Pode un coche sobrevivir tras quedar cuberto de barro en Valencia ou atravesar unha inundación en Galicia?

Dende o Galicia Confidencial falamos con Serafín Felpete, directivo da asociación Atreve e propietario de Talleres Base S.L., en Narón, que explica que no caso dos coches de Paiporta "a reparación podería ser de máis do dobre do que custa mercar un coche novo". Tamén nos fala de como é posible que o Mercedes antigo que se viralizou nas redes saíse funcionando do interior dun garaxe cuberto de barro.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 01/12/2024 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

Todos temos na mente, tres semanas despois da catástrofe de Valencia, esas imaxes de centos e centos de coches sendo arrastrados pola corrente de barro que aínda hoxe mantén cubertas moitas rúas de localidades como Paiporta. Vehículos e vehículos apilados os uns enriba dos outros, despois de ter levado golpes e rascadas durante a riada. Coches que quedaron absolutamente inservibles. Sen embargo, o barro tamén chegou ata os garaxes e sotos de centros comerciais e vivendas particulares onde quizáis os coches non quedaron tan maltratados por fóra, a pesar de quedar cubertos igualmente pola lama. Despois de ver como se fixo viral o vídeo no que un Mercedes antigo lograba saír do garaxe funcionando perfectamente a pesares de estar tapizado de barro ao completo, asegurando o seu dono que acendera á primeira sen maior problema, o Galicia Confidencial pregúntase se hai coches que poden aguantar fenómenos adversos da magnitude da DANA en Valencia ou das grandes inundacións que azotan Galicia nalgúns duros invernos. Sobre o asunto ilústranos Serafín Felpete, directivo da asociación Atreve e propietario de Talleres Base S.L., en Narón.

Efectos da DANA no municipio de Alfafar, a 30 de outubro de 2024, en Valencia
Efectos da DANA no municipio de Alfafar, a 30 de outubro de 2024, en Valencia | Fonte: Rober Solsona - Arquivo

Como regra xeral, Serafín asegura que "se o barro chega máis arriba das portas, nun coche actual, este queda practicamente inservible". E é que, como explica, un coche dos modernos "ten moitísimos compoñentes electrónicos, moitas centralitas, moitos módulos (do clima, peches de portas, dos elevalunas) e moitos modos electrónicos, aos que, se lles entra a auga, quedan totalmente inservibles". Ademais, e aínda peor, é "se lle entra auga no motor, pois se a auga entra nos cilindros do motor estes oxídanse", de tal maneira que "aínda que ao mellor non sexa preciso cambiar o motor enteiro, segue sendo unha reparación custosa, porque hai veces que a auga pode chegar a danar as válvulas e, daquela, si que xa habería que desmontar unha parte do motor, algo que leva moito tempo e traballo". Agora ben, auga e barro sumados son unha combinación mortal para case calquera coche, pois "o barro tamén entra ata os asentos e destroza os tapizados, as portas e os materiais que recobren a carrozaría, polo que para poder limpalos habería que desmontar medio vehículo, algo que, loxicamente, sairía por un ollo da cara".

COMPENSARÍA CAMBIAR OS COMPOÑENTES DANADOS POR OUTROS NOVOS?

A pregunta é: non habería a posibilidade de cambiar todos eses compoñentes e poñer o vehículo danado novamente en funcionamento? A resposta é ben sinxela, como nos di Serafín: "Si, pódese cambiar practicamente todo, pero iso economicamente non compensa, pois sae moitísimo máis caro que mercar outro coche, francamente". Canto máis caro? "Pois podemos estar falando de bastante máis do dobre do que custaría mercar un coche novo", asegura este mecánico. E é que xa non só se trata do custe en si das pezas, senón tamén de que "desmontar todo o que habería que desmontar para recuperar un destes coches suporía moitas horas de traballo e, aínda así, habería compoñentes que coa humidade se che rematarían rompendo nas mans". Sen dúbida, "a solución nestes caso é moi mala", asevera o mecánico.

Aínda que en Valencia tras a DANA os coches quedaron cubertos de barro, en Galicia tamén hai coches que sofren duramente os invernos, cando os sumidoiros desbordan e as inundacións cobren as estradas, deixando aos vehículos que teñen que circular por elas coa dúbida de canto de fondo terá a poza que teñen diante para saber se arriscarse a atravesala ou dar volta, se é que teñen a posibilidade. Neste caso, Serafín explica que "o problema empeza cando a auga entra dentro dos tapizados, das moquetas e demais, porque hai compoñentes debaixo das alfombras que se acaban oxidando e pudrindo". Con todo, "se a auga só chega a cubrir a roda, pero non pasa de aí, non debería haber maior problema". "Se a auga non supera o habitáculo onde viaxan as persoas os danos causados poderían repararse", afirma, e pon o exemplo de que "o sistema de freos non é tan difícil de cambiar, por exemplo, e tampouco sería unha reparación moi custosa".

Unha máquina traballa na reparación das vías do tren de Alfafar, onde permanecen vehículos apilados tras o paso da DANA, a 7 de novembro de 2024, en Alfafar, Valencia
Unha máquina traballa na reparación das vías do tren de Alfafar, onde permanecen vehículos apilados tras o paso da DANA, a 7 de novembro de 2024, en Alfafar, Valencia | Fonte: Alejandro Martínez Vélez - Arquivo

QUE PASA CANDO UN COCHE TEN QUE ATRAVESAR UNHA FONDA POZA DE AUGA?

Ante casos de vehículos que tiveron que atravesar grandes inundacións, Serafín advirte de que "o maior problema é o tempo, o tempo que pasa dende que o coche se viu exposto á auga". Así, "se o vehículo bota moito tempo cheo de auga, aí é cando sufriría moitos problemas, moitos deles seguro dificilmente solucionables", explica o mecánico. De tal maneira que, se o coche pasa por unha riada e non sae dela a tempo como para evitar que a auga penetre no interior do habitáculo, esta causaría moito dano, inviablemente reparable dende o punto de vista económico. "Aos coches que lles entra auga e botan un tempo parados con auga dentro, ao final, rematan tendo uns problemas que fan que practicamente queden inservibles", insiste. Pola contra, destaca que "se os coches simplemente teñen que cruzar unha poza, a non ser que lles entre auga pola admisión do motor e se lles pare, o que si que causaría problemas tamén moi graves, non debería pasarlles nada". "Se o coche ao atravesar unha gran poza non se para é porque non lle pasou nada, non lle entrou auga polo conduto de admisión e polo tanto o coche está ben", conclúe Serafín.

E, como non, tamén lle preguntamos como é posible que o Mercedes antigo que se viralizou nas redes puido saír tecnicamente intacto do fondo dun garaxe somerxido pola auga e polo barro. Hai diferenzas entre un coche novo e un coche vello? "Si que hai diferenzas moi notables", asegura Serafín, que afirma que "a un coche máis antigo probablemente non lle fallen nin a metade das cousas que lle chegan a fallar a un moderno ao entrarlle a auga"; mentres que, "nestes coches de agora, que levan moitos compoñentes electrónicos para case calquera función, é moi sinxelo que estes se estraguen coa humidade, e xa non valería a pena nin cambiarllos polo custosas que son as súas reparacións". Ademais, apunta que tamén "depende de onde leve a toma do filtro do aire da admisión". No caso dos coches antigos, todos estes factores son os que os fan un pouco máis resistentes.

O Mercedes clásico indestrutible de Valencia
O Mercedes clásico indestrutible de Valencia | Fonte: Redes sociais
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta