Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2024 | Actualizada ás 13:40
Educadores e educadoras sociais concentráronse este luns ás portas do Parlamento de Galicia para reclamar unha categoría profesional propia na administración autonómica. Segundo destacou a organización, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg), con esta mobilización pretenden chamar a atención sobre o feito de que á especialidade 'Educador/a social' poden acceder "profesionais sen a titulación universitaria de Educación Social".
Por este motivo, demandan un cambio na Lei de Emprego Público que actualice esta cuestión, como recoñecemento á titulación e "como medida de mellora na prestación dos servizos socioeducativos por parte da Xunta". Neste contexto, o Colexio de Educadores Sociais lamenta que o anterior director xeral de Emprego Público comprometeuse a impulsar a modificación a través da lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta para 2025, pero "o borrador desta lei", que este luns se debatía na Cámara galega, "non incluíu este cambio".
"Por unha banda, está o menosprezo da Xunta ás persoas que investiron diñeiro, tempo e esforzo en estudar a titulación de Educación Social e, por outro, tamén a calidade dos servizos socioeducativos. A Xunta debe garantir que os equipos sexan realmente interdisciplinares, que a cidadanía sexa atendida por profesionais cunha formación especializada no ámbito de que se trate; e no caso da intervención socioeducativa, esa formación especializada é o título universitario de Educación Social", afirmou a presidenta do CEESG, Sonia González.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.