Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2024 | Actualizada ás 11:56
O Sindicato Médico de Galicia (Simega), adscrito á Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM), esixe á Xunta "acabar co agravio" que, asegura, "sofren os facultativos que non poderán gozar plenamente da redución da xornada semanal a 35 horas, e deberán traballar os sábados". Nunha nota de prensa, o sindicato lembra que esta redución de xornada é un dos acordos da negociación que tivo lugar o 19 de abril de 2023, entre os dirixentes sindicais e os responsables da Consellería de Sanidade, para pór fin á folga de médicos que se estendeu durante nove días.
Así, o Sindicato Médico responsabiliza á dirección de Recursos Humanos desta "discriminación" porque, segundo sinala, "en 18 meses non adoptou as medidas necesarias para a aplicación efectiva do acordo que se ratificou na Mesa Sectorial celebrada horas despois de que finalizase o paro". Tal e como denuncia Simega, "transcorrido un ano e medio sen buscar solucións obrigará ao persoal de atención hospitalaria facultativa (Feas, médicos de admisión, médicos de HADO), médicos de familia e pediatras de atención primaria e FEAPs a continuar traballando os sábados que tiñan en carteira previos ao acordo do 20 de abril, co que na práctica o Sergas non recoñece a xornada laboral de 35 horas a este persoal".
Ademais, o sindicato lamenta que o Sergas volve deixar " á marxe da negociación" da Mesa Sectorial ao persoal estatutario das entidades adscritas á Consellería. Sobre isto, asegura que Simega se dirixiu ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para que poña fin a esta situación "de discriminación". Na súa misiva, segundo destaca, lémbralle que "hai diversas formas de cubrir as necesidades sanitarias, sen que unha parte dos facultativos teñan que ser agraviados, como pode ser a voluntariedade dos facultativos co seu correspondente recoñecemento dese traballo". Neste contexto, o sindicato afirma que espera que o conselleiro poida "emendar a xestión" da Dirección de Recursos Humanos para que desde o 1 de xaneiro todos os facultativos poidan "gozar plena e efectivamente da xornada de 35 horas semanais". Pola contra, apunta, non descarta emprender accións sindicais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.