Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2024 | Actualizada ás 13:14
As universidades públicas galegas e as universidades arxentinas poderán impartir titulacións conxuntas de grao, máster e doutoramento. Farao posible un acordo marco asinado entre ambos os territorios, primeiro froito da viaxe de traballo a este país que encabeza o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.
O representante da Xunta de Galicia presidiu ao acto de firma entre a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e a Comisión Nacional de Avaliación e Acreditación Universitaria (CONEAU). Esta decisión, impulsada desde o Goberno galego co consenso das universidades galegas e a supervisión das axencias de calidade de ambos os sistemas, promoverá tamén o intercambio de experiencias, metodoloxías e ferramentas entre os sistemas de educación superior a ambos os dous lados do Atlántico.
"A Xunta e as universidades públicas galegas coincidimos no obxectivo de estar máis abertos ao exterior e ser máis internacionais", dixo o conselleiro, que considerou un bo arranque este acordo para que "os alumnos arxentinos poidan formarse en Galicia e tamén para que a Comunidade poida enriquecerse co seu talento".
Román Rodríguez puxo en valor a disposición das tres universidades públicas galegas para sumarse a esta iniciativa. De feito, xa están a analizar a oferta académica para poder definir as primeiras titulacións nas que desenvolver esta colaboración.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.