Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 07/11/2024 | Actualizada ás 22:00
Houbo un tempo, non fai moito, no que os furacáns e as borrascas que azoutaban con forza cada outono-inverno as costas galegas non tiñan nome. Nin Kirk, nin Klaus, nin Hortensia. E non o precisaban para causar auténticos estragos. Salvando as distancias en canto ao número de falecidos, hai vilas como Padrón, Noia, Caldas de Reis ou Pontevedra que lembran como, ao igual que en Valencia tras a DANA, a finais do século pasado centos de casas e baixos comerciais quedaban anegados case cada ano pola auga que desbordaba os ríos próximos cando había varios días de fortes choivas. Afortunadamente, tempo despois (bastante tardaron), tomáronse medidas para que as panorámicas do exército navegando en balsas polas rúas para rescatar á poboación non se tivesen que volver producir. Dende esa, non houbo que lamentar alagamentos de tal magnitude, pero, cos efectos do cambio climático cada vez máis patentes, calquera cousa pode acontecer de cara ao futuro.
Polo de agora, dende o Galicia Confidencial tiramos de hemeroteca para traervos algunhas das grandes inundacións da historia de Galicia. Moitas delas foron causadas por grandes borrascas sen nome, pois esta práctica non se comezou a implementar ata fai cousa de 7 anos, no 2017. Estes alagamentos son os tradicionais que se dan en Galicia, e adoitan concentrarse nos vales do río Umia, en Caldas de Reis, e do río Sar, en Padrón, causadas por puntas de caudal de limitadas dimensións. En calquera caso, nunca poderían ser comparables coas inundacións que poden darse en zonas do Levante peninsular polos efectos da gota fría, aínda que si causan estragos que se manteñen uns días no tempo. Agora ben, tamén houbo dous importante fenómenos meteorolóxicos históricos que causaron inundacións coma nunca antes se viran en Galicia: o ciclón tropical Hortensia e o ciclón Klaus. Estes si tiñan nome pois dende o ano 1953 os meteorólogos acodaran poñer nome a todo ciclón tropical xerado no Atlántico.
1977: PADRÓN E ROIS ACUMULARON 75 CENTÍMETROS DE AUGA NAS SÚAS RÚAS
Eran as sete da tarde do 9 de xaneiro de 1977 cando o caudal do río Sar comezou a aumentar progresivamente. Dúas horas, ata as nove da noite, chegaron para que o río desbordase por completo ao seu paso polos municipios de Padrón e Rois. Lugares como Iria, Veiga de Pazos, A Meana, O Bordel e Longais foron os máis afectados polas augas. A media noite, a auga acadou a súa altura máxima: 75 centímetros sobre o nivel de desbordamento. Ata a cintura lles chegaba aos veciños da comarca do Sar que trataban de saír ás rúas para poñer a salvo as súas pertenzas, dende coches ata mobiliario. Moita xente asomábase aos balcóns para contemplar unha estampa verdadeiramente desoladora, mentres comprobaban, impotentes, como os seus garaxes ou comercios se converteran nun lago que o cubrira todo.
Só pasou un mes e xa se repetiu o problema: outro desbordamento do río Sar no mes de febreiro de características semellantes ao anterior. As augas desbordadas inundaron todo o carco urbán de Padrón, así como os campos colindantes, con danos moi importantes para os agricultores. A estrada N-550, a principal vía de comunicación entre o sur de Galicia e Santiago de Compostela, cun tránsito de vehículos relativamente importante para a época, estivo cortada durante varias horas. E, de novo, os baixos comerciais de Padrón foron invadidos polas augas.
Tamén por esas datas as rúas doutro núcleos de poboación próximos, neste caso o concello de Noia, situado no fondo da ría de Muros e Noia, sufriron a invasión das augas. Con todo, os documentos da época apuntan a que a cousa se debeu máis a unha certa neglixencia na conservación e mantemento das infraestruturas urbanas (como a rede de sumidoiros) que ao desbordamento como tal das augas dos ríos San Xusto e Tállara.
Dende o punto de vista climatolóxico, a explicación para estes alagamentos pasa porque o mes de febreiro viña precedido por unha situación na que predominaba unha vaguada asociada ao paso de frontes cálidas e frías, o que desembocaría na dorsal causante das fortes precipitacións sobre Galicia que eses días deixaron grandes acumulacións de auga nos ríos. Durante o día 6 de febreiro deuse unha situación de altas presións e, días máis tarde, volveuse recibir, sobre todo no noroeste galego, a visita de dúas dorsais que deixaron máis choivas, de débiles a fortes, ata practicamente mediados de mes.
1978: PONTEVEDRA E PADRÓN CUBERTAS POR MÁIS DUN METRO DE AUGA
O 28 de decembro de 1978, Galicia sufriu inundacións en varias partes do seu territorio como consecuencia das fortes choivas concentradas nas 30 horas anteriores. En consecuencia, na cidade de Lugo, o río Rato provocou o aillamento dos veciños de Paradai de Abaixo, pois o alagamento das estradas e camiños próximos a esta vila da contorna da capital lucense non permitían o paso nin de persoas nin de vehículos. Ademais, tamén na cidade, o río Miño desbordou á altura do Clube Fluvial e algunhas outras instalacións anexas resultaron afectadas polas augas, con materiais inservibles e imposibles de recuperar.
Nesa mesma data, na cidade de Pontevedra, o caudal do río Lérez creceu considerablemente e afectou ao subministro de aguas da cidade, ao quedar anegada tamén a estación de bombeo. Calcúlase que a pronta subida do río Lérez foi de 110 centímetros, é dicir, de máis dun metro. Na zona do Marco, o río Gafos desbordou provocando a incomunicación dalgunhas casas e tamén a da estación de autobuses e ferrocarrís. O transporte público quedou interrumpido ese día e tamén os posteriores. Ademais, como se pode supoñer, rexistráronse inundacións nalgunhas rúas.
Pola súa banda, en Vigo, cun total de choiva acumulada de 60 litros por metro cadrado e ventos de ata 65 quilómetros por hora, rexistráronse inundacións no centro da cidade. Con todo, neste caso dise que estes alagamentos non se deberon tanto ao desborde dos ríos como á insuficiencia da rede de sumidoiros. Onde si houbo inundacións como tal foi na zona de Sárdoma-Laxe, na conca do río Lagares.
E, de volta en Padrón, o río Sar desbordou nesa xornada do 28 de decembro polo mediodía. Varias rúas quedaron completamente baixo as augas. E, a medida que ía avanzando a tarde, o nivel das augas, lonxe de baixar, continuaba subindo, ata o punto de que preto do anoitecer as augas desbordadas chegaban a cubrir xa ao redor dun metro na vila. Despois chegaría a preamar na ría de Arousa, sobre as tres da madrugada, polo que se agardaba para esa hora a maior altura do nivel das augas.
Finalmente, na provincia de Ourense, concretamente no val do río Avia ao seu paso polo Leiro (zona do Ribeiro) as choivas dos dous días anteriores fixeron preciso abrir as comportas do encoro de Albarellos, o cal provocou inundacións en todo o val ata Ribadavia. A cousa non foi unha broma, pois a enchente acadou os 5 metros por enriba do nivel do río, chegando ata San Cristobo.
Ao día seguinte, 29 de decembro, en varios puntos de Galicia repetíronse inundacións, continuadas das do día anterior. Así, en Vigo continuaron os problemas no centro da cidade. En Redondela desbordaron os ríos Alvedosa e Salgueiral. A situación en Padrón estabilizouse dende a medianoite, xa que o efecto que se lle presumía á preamar non se produxo e as choivas aínda que continuaron non provocaron novos aumentos do caudal do Sar. Aínda así, máis de 500 hectáreas que englobaban terras de Padrón, Dodro, Seira, Esclavitude, Veigas de Iria, Pazos, Extramundi e Lestrove foron afectadas pola inundación. No Ribeiro (val do Miño na contorna de Ribadavia) calculouse unha punta de auga duns 700 metros cúbicos por segundo, relacionada coa apertura de comportas do encoro de Albarellos. Augas arriba, en Cabanelas (concello de Boborás), pouco máis abaixo que o outro encoro, o nivel das augas do Avia superou os 7 metros sobre a súa altura habitual.
O río Arenteiro, afluente do anterior, tamén desbordou ao seu paso polo Carballiño. E o Miño, augas abaixo de Ribadavia, inundou o val en Vaparaiso, Francelos e Arnoia. Pola súa banda, a vila de Sarria, na parte central da meseta lucense, resultou anegada polas augas desbordadas dos ríos Celeiro e Sarria. A auga chegou a estar a uns 60 centímetros sobre as rúas de Sarria. O día 30 continuaron as inundacións en Padrón, Caldas de Reis e Pontevedra. En Caldas, o desbordamento do Umia inundou parte da vila. En Padrón, o río Sar volveu saír do leito sobre as tres da tarde ata as sete. En Pontevedra, o río Lérez volveu rexistrar una suba de nivel, que novamente afectou á estación de bombeo, aínda que neste caso non se rexistraron inundacións nas rúas da cidade.
1987: HORTENSIA ASOLAGOU CONCELLOS POR TODA GALICIA, COSTA E INTERIOR
Neste ano tivo lugar unha das inundacións que quedan marcadas na memoria histórica. Ríos co seu nivel de desbordamento amplamente superado, núcleos de poboación totalmente anegados pola augas, miles de persoas desaloxadas, estradas e vías ferroviarias cortadas, barcos á deriva ou afundíndose, subministros de auga, electricidade e teléfono practicamente inutilizados en boa parte de Galicia e grandes perdas económicas para moitos sectores. Todo isto ocorreu acentuado nas comarcas de Padrón e Caldas (vales dos ríos Sar e Umia). Entre os días 15 e 16 de outubro de 1987 choveu como xa non se lembraba. No rexistro de Santiago de Compostela aportaron uns datos históricos de 361 litros por metro cadrado. O paso dun ciclón tropital (Hortensia), causou fortes estragos, que se saíron das mans en moitas zonas.
O forte temporal de choiva e vento que trouxo consigo a Galicia comezou o día 13 e, durante esa xornada, a zona máis afectada foi a comarca de Santiago, con inundacións en diferentes puntos da cidade e o aeroporto pechado ao tráfico aéreo polas fortes rachas de vento que chegaron a acadar os 120 quilómetros por hora. Xa durante o día 14 obsérvanse numerosas inundacións tamén en Lugo, Vigo, Meira e Mondoñedo, debido á concentración das precipitacións sobre determinados lugares e a problemas de infraestruturas urbanas, pero sen que houbese que lamentar desbordamentos ata o momento. Diferente era xa a situación na conca baixa do río Sar, ao seu paso pola comarca de Padrón. Alí si que o Sar comezaba a desbordar ao seu paso pola Meana, Seira, Iria e Pazos, e desde a Veiga de Pazos ata practicamente a entrada do núcleo de Padrón, o desbordamento de auga era xeral.
Como era de prever, o día 15 a situación agravárase considerablemente e os ríos Sar, Umia e Tambre ían completamente desbordados. Noutras zonas de Galicia, os ríos Miño, Landro e Eo acadaron a cota de desbordamento. O río Cabe, ao seu paso pola localidade de Monforte de Lemos, desbordou e provocou tamén inundacións, estimándose que o seu leito acadou unha anchura entre seis e sete veces máis do habitual. Na Mariña lucense o río Masma desbordou á altura do barrio de San Lázaro, en Mondoñedo. En Viveiro a cota de desbordamento foi sobrepasada nun metro de altura polas augas do Landro, e a maioría do val resultou afectado. Na comarca da Limia, no sur ourensán, ventos de 107 quilómetros por hora supuxeron a perda da colleita de castaña, patata e setas. As precipitacións rexistradas ata o mediodía eran duns 62 litros por metro cadrado. O río Avia desbordou en Ribadavia e Leiro. No Carballiño o longo do río Arenteiro era duns 30 metros.
Nos encoros da conca do Sil aliviábase unha cantidade de auga aproximada de 400 metros cúbicos por segundo, cantidad alta tendo en conta que era o comezo do ano hidrolóxico e, practicamente, época de estiaxe. Non houbo inundacións nesta xornada, aínda que si fortes ventos de ata 238 quilómetros por hora. O desbordamento do río Umia afectou especialmente á parte vella do núcleo de Caldas de Reis, onde as augas acadaron 1,50 metros por enriba do caudal de nivel de desbordamento. Nos municipios de Noia e Serra de Outes, na zona baixa da conca do río Tambre, así como augas arriba do encoro Barrié da Maza no mesmo río, o desbordamento foi algo xeralizado debido a problemas técnicos na presa que fixeron a capacidade do encoro insuficiente para conter a onda de enchente. Así, en Ponte Maceira a altura da lámina de auga foi de 1,90 metros sobre o nivel de desbordamento.
Pero, á sombra do sempre citado Hortensia, quedou tamén unha galerna sen nome cuxo paso resultou igual de devastador ou, segundo indican algúns datos e rexistros históricos, mesmo peor que o do afamado furacán. Entre o 14 e o 16 de outubro de 1987, Galicia sufriu un dos episodios meteorolóxicos máis catastróficos da súa historia: un falecido, un ferido grave e varios feridos leves; máis de 2.500 evacuacións polas inundacións, ameaza de desbordamento dun encoro; localidades incomunicadas, sen luz nin auga potable; toda a frota amarrada; estradas e vías do tren cortadas; colexios e institutos pechados... As zonas máis afectadas polas inundacións foron Caldas de Reis e Padrón.
1989: METRO E MEDIO DE AUGA EN PADRÓN E UN METRO EN CALDAS DE REIS
O 17 de decembro de 1989 asístese a un novo temporal con abundantes choivas en Galicia. Ata ese día, só o río Sarela, afluente do Sar, se desbordara levemente augas abaixo en Santiago, aínda que quizáis a situación de maior risco rexistrábase novamente en Padrón, onde a pesar do recente dragado do cauce do río Sar este comezaba a desbordar. O día 20, a inundación xa era xeral en toda a conca baixa do Sar, o que poñía de manifesto a inutilidade das intervencións efectuadas tras as inundacións de 1987. O nivel das augas desbordadas acadou o metro e medio de auga nalgunha das rúas do núcleo de Padrón. O río comezou a desbordar ás catro da madrugada na zona de Pazos e ás dez da mañá comezouse notar o efecto da preamar, que supuxo unha subida de 20 centímetros en 30 minutos. Cara as sete da tarde a auga descendera 80 centímetros, pero seguía chovendo e faltaba a chegada da preamar agardada para as once da noite. As consecuencias foron, pois, semellantes a outras ocasións. En Caldas de Reis, sobre as nove da mañá o río Umia desbordou. Nalgúns puntos da vila a auga chegou a acadar o metro de altura.
Noutras zonas de Galicia, as enchentes foron naqueles días xeralizadas. En Vimianzo, Dumbría e toda a comarca de Bergantiños había un serio risco de desbordamento pola coroación dos encoros de Fervenza e Santa Uxía de Ézaro no río Xallas, no río Grande ao seu paso por Baio. O río Miñor desbordou ao seu paso por Gondomar, en parte polas choivas torrenciais, pero tamén polo desbordamento dos aliviadeiros das presas de Zamáns e Eiras. Calculábase un ritmo de subida das augas de 20 centímetros cada 10 minutos a iso das 10 da mañá. En Vigo o río Lagares desbodou en catro puntos, especialmente na parroquia de San Pedro de Sárdoma e nos barrios de Miraflores e Teis. Tamén se rexistraron inundacións en Vilagarcía de Arousa, aínda que non producidas polo desbordamento dalgún río, senón polo nivel dos seus sumidoiros respecto do mar. Os leitos que si rexistraron leves desbordamentos foron os dos ríos Currás e Xunqueira.
Os feitos volven repetirse na conca do Tambre en Ponte Maceira e Portomouro. En Noia, por algúns dos seus barrios correron as augas desbordadas; calculouse unha altura das augas en torno a un metro. E, de igual xeito, en sectores da conca do Sar e Sarela ao seu paso por Santiago. Ao día seguinte, 29 de decembro, en varios puntos da comunidade galega repetíronse as inundacións que, en algúns casos, non foron máis que unha continuación das xa producidas o día anterior.
2009: KLAUS CAUSA MÁIS DEVASTACIÓN QUE HORTENSIA, CON CINCO MORTOS
Xa en tempos máis recentes, cando as grandes inundacións semellaban ser cousa do pasado, irrumpiu en Galicia o ciclón Klaus, orixinado por cicloxénese explosiva ao bater unha masa de aire quente tropical con outra moi fría no Atlántico na tarde do 22 de xaneiro. Xerouse así unha borrasca profunda con ventos moi intensos que cruzou o norte da Península ao longo da madrugada do sábado 24 de xaneiro. Ocasionou varios mortos e importantes danos materiais. Xerou fortes ventos de máis de 150 quilómetros por hora, que puntualmente chegaron ata os 198 quilómetros por hora en Estaca de Bares. En Galicia, víronse afectados 72 concellos e faleceron 5 persoas: en Burela morreu un Garda Civil que estaba dirixindo o tráfico ao caerlle unha árbore enriba, un mariñeiro portugués foi rescatado dun barco que afundiu nas costas coruñeses e faleceu posteriormente no hospital, un ancián pereceu nun incendio na súa casa causado por un curtocircuíto e un matrimonio de anciáns faleceu en Cervo por inhalación de monóxido de carbono a causa dun braseiro vello que usaran para quentarse despois de máis de dous días sen enerxía eléctrica. No resto de Europa producíronse 21 mortes máis.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.