sinais de alerta móbil? Dende o Galicia Confidencial falamos co xeógrafo galego e profesor na Universidade de Santiago de Compostela (USC) Rubén Lois González, que nos conta o conxunto de factores que puideron ter influído nunha catástrofe destas magnitudes. E é que non hai que esquecer que, como acontece case sempre, non é un único factor o que desencadeou a traxedia, senón unha conxunción deles, con maior ou menor peso. Ademais, tamén nos explica se Galicia podería chegar a verse nunha situación semellante e cal é o principal reto que enfronta nas liñas de costa.
O fenómeno atmosférico que chegou estes días a Valencia non é algo descoñecido para a zona, pois, como apunta Lois, "é algo histórico, dende sempre en Valencia se formaron gotas frías, agora coñecidas como DANAs, todos os outonos ou primaveras, con maior ou menor intensidade". E como se produce a súa formación? "Temos dúas masas de aire nas capas altas da atmósfera cuxo límite entre ambas, en períodos de estacións intermedias, é bastante estable, é dicir, no momento no que os ventos de compoñente oeste no inverno ou no verán veñen máis nítidos, o límite entre a masa de aire tropical e a polar é tamén nítido; sen embargo, no outono, ese límite é bastante máis irregular, formándose unha especie de meandros entre unha masa de aire e outra", apunta Lois, que engade que é aí cando, "nalgún momento, se pode producir un accidente, isto é, unha bolsa de aire frío do norte que se desgasta da masa e se despraza cara o sur, normalmente a áreas mediterráneas, áreas meridionais, queda no medio dun espazo de aire húmido e quente que o rodea, aire subtropical propio do mediterráneo".
"O DEBATE POLÍTICO METEUSE NO SISTEMA DE PREVENCIÓN E ENVÍO DE ALERTAS"
Isto leva acontecendo toda a vida en Valencia, o problema é que, como resalta o xeógrafo, "co cambio climático as temperaturas medias do mar e, polo tanto, desas masas de aire, incrementáronse, quizáis só unha décimas, pero o suficiente para incrementar tamén a perigosidade destes fenómenos". E que provoca este feito? Pois, "como acontece nun sinxelo experimento de físico que poidamos facer no laboratorio, cando tes unha masa de aire fría e húmida rodeada de aire moi quente e se producen este tipo de inestabilidades, ao igual que cando se forma unha treboada no verán cando chocan dúas masas de aire moi quente, tamén dá lugar a treboadas, que normalmente son moi locais e con choivas moi violentas nas zonas onde se dán", o que se coñece comunmente como gota fría. Así as cousas, Lois insiste en que "ese fenómeno que antes se daba cada 15 ou 20 anos con consecuencias catastróficas sempre para a Comunidade Valenciana, agora, acentuado polo cambio climático, está pasando cada 5 ou 10 anos, e cun volume de precipitacións e unha virulencia maior". Deste xeito, a previsión é que fenómenos deste tipo se continúen acentuando, polo que, segundo advirte, "como non tomemos medidas, as consecuencias van ser cada vez peores".
Coñecido xa o factor do cambio climático como desencadeante, que outros factores inflúen nun resultado tan desastroso? Para o profesor da USC está claro que outro dos factores que condicionou tan fatal desenlace é "a falta de adaptación ao territorio, territorio que non se manexa convenientemente". Así, apunta a dous problemas claros. En primeiro lugar, Lois asegura "que o debate político se introduciu no sistema de prevención e envío de alertas, sistema que a administración debería reforzar, pero que, co cambio de goberno que houbo en Valencia, quedou nas mans de Vox durante un ano, partido que desmantelou a axencia e desprotexeu o sistema de aviso temperá para este tipo de alertas, polo que nun contexto de conflito político esta é unha competencia inxurada, e, lonxe de predominar unha coordinación entre Goberno, entidades, comunidades e concellos, o que predomina é a disputa". E, en segundo lugar, apunta a que "os gobernos locais tampouco responden tan rápido como deberían nestes casos".
"HAI UNHA SOBREURBANIZACIÓN QUE PROVOCOU OS EMBALSAMENTOS DE AUGA"
Aínda con todo, incide en que "o problema fundamental está no manexo do territorio". E é que, segundo indica, "cando se producen choivas torrenciais, que todos os anos se producen en Valencia, hai barrancos que van secos todo o ano e ramblas polas que pode baixar a auga a unha velocidade enorme e cun leito de inundación espectacular, sen moito problema, que foi o que sempre aconteceu". Sen embargo, a día de hoxe "temos unha sobreurbanización do territorio que provoca os embalsamentos de auga". Lois explica que "se nós asfaltamos unha estrada, pavimentamos toda unha cidade, facemos baixos de dúas ou tres plantas baixo a terra, construímos rúas estreitas nos lugares polos que antes discorrían as torrenteiras e os barrancos, o que acabamos facendo é canalizar a auga nesas rúas estreitas, auga que, como vimos estes días, chega a varios pisos de altura e leva por diante coches, pontes e persoas que non poden fuxir". Non hai que esquecer que a natureza tiña a súa forma de actuar antes da chegada do ser humano e da súa irrupción con construcións artificiais.
De tal maneira, "ao non respectar as normas do territorio, a auga unha vez que cae á terra vai discorrer seguindo a súa lóxica, lóxica que leva seguindo milleiros de anos", afirma Lois, que ve que o que acontece é que "antes sempre se tivo preparadas escorrenteiras ou ramblas para canalizala, mentres que agora esas ramblas están urbanizadas ou sinxelamente se asfaltaron". Deste xeito, apunta á "especulación inmobiliaria" coma outra das orixes do problema. Ademais, alerta de que "moitas infraestruturas, vías públicas ou pontes tampouco foron construídas con cálculos para aguantar a arremetida destas choivas absolutamente excepcionais". Así, moitas das imaxes de falecidos en casas que quedaron totalmente destruídas polas correntes son tomadas en chairas de inundación nas que se levantaron vivendas a pesar do risco evidente. Como exemplo, Lois apunta que, "en Galicia, sabemos que se chove moito o nivel da auga avanza 3 ou 4 metros, e aínda así sempre temos algún problema en concellos como Caldas de Reis, Padrón ou Cambre, vilas nas que se construíu sobre o leito dos ríos, a pesares de que agora foise canalizando alternativamente a auga".
"URBANIZAMOS E CONSTRUÍMOS ONDE NON PODEMOS NIN DEBEMOS"
Pensando neste exemplo, "se ti multiplicas ese problema que se deu en certos concellos de Galicia por 50 ou por 100, que é o que acontece en Valencia, comunidade cun urbanismo historicamente bastante laxo, estás xerando a contorna perfecta para este tipo de catástrofes". É por iso que para o profesor da USC é certo que "o cambio climático fai que as choivas que se rexistran nestas zonas sexan cada vez peores", pero tamén é evidente que "hai un mal manexo do territorio". Así as cousas, o experto en ordenación do territorio aposta por aprender do acontecido para que non volva pasar no futuro. "Temos que ver ata onde chegou a auga agora para non volver urbanizar nesas zonas, ver canto resistiron as pontes para meterlle maior resistencia, replantexar as zonas de asfaltado ou de colleitas...", apunta. E é que lamenta que "agora hai unha tendencia a botarlle sempre a culpa de que acontezan estas cousas ao cambio climático, e iso esta ben na medida de que axuda a tomar medidas ambientais para non seguir perxudicando á atmósfera co modelo de desenvolvemento que temos, pero hai que saber que non só se debe cambiar iso, senón que tamén se deben tomar medidas sobre o modelo de territorio que temos: urbanizamos e construímos onde non podemos nin debemos".
Ademais, coma outros factores a ter en conta que tenden a influír, derivados da mesma humanización, está o feito de que a Comunidade Valenciana é unha área moi agrícola. Neste senso, Lois lembra que "a agricultura fai que se perda cobertura vexetal en moitos terreos, sobre todo en áreas vitivinícolas ou de cultivos en extensivo", de tal maneira que "cando cae moita auga, arrasa moito máis a terra, ao non haber árbores nin outros obxectos vexetais que a poidan frear". Finalmente, un último problema que o xeógrafo pon sobre a mesa é "a falta de mantemento dos leitos dos ríos e das escorrenteiras, pois as confederacións designadas non limpan o suficientemente ben os ramallos e o lixo que cae nos leitos dos ríos", de xeito que, "cando chega toda esa auga, se se atopa con madeiras, obxectos ou ramas que non se retiraron a tempo, vainas arrastrar ata empotralas contra, por exemplo, o arco dunha ponte, facendo así un embalsamento, un embude". Por poñer un exemplo semellante de falta de mantemento, apunta ao que acontece en Galicia cos incendios, moitos dos cales se estenden máis da conta pola falta dunha limpeza e manfemento adecuado dos montes.
PODERÍA ACONTECER ALGO SEMELLANTE EN GALICIA?
Chegados a este punto a pregunta que nos facemos é: podería acontecer algo semellante ao que pasou en Valencia en Galicia? A resposta por parte de Rubén Lois está clara: "Para comezar, é moi difícil que en Galicia se poida producir a formación dunha gota fría". Ademais, explica que "os solos galegos son moito máis permeables que os valencianos, son silíceos e non sedimentarios, como os de Valencia, polo que absorben mellor a auga". Ao que se debe sumar o feito de que "en Galicia como chove moito estamos moito mellor preparados para resistir a chegada de grandes cantidades de auga en pouco tempo e temos un nivel de adaptación moi bo a esas circunstancias". Agora ben, isto non implica que debamos baixar a garda, pois, como insiste o xeógrafo, "calquera descoido que poidamos ter á hora de construír nos leitos dos ríos, en frentes marítimos, non respectando os 250 metros de distancia da liña de costa e outras irregularidades que non sigan as normas, poden derivar en problemas graves ou desastres puntuais". Iso si, insiste en que, "no caso de Galicia trataríase de desastres puntuais, ao non ser unha área onde se produzan gotas frías".
En Galicia é frecuente que chova abundantemente, polo feito de atoparse a nosa terra no límite entre unha masa de aire frío e unha masa de aire cálido, o que dá lugar ás borrascas, pero é difícil que se forme unha gota fría. Con todo, esa choiva frecuente fixo que co paso dos anos a comunidade se fose preparando máis para resistir as inundacións. Agora ben, Lois puntualiza que, "se hai precipitacións excepcionais, ten que haber un respecto ao leito de inundación dos nosos ríos, que non é tan espectacular nin se amplía tanto como en Valencia", polo que "non se pode construír naquelas localidades que xa están construídas por enriba do cauce, como son os casos de Caldas de Reis ou Padrón, e, sempre que se poida, hai que recorrer a obras de canalización", así como "agardar que as vellas casas que están mal construídas vaian desaparecendo e sendo substituídas por outras que sexan máis resistentes ás riadas". E é que, como insiste, "urbanizar e pavimentar implica unha escorrentía, implica que a auga non penetre na terra e que vaia facendo unha piscina pola parte de arriba unhas cinco ou seis veces superior ao que eran as dinámicas naturais". A mensaxe fundamental é que, con todo o que tocamos, sempre acabamos descontrolando algún elemento da natureza.
"EN GALICIA NON SE DEBEN FACER PASEOS MARÍTIMOS CON MATERIAIS DUROS"
Máis en concreto, para o xeógrafo o que máis preocupa a día de hoxe en Galicia son os paseos marítimos que se construíron e se seguen a construír en moitas localidades de costa como atractivo turístico. "Galicia ten que andar con moito coidado no tocante a respectar as zonas de dominio público marítimo-terrestre, eses 250 metros, que poderían ser 500, nos que non se debería edificar", advirte, apuntando que "aqueles vellos portos pesqueiros arredor dos cales xa están construídas vilas enteiras, débense respectar, pero evitando que se admitan novas construcións". Pois, como asegura Lois, "co quencemento global moitas liñas de costa van ir retrocedendo". O que implica que "tampouco se deben facer paseos marítimos con elementos duros, porque, se o mar medra, estamos poñendo desafortunadamente unha barreira ríxida que pode resistir nalgunha parte, pero que desprazara a auga a 500 metros ou 2 quilómetros de distancia en maior concentración, derivando en procesos erosivos que poden quebrar determinados muros". E é que lembra que "a auga é unha forza que non damos controlado e que, se nalgún momento somos quen de parala nun punto, vai derivar cada outros incrementando o seu poder destrutivo".
Así, apunta a casos como o paseo marítimo da Coruña, o de Sanxenxo ou o de Vigo, feitos con materiais duros como cemento, en lugar de "con madeira ou mesmo mesturando árbores e praias neles". "A auga hai que deixala correr por onde ela vai de forma natural e, o único xeito de que o faga e volva cara o mar de maneira normal, é reservar espazos para cando haxa enchentes, respectando os leitos de inundación e mesmo empregando materiais á hora de construílos que poidan absorber un exceso de auga que lles chegue nun momento determinado, pero nunca asfaltos, cementos nin calquera outro tipo de material construtivo duro, porque entón poderemos ter un desgusto bastante forte", conclúe Lois, que insiste en que, despois dunha catástrofe destas magnitudes como a que está sufrindo Valencia, "é o momento de facer evaluacións ambientais estratéxicas en determinados lugares" e de "cumprir coas normas urbanísticas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.