A Coruña, a provincia máis supersticiosa de España: 3 de cada 10 coruñeses viviron experiencias paranormais

Galicia, no seu conxunto, encabeza o ranking nacional cun 31 % de persoas declarando ser supersticiosas, o equivalente a máis de 3 de cada 10 galegos superticiosos, segundo os datos dun recente estudo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 31/10/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Eu non creo, pero habelas hainas... Cantas veces tes escoitado este dito? Os galegos somos un pobo de mitos e lendas, supersticioso por natureza, por iso non é de estrañar que un recente estudo apunte á provincia da Coruña como a máis supersticiosa de España. En concreto, agrupa ao 5 % de toda a poboación supersticiosa que hai no país, tal e como se reflexa nunha enquisa realizada entre máis de 3.000 persoas con motivo da festividade de Todos os Santos por unha empresa de entretemento 'online'.

Supersticións
Supersticións | Fonte: Commons

Segundo os resultados, A Coruña rexistra un 47 % de toda a poboación que se declara abertamente supersticiosa, isto é, practicamente un de cada dous coruñeses é superticioso. Unha cifra que, en termos nacionais, equivale ao 5 % e convírtea na provincia máis supersticiosa de España. Pontevedra ocupa o segundo lugar en Galicia, cun 44 %; mentres que Ourense e Lugo rexistran cifras moito máis baixas, con apenas un 6 % e un 3 %, respectivamente, e lonxe de que podería pensarse ao tratarse das provincias do interior, máis ruralizadas.

Deste xeito, Galicia, no seu conxunto, encabeza o ranking nacional cun 31 % de persoas declarando ser supersticiosas, o equivalente a máis de 3 de cada 10 galegos; seguida por Madrid e Andalucía, ambas cun 28 %. Sen embargo, os resultados do estudo indican que as cifras galegas poderían ser aínda máis altas, xa que do 69 % que asegura non ser supersticioso, case a metade (46 %) confesa realizar accións supersticiosas "por se acaso". Por outra banda, as autonomías menos supersticiosas son Baleares e Cantabria, empatando nun 16 %. E, dentro de Baleares, Mallorca destaca como a provincia con menor porcentaxe de supersticiosos, só un 4,6 %.

O PODER DA MADEIRA, ENTRE AS SUPERSTICIÓNS MÁIS POPULARES

De entre todas as crenzas supersticiosas, tocar madeira para espantar a desgraza é a máis popular entre os galegos, cun 63 % dos supersticiosos enquisados crendo no seu poder, isto é, máis de 6 de cada 10 galegos. Séguelle pedir un desexo a unha estrela fugaz, cun 53 %; e, en terceira posición, os trevos de catro follas, símbolo tradicional da boa sorte, cun 48 %. O psicólogo e profesor de intervención sociocomunitaria, Joan Gea, explica que "as supersticións e crenzas sobrenaturais permiten ás persoas xestionar o medo e a incerteza da vida, proporcionando explicacións simples ao inexplicable; estas crenzas están arraigadas na nosa cultura, polo que buscamos sesgos cognitivos, como o de confirmación, para reforzar e mantelas vivas".

GALICIA, A SEGUNDA COMUNIDADE MÁIS PARANORMAL DE ESPAÑA

O informe tamén revela que o 32 % (máis de 3 de cada 10 galegos) dos enquisados en Galicia afirma ter vivido algunha experiencia paranormal ao longo da súa vida, sendo só superado por Castela-A Mancha, cun 35 %. Porcentaxes bastante por enriba da media nacional, ubicada no 27 %. Entre as manifestacións máis comúns en Galicia atópanse os ruídos inexplicables (31 %), a sensación de ser observado sen motivo aparente (27 %) e presenciar aparicións (17 %). No plano provincial, A Coruña volve destacar ao concentrar o 32 % das experiencias paranormais galegas, o que representa o 12 % do total nacional, só superada por Toledo, que concentra o 14 % dos casos a nivel estatal.

METODOLOXÍA

O estudo foi realizado a partir dunha enquisa a 3.000 persoas en toda España, centrada nas súas crenzas en supersticións e fenómenos sobrenaturais, así como nos seus hábitos automáticos e experiencias persoais relacionadas co paranormal. As porcentaxes reflexan a proporción de respostas obtidas en cada categoría. Para asegurar a integridade dos resultados, elimináronse as respostas daquelas comunidades autónomas que non chegaron ao mínimo de 100 respostas. Máis información neste enlace.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta