Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 18/11/2024 | Actualizada ás 12:31
A avogada do sobrevivente do crime de Velle, Álvaro Blanco, ratificou este luns que, como acusación particular, piden prisión permanente revisable para o acusado, que feriu gravemente ao seu defendido e matou á que era a súa noiva na madrugada do 19 de febreiro do 2021. Ás portas da Audiencia Provincial de Ourense, onde este luns arrincou o xuízo polo coñecido como crime de Velle, a avogada Alejandra Fernández González sinalou que a petición de que ao acusado se lle impoña prisión permanente revisable ampárase en que "os feitos son absolutamente desproporcionados", aínda que tamén expoñen "unha alternativa".
O xuízo polo crime de Velle convértese así no primeiro no que se solicita a pena de prisión permanente revisable na provincia de Ourense polo sucedido aquel 19 de febreiro de 2021, cando o acusado, "con intención de acabar coa vida do seu primo e a súa parella", segundo recolle o escrito fiscal, "e sen un estímulo previo ou causa que o xustificase", de forma "premeditada, tranquila", "planificando e organizando o que ía facer", dirixiuse á casa do seu familiar, tras coller un coitelo na súa casa e dicirlle á súa nai que ía matar uns coellos. Á porta do domicilio do seu primo comezou a gritar "abre, abre" e cando este o fixo, "abalanzouse sobre el sen posibilidade de defensa" e empezou a cravarlle o coitelo repetidamente por distintas partes do corpo ao berro de: "vouvos a matar".
ESCRITO FISCAL
Segundo recolle o escrito do Ministerio Fiscal, a noiva da vítima intercedeu dicíndolle ao acusado que o deixase. Nese momento, "lonxe de cesar na súa actitude, arremeteu contra ela", asestándolle unha coitelada no pescozo e múltiples máis por todo o corpo, que lle provocaron a morte. O acusado desfíxose do coitelo tirándoo a unha leira próxima e volveu á súa casa, onde saltou a alarma do inmoble, "desactivándoa e respondendo tranquilamente a chamada da central", tras o cal quitou a roupa, tirouna ao lixo e meteuse na cama. Durante todo ese tempo, o home ferido conseguiu arrastrarse ata o teléfono e chamar ao seu pai dicíndolle que o seu primo o acoitelou. Así mesmo, escribiu co seu propio sangue, no chan, o nome do agresor por se non conseguía sobrevivir.
Estes feitos son os que xulga a Audiencia de Ourense ata o 21 de novembro. A prisión permanente revisable é a petición da acusación particular das familias das vítimas, mentres que a Fiscalía solicita 17 anos de prisión polo delito de asasinato e 7 polo delito de asasinato tentado. A Fiscalía apunta que concorre a circunstancia de "atenuante analóxica da responsabilidade criminal de alteración psíquica". Considera que o acusado "actuou co seu coñecemento e comprensión do acto afectado de forma moderada" debido "a unha interpretación errónea da realidade" e, en menor medida, "afectada a actuación conforme a esta comprensión". Está diagnosticado dun trastorno psicótico do tipo esquizofrenia paranoide que necesita tratamento médico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.