Compañías de máquinas recreativas piden á Xunta que as autorizacións de instalación duren como mínimo 2 anos

Coa vixente Lei de Xogo, se o dono dun local quere quitar unha máquina, pode facelo sen xustificación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/11/2024 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Empresas Operadoras (AGEO) celebrou este martes 12 de novembro unha Asemblea Extraordinaria para presentar as súas demandas á Xunta de Galicia pola vixente Lei de Xogo, entre as que inclúen que as autorizacións de instalación duren mínimo dous anos. En concreto, unha das súas principais peticións é a modificación das AILs, autorizacións de instalación e localización, xa que coa vixente Lei de Xogo, se o dono dun local quere quitar unha máquina, pode facelo sen xustificación.

Por iso, segundo trasladou a asociación nunha nota de prensa, os membros de AGEO piden que sexa imprescindible unha causa xustificada para a eliminación das máquinas dos locais por parte dos hostaleiros. Ademais, esixen que as AILs duren mínimo dous anos, como noutras comunidades autónomas. Outra necesidade que expresan desde a asociación é o igual tratamento ás máquinas de tipo B, coñecidas coloquialmente como comecartos, que ás de apostas.

Compañías de máquinas recreativas piden á Xunta que as autorizacións de instalación duren mínimo dous anos
Compañías de máquinas recreativas piden á Xunta que as autorizacións de instalación duren mínimo dous anos | Fonte: AGEO

Estas últimas, non poden coexistir nos establecementos de hostalaría; só hai, como máximo, unha en cada un deles. Con todo, nas de tipo B o máximo establecido é de dúas unidades. Ademais, desde AGEO manifestaron que a actual regulación, "sen desarollar", dificulta a actividade do sector e pon en risco a 250 empresas e 10.000 postos de traballo.

COLABORACIÓN CON AGAJA

Víctor Mato, actual presidente da asociación, puxo sobre a mesa na Asemblea Extraordinaria, a firma dun convenio con AGAJA, a Asociación Galega de Xogadores Anónimos, coa que buscan "iniciativas para un xogo seguro". Tamén, pretenden facer visible en todas as máquinas das empresas membro de AGEO o número de axuda á solución aos problemas de xogo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta