Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2024 | Actualizada ás 19:08
A Consellería de Medio Ambiente abrirá a partir deste venres, día 15 de novembro, o prazo de presentación de solicitudes para a pesca de lamprea nos ríos Ulla e Tea, tal e como publica o Diario Oficial de Galicia.
A lamprea (Petromizon marinus) é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, xa que para a súa captura seguen utilizándose procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies. Esta é a razón pola que cada ano se establece un réxime especial para a súa pesca co obxectivo de que se realice un aproveitamento específico e ordenado da lamprea.
Dentro das pesqueiras tradicionais no río Ulla, existen na actualidade 28 que aínda están operativas. As persoas interesadas en traballar a lamprea nestas zonas deberán estar en posesión da correspondente licenza de pesca e contar co permiso de cuarta categoría para cada día e pesqueira. Como é habitual, xunto cos permisos entregarase un libro de rexistro de capturas que deberá ser debidamente cuberto, estará sempre a disposición das autoridades competentes e, unha vez rematada a tempada, terá que ser enviado ao Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra.
Tal e como establece a orde, para o exercicio da pesca con aproveitamento nas pesqueiras do río Ulla expedirase a licenza das clases A ou B, segundo corresponda, na que se indicará a especie autorizada (lamprea) e especificarase a pesqueira na que se pode practicar esta pesca, de acordo coa lista establecida no Anexo I da orde publicada no Diario Oficial de Galicia.
Segundo a normativa, o período hábil de pesca da lamprea no Ulla para o próximo ano será nas pesqueiras de Areas (Herbón), do 6 de xaneiro ao 29 de marzo, e no tramo comprendido desde a pesqueira As Vellas (Herbón) ata a pesqueira de Trapa (Herbón), ambas as incluídas, do 3 de febreiro ao 26 de abril. No relativo ao tramo comprendido desde as pesqueiras de Caseta e Furado (Carcacía) ata a pesqueira de Lampreeiro, lugar das Pesqueiras (Reis), todas incluídas, será do 3 de marzo ata o 24 de maio.
Polo que respecta aos horarios, as redes só poderán estar colocadas desde as 20,00 horas ata as 08,00 horas, quedando prohibida a realización dos labores de pesca -é dicir, que deberán levantarse as redes das pesqueiras- entre as 08,00 horas dos sábados e as 20,00 horas dos luns.
RÍO TEA
Pola súa banda, no que ten que ver co río Tea, o período hábil estenderase do 1 de febreiro ao 15 de maio e realizarase en días alternos: os luns, mércores e venres, desde as estacadas impares; e os martes, xoves e sábados, desde as pares. Prohíbese a pesca desde as 08,00 horas dos domingos ata as 21,00 horas dos luns; por tanto, permítese a pesca desde as 21,00 horas do día autorizado ata as 08,00 horas do día seguinte.
No caso deste río, as lampreas péscanse desde 'pontóns' de madeira (estacadas) autorizadas previamente. En cada unha poden pescar catro persoas, que accederán a estes postos para a colocación de estacadas mediante un sorteo público previo, que nesta ocasión terá lugar o próximo 17 de xaneiro de 2025 no refuxio da Freixa, ás 11,00 horas.
O prazo para a presentación de solicitudes será de 10 días hábiles a contar a partir de mañá, venres 15 de novembro. Unha vez finalizado este período, elaborarase unha lista cos admitidos e excluídos para participar no devandito sorteo. De acordo co número obtido, cada persoa adxudicataria retirará un lote de permisos de cuarta categoría para toda a tempada, despois de pagar o prezo público que corresponda e de presentar a licenza de pesca correspondente.
Ademais, como vén sendo habitual, entregaráselle a cada pescador, xunto cos permisos, un libro ou folla de rexistro de capturas, que deberá manter debidamente cuberto e sempre á disposición das autoridades competentes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.