Galicia avanzará progresivamente na aplicación do plan que amplía os supostos para a reprodución asistida

Un dos primeiros pasos será que, a partir de marzo de 2025, poderán acceder a un tratamento as mulleres de 41 anos, cando agora o máximo está situado nos 40.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2024 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) empezará a aplicar de maneira progresiva, con horizonte 2028, o novo plan de reprodución asistida que ampliará os supostos para poder someterse a estes procedementos. Un dos primeiros pasos será que, a partir de marzo de 2025, poderán acceder a un tratamento as mulleres de 41 anos, cando agora o máximo está situado nos 40.

Así o avanzaron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, este luns na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Goberno autonómico. Con este plan, Galicia será "a comunidade que ofreza a carteira máis ampla" deste tipo de servizos, segundo destacaron. Esta estratexia, dotada duns 7,8 millóns de euros, ten medidas paulatinas ata 2028, pero tamén inclúe outras inmediatas, a aplicar de maneira inmediata "este ano". Por exemplo, que a primeira consulta para someterse a un tratamento de fertilidade se demore como máximo 60 días e que a fecundación in vitro poida ser en menos de seis meses.

Tamén será inmediato o acceso a un segundo tratamento para aquelas mulleres que xa tivesen un primeiro fillo por medio destas técnicas e que teñan óvulos xa conxelados. Para as que xa teñan fillos de maneira natural, esta posibilidade aplicarase desde marzo. Así mesmo, a estratexia permitirá que mulleres e persoas trans de entre 30 e 35 anos poidan conxelar os seus óvulos sen necesidade de sufrir unha enfermidade, como as oncolóxicas, que afectase as súas capacidades reprodutivas.

Unha nena pasea pola rúa empuxando un carriño cun bebé de xoguete xunto ao seu pai e o seu irmán
Unha nena pasea pola rúa empuxando un carriño cun bebé de xoguete xunto ao seu pai e o seu irmán | Fonte: Jesús Hellín - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta