O PPdeG critica ao Fiscal Xeral do Estado: "Está investigado por querer prexudicar a rivais políticos valéndose do seu cargo"

O grupo parlamentario do PPdeG volveu a cargar este mércores contra o Fiscal Xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, investigado por un presunto delito de revelación de segredos, e de quen subliñou que "avergonza" á carreira fiscal, e tamén contra o Goberno de Pedro Sánchez, por "colonizar" institucións como a Fiscalía.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2024 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

O grupo parlamentario do PPdeG volveu a cargar este mércores contra o Fiscal Xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, investigado por un presunto delito de revelación de segredos, e de quen subliñou que "avergonza" á carreira fiscal, e tamén contra o Goberno de Pedro Sánchez, por "colonizar" institucións como a Fiscalía. Así o trasladou a viceportavoz do grupo 'popular', Paula Prado, con motivo da comparecencia do Fiscal Superior de Galicia na Comisión Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, no Parlamento de Galicia.

Paula Prado valorou a profesionalidade dos fiscais e de todos os membros do sistema xudicial en Galicia, aínda que lamentou que, actualmente, a Fiscalía está "desprestixiada" pola situación de García Ortiz, que está "investigado por querer prexudicar a rivais políticos valéndose do seu cargo". Segundo destacou a deputada do PPdeG, o Fiscal Xeral do Estado "avergonza á carreira fiscal, aos xuristas e a todos os demócratas" e censurou o seu "indisimulada dependencia funcional e ideolóxica do Fiscal Xeral do Estado con respecto ao Goberno". Ademais, tamén criticou a situación de "colonización das institucións" por parte do Goberno de Pedro Sánchez, unha situación que "afecta tamén á Fiscalía".

CAMBIO NO NOMEAMENTO DO FISCAL XERAL

Nesta comisión parlamentaria, o grupo do BNG tamén se referiu á institución da Fiscalía Xeral do Estado, aínda que foi para reiterar a necesidade de "cambiar a forma" en que se nomea este cargo. Así, Iago Tabarés avogou tamén porque o mandado do Fiscal Xeral estea "separado" do mandato do Goberno de quenda, tal e como recomenda a Comisión Europea.

O deputado nacionalista censurou a "irresponsable instrumentalización das institucións", con "notables excesos de comportamento" e "buscando derivas de acceso ao poder". Respecto diso, lembrou unha situación do pasado recente, cando "un ministro do Interior dicía 'non te preocupes que iso a Fiscalía afínacho'", uns feitos que "foron comunicados á Fiscalía" e que respondeu "con pasividade", e sinalou que "máis que o ruído dos violentos e os seus exabruptos", debe preocupar "o silencio das persoas boas".

A viceportavoz do PPdeG, Paula Prado, na Comisión Institucional, de Administración Xeral , Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia
A viceportavoz do PPdeG, Paula Prado, na Comisión Institucional, de Administración Xeral , Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia | Fonte: PPDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta