Mariscadores protestan ante a reunión do Goberno galego en Noia para pedir medidas para o sector

A Plataforma en Defensa da Ría de Muros e Noia reclama un plan de rexeneración para "todas as rías" e a eliminación de "verteduras"

Por Europa Press / Redacción | Noia | 11/11/2024 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

Un grupo de mariscadores protestou este luns en Noia, fronte ao edificio onde se celebraba a reunión semanal do Goberno galego, para esixir medidas contra a baixada da produtividade, desde plans de rexeneración para "todas as rías" ata a eliminación de "verteduras que seguen existindo".

En declaracións á prensa, o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Muros e Noia, Rogelio Santos Queiruga, asegurou que nesta comarca hai o "mellor marisco e peixe do mundo", pero que o actual é "o momento da historia" no que o sector "peor se atopa".

"En localidades como a de Noia e noutra moitas por toda Galicia, as campañas marisqueiras representaban o pan de todo un ano de moitísimas persoas", explicou Santos Queiruga, para lamentar que agora a produtividade está "en mínimos históricos". O presidente da plataforma queixouse de actividades que se realizan en Galicia "dunha maneira que pon en perigo as rías", como a "minaría mal practicada".

Ademais, lamentou que o pasado outubro, no Parlamento galego, o PP votase 'non' a unha iniciativa lexislativa popular para declarar a pesca e o marisqueo como "de interese xeral". Os populares argumentaron que o que demandaba o texto xa está "incorporado e superado" na lei galega do litoral. BNG e PSdeG apoiárona, mentres que Democracia Ourensá abstívose.

Santos Queiruga non negou que a Xunta faga "cousas positivas" a favor do sector, pero cre que "queda moito por facer". Entre as medidas que reclaman os manifestantes, mencionou plans de rexeneración para "todas as rías", que "se eliminen as verteduras que seguen existindo" e que se mellore "a capacida depuradora".

"Nós non vivimos de resultados electorais, nós vivimos do mar", recalcou o presidente da plataforma, non sen antes pedir aos membros do Goberno galego e ao seu presidente, Alfonso Rueda, reunidos desde as 11.00 no edificio do Casino, que non acuda aos concellos "a apoiar aos seus alcaldes", senón tamén a apoiar "ao sector do mar e escoitalo".

Cartel dunha protesta promovida pola Plataforma en Defensa da Ría de Muros e Noia fronte á reunión do Consello da Xunta.
Cartel dunha protesta promovida pola Plataforma en Defensa da Ría de Muros e Noia fronte á reunión do Consello da Xunta. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta