Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2024 | Actualizada ás 18:53
A Xunta demandou ao Ministerio de Sanidade que concrete os seus plans para garantir a prestación a mutualistas de Muface, ao tempo de apelar ao diálogo coas comunidades autónomas.
Faino despois de que o Ministerio de Sanidade considerase unha opción "viable" e "razoable" incorporar ás persoas mutualistas de Muface á asistencia sanitaria pública, isto tras quedar deserto en outubro a cobertura sanitaria aos funcionarios mutualistas os próximos dous anos por parte das aseguradoras privadas.
No seu posicionamento, recollido por Europa Press, esixe ao Goberno central que informe "os pasos que ten pensado dar para organizar a asistencia sanitaria a estes mutualistas e que, en todo caso, poña encima da mesa soluciones que poidan ser dialogadas e acordadas con comunidades afectadas".
"O primeiro que debe de facer o Goberno é explicar a todas as comunidades autónomas, que teñen a competencia na asistenica sanitaria pública aos cidadáns, os plans que manexa para garantir a prestación aos mutualistas de Muface".
"Non é de recibo que o Goberno central aprobe unha medida deste calado sen antes ser dialogada e consensuada con todas as comunidades autónomas afectadas xa que a decisión impacta directamente nos distintos sistemas sanitarios públicos xestionados polas autonomías", recalca Sanidade.
Por outra banda, incide en que o Goberno central "debe aclarar, ademais, cales son os plans que manexa, tendo en conta que, polas informacións coñecidas a través dos medios de comunicación, parece haber unha discrepancia entre o Ministerio de Sanidade, que propón dar por terminado o acordo con Muface, e o de Transformación Dixital e da Función Pública, que parece querer licitar un novo prego que permita manter o servizo aos mutualistas".
A Xunta espera que o Goberno central "adopte as medidas necesarias para garantir a plena asistencia sanitaria aos mutualistas de Muface sen que esta situación afecte e impacte nos sistemas sanitarios públicos das distintas comunidades autónomas".
En todo caso, o Executivo galego sinala que avaliará o posible impacto, a nivel asistencial, de prestacións, tempos de demora e necesidade de medios que suporá o transvasamento deses mutualistas ao Sergas "tendo en conta o perfil dos pacientes, a distribución por área xeográfica e, sobre todo, a necesidade de garantir a continuidade asistencial". Para iso, pide información concreta sobre a historia clínica de cada un para garantir a correcta asistencia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.