O Goberno non confirma se creará en Galicia novos xulgados de violencia de xénero e remítese á súa reforma xudicial

O Executivo, en resposta a unha pregunta do PP no Senado, prevé que a nova lei permita especializar xuíces ou aumentar o número de prazas

Por E.P. | | 25/11/2024 | Actualizada ás 11:39

Comparte esta noticia

O Goberno central non confirma se prevé crear cinco novos xulgados especializados en violencia contra a muller para o resto de cidades galegas --só hai en Vigo e A Coruña--, pero si estima que a súa lei de reforma organizativa do sistema xudicial, que substituirá os xulgados de primeira instancia por tribunais de instancia, permitirá "a especialización" de xuíces nesta materia ou "aumentar o número" de prazas "sen que sexa necesario" instaurar novos órganos.

Así respondeu o Executivo estatal a unha pregunta escrita formulada polo PP no Senado, ante unha reclamación impulsada desde a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que, mesmo, está incluída no pacto de investidura asinado polo PSOE e o BNG en 2023.

Na resposta, con data de 15 de novembro e á que tivo acceso Europa Press, o Goberno lembra que, "co obxectivo de poder prestar un mellor e máis eficiente servizo aos cidadáns", está inmerso en "un significativo proceso de transformación da xustiza" a través do proxecto de Lei de Eficacia Organizativa do Servizo Público de Xustiza, que se atopa en tramitación parlamentaria.

Esta norma, que substituirá os xulgados de primeira instancia por tribunais, "permitirá no futuro atender con máis celeridade e eficiencia ás necesidades de cada momento" e poderán "incrementarse o número de prazas xudiciais" en función do volume de asuntos e a actividade de cada partido xudicial, "sen que sexa necesario crear novos xulgados".

O PP formulaba desde o Senado unha pregunta escrita na que pedía os novos xulgados especializados para Santiago, Lugo, Ferrol, Pontevedra e Ourense, co obxectivo de "poder atender de maneira digna ás vítimas de violencia machista".

Xulgados de Santiago de Compostela / Europa Press - Arquivo / Europa Press
Xulgados de Santiago de Compostela / Europa Press - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta