Novo acordo entre PP e Jácome con críticas dos traballadores por "alta traizón"

9s empregados públicos din que os oopulares ceden ás chantaxes de Jácome para manter a deputación.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 06/11/2024 | Actualizada ás 22:27

Comparte esta noticia

O Partido Popular permitiu este mércores que saísen adiante as modificacións de crédito presentadas polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, no pleno municipal, unha votación que os traballadores acusaron aos populares de "alta traizón".

O Consistorio de Ourense volveu a celebrar outro pleno extraordinario coa intención de aprobar varias modificacións de crédito que xa foran levadas a pleno o pasado 30 de setembro. Naquel momento a oposición votou en bloque "non", pero esta vez o Partido Popular permitiu que saian adiante ao absterse. Todo iso no marco da crispación dos traballadores do concello que acusan aos populares de "alta traizón".

A decisión fraguouse o martes pola noite e esta mañá á primeira hora xa o sabían os traballadores do concello, que trasladaban mediante a Xunta de Persoal un comunicado no que explicaban que a formación popular convocáraos a unha reunión urxente unha hora antes da celebración do pleno.

Os representantes dos traballadores, que rexeitaron asistir, critican que "só pretendían venderlles o favor argumentando que así se garante o proceso de estabilización". Algo que cualifican de "falso" xa que aínda non se publicou a convocatoria sen modificar as bases.

"Ninguén pode garantir que o xoves non se modifiquen as bases dese proceso de estabilización", lamentan desde a Xunta de Persoal desde onde explican que motivou do cambio do voto do PP.

"Desde hai 10 días fálase dunha moción de censura na Deputación formada entre o Bloque Nacionalista galego, Democracia Ourensá e o Partido Socialista", indican. "Onte esa posibilidade tomou máis forza e, a última hora, o PP decidiu abrir a man con Democracia Ourensá, tentando empregar aos traballadores como xustificación". "Están a utilizarnos como mercadoría, como gando", critican.

Nun comunicado, o Partido Popular trasladou ao comezo da sesión plenaria que cambiaban o seu voto "como resultado do compromiso do alcalde para a publicación no Boletín Oficial do Estado do plan da estabilización de emprego", "tal e como xa está publicado no BOP".

Así, aseguran que a pretensión do partido foi "evitar calquera prexuízo aos empregados municipais, cumprindo o compromiso adquirido de garantir o mantemento das condicións iniciais de estabilización".

Nese mesmo escrito, os populares xa falaron de "xogo de tronos" e lamentaron que "partes da oposición dediquen tempo á única procura do poder, xa sexa mediante unha farsa de moción de censura no concello ou un intento de desaloxar o goberno popular na Deputación de Ourense".

O tema volveu saír á palestra durante a sesión plenaria. Nela a edil do PP, Ana Méndez, acusou tanto o Partido Socialista como o BNG de "pactar co alcalde para repartirse as cadeiras de brazos da Deputación". "Si, falo de cadeiras de brazos", insistiu.

Mentres, segundo o seu relato, nas últimas semanas a formación recibiu numerosas chamadas de distintas entidades pedíndolles que desbloqueasen "esta situación" á que, expuxo, "chegouse por unha xestión caótica do propio concello".

"Nós sentámonos a solucionar as cousas mentres vostedes seguen de cínicos", reprochou Méndez, que afeou, ademais, que "o único que lle interesan" aos grupos da oposición "son esas cadeiras das que tanto falan, nin negociacións nin nada". "Como comprenderán o que non imos facer é regalarlles as cousas que conseguimos con votos dos cidadáns. Non creo que o fixesen vostedes tampouco", concluíu a concelleira.

Na votación das oito modificacións orzamentarias DO votou a favor cos seu dez concelleiros, mentres que o Partido Popular facilitou a aprobación coa súa abstención, aínda que só con cinco dos sete edís tendo en conta que faltaban a portavoz Sonia Ogando e do edil Michinel. Pola súa banda, o BNG e o PSOE mantiveron o non.

Desde a bancada socialista a portavoz, Natalia González, recriminou ao PP que este mércores "acaban de apontoar a Gonzalo Pérez Jácome na cadeira da alcaldía ata o final do mandato", "usando como moeda de cambio falsas promesas e levando por diante aos empregados municipais".

A socialista dixo que o PP "hai moito tempo que é a marca branca de Democracia Ourensá" e, ademais, augurou que "está morto politicamente".

"Ten graza que o partido que ten 9 deputados lle diga ao que ten 40 a nivel Galicia o que ten que facer. Que se pode dicir, pero que o digas ti, Natalia, parece unha broma", espetoulle o rexedor municipal antes de darlle a palabra de novo á edil popular, Ana Méndez, quen lle respondeu á socialista que "como actriz non ten prezo". "Dedíquese a arranxar o seu partido e os seus problemas e logo virá darnos leccións", afirmou.

Desde o BNG, o portavoz Luís Seara criticou que "os únicos responsables" de que Jácome sexa alcalde son os populares, unha idea que referendou o seu compañeiro de partido, Xosé Manuel Puga, que ademais é deputado provincial, e lembroulle a Jácome que "o PP o puxo aí no 2020 cando era a terceira forza política".

"O único que non viramos agora é que os sentados na bancada do PP representan o máis miserable e o máis vil da política, esa é a realidade porque o único que nos argumentan é que parece ser que había unha estratexia para quitarlles a Deputación", manifestou o concelleiro. Ademais, deixou claro que, se "mañá" se presentara algunha posibilidade de quitarlle ao PP a Deputación, non terían "ningunha dúbida".

Con todo, aclarou que eles non negociaron "absolutamente nada nin da Deputación nin do Concello máis aló do que se soubo no mes de xuño".

Así as cousas, as modificacións de crédito saíron aprobadas nun clima tenso por parte dos traballadores municipais do concello, que esta mesma mañá congregáronse ante as portas do Consistorio para seguir protestando pola súa situación laboral. Alí portaron carteis dirixidos ao Partido Popular, co logotipo da formación e a frase "alta traizón" entre asubíos e berros cos que recibiron aos populares á entrada do Concello antes da sesión plenaria, desde onde se continuaron escoitando os asubíos.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome(i),durante unha concentración contra el, fronte ao Concello de Ourense, a 6 de novembro de 2024, en Ourense, Galicia (España). Tras a primeira folga contra Jácome, outra se produciu debido ao mandato sempre. Rosa Veiga - Europa Press
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome(i),durante unha concentración contra el, fronte ao Concello de Ourense, a 6 de novembro de 2024, en Ourense, Galicia (España). Tras a primeira folga contra Jácome, outra se produciu debido ao mandato sempre. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta