Cans asasinados nas rúas de Bosnia... así extorsionan a unha parella galego-venezolana que o denunciou

Irene e Carlos (@unavidacamper) levan xa uns días viaxando en autocaravana polo país co obxectivo de alimentar e poder facer cochos que permitan aos milleiros e milleiros de cans de rúa que proliferaron tras a guerra de Iugoslavia resistir ás baixas temperaturas. Sen embargo, xa descubriron que as organizacións que supostamente se crearon para axudar a estes animais viven da corrupción e, ao expoñelo nas súas redes sociais, as cousas para eles complicáronse ata o punto de que agora xa vén peligrar a súa seguridade.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 06/12/2024 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

Bosnia-Hercegovina é un deses países que, aínda estando dentro de Europa, permanecen alleos aos ollos dos europeos. Unha pequena extensión de terreo na zona dos Balcáns que a ninguén lle importa e da que ninguén dá conta. E, precisamente en lugares así, onde os ollos da sociedade actual non se pousan, é onde acontecen as cousas máis terribles. Irene e Carlos (@unavidacamper), unha parella galego-venezolana que leva uns días viaxando en autocaravana polo territorio, dá conta ao Galicia Confidencial dunha realidade moi cruenta: milleiros e milleiros de cans da rúa que viven en condicións absolutamente insalubres, axudándose uns aos outros, covivindo en mandas e fuxindo da xente que se adica a tirotealos. Mentres tanto, as organizacións supostamente creadas para axudalos atópanse tan corruptas como o propio goberno, con intereses económicos que superan o obxectivo de coidar e manter estes animais. Estes mozos viviron nas súas propias carnes como, ao tratar de denunciar o que está a acontecer no país, as forzas de seguridade trataron de acalalos a través da extorsión e da intimidación. Hoxe falan con nós para visibilizar o que en Bosnia-Hercegovina está a acontecer e lograr que se faga presión internacional para reverter a situación destes cans.

Can da rúa comendo nun vertedoiro
Can da rúa comendo nun vertedoiro | Fonte: Instagram @unavidacamper

Irene e Carlos chegaron a Bosnia coa súa autocaravana e instaláronse no Parque Nacional Una. Alí, vendo a complicada situación destes cans da rúa comezaron a alimentar aos que se ían atopando, que, como eles mesmos confesan, "cada día son máis os que se suman". Tamén chegaron ao lugar coa intención de facerlles uns cochos nos que puidesen protexerse máis do frío durante os duros invernos do país, porque, tal e como apuntan, "dende que estamos aquí xa nos caeron dúas ou tres nevadas e agora mesmo hai temperaturas baixo cero todo o tempo". Ademais, lamentan que haxa lugares nos que "os cans están convivindo en vertedoiros" e, os que non están alí, "andan polas rúas, parques e bosques sobrevivindo como poden". Segundo puideron investigar, xunto a outra parella de españois coa que colaboran, Guacimara e Pedro (@roadtomagec), que levan xa case 2 meses no país, "esta situación deriva da guerra de separación de Iogoslavia, cando a xente fuxiu deixando as súas mascotas atrás e, dentro desas, foron os cans os que proliferaron en maior cantidade".

Con todo, tras averiguar o motivo, xurdiulles outra pregunta: como é posible que haxa tantos cans e en tan mal estado cando hai ducias e ducias de organizacións que actualmente din adicarse a protexelos e coidalos? Irene conta que a máis antiga que coñecen leva 20 anos traballando no país, "e o problema segue estando". "Como é posible que haxa unha organización que leva 20 anos traballando e moitas outras que se sumaron despois e que realmente o problema, lonxe de subsanarse, vaia a máis, empeorando en certas cidades?", pregúntase esta galega. Non tardaron en descubrir que entre as mesmas organizacións hai certo enfrontamento. Así, continuando coas súas pesquisas, pudieron comprobar que "cando entras nas páxinas web destas organizacións atópaste que unhas piden cartos para atender aos mesmos cans que xa están publicados nas outras, para presuntamente alimentalos, castralos...". Sobre este último punto Irene tamén explica que "os cans que están xa castrados quedan marcados nas orellas, identificados, pero dentro do negocio que se creou entre organizacións e veterinarios, hai cans aos que mesmo captan dúas veces para operar".

"AQUÍ EXISTE MOITA CORRUPCIÓN E HAI XENTE QUE ESTÁ A FACER NEGOCIO CO SUFRIMENTO DESTES ANIMAIS"

Agora mesmo esta parella, máis aló de axudar no que poidan a estes cans da rúa, tratan de averiguar como se leva a cabo o proceso real de adopción en Bosnia (queren levarse a dous), como actúan as organizacións, como se protexe a estes animais... E é que xa se deron conta de que "aquí existe moita corrupción e hai xente que está a facer un negocio co sufrimento destes animais", denuncia Carlos. Como exemplo, Irene cóntanos a historia de Félix, "un can ao que estabamos alimentando que se levaron a castrar dicíndonos que ao día seguinte o teriamos de volta". Iso non aconteceu e comezaron a preguntar por todos os lugares, recibindo continuamente evasivas. Finalmente, "rematamos preguntando ao ONG que paga ás persoas que castran a estes cans da rúa e dixémoslle que sabiamos exactamente o nome, o modelo e a matrícula do coche que se levara ao can". Casualidades da vida, "ás dúas horas tivemos a Félix de volta, coa señora que o levara dándonos un feixe de explicacións". Pero ese episodio custoulles caro posteriormente. "A nosa intención só é poder facilitarlles un pouco máis a vida a estes canciños coa construción de casetiñas", asegura a parella que, con todo, despois do vivido fai tan só uns días, non sabe se realmente poderán rematalas ou serán expulsados do país a base de intimidacións.

Irene e Carlos
Irene e Carlos | Fonte: Instagram @unavidacamper

A de Félix non era a primeira historia cun can que lles fixo saltar todas as alertas a estes mozos, pois como lembra Carlos, "aos poucos días de chegar a Bosnia, a escasos metros de nós, asasinaran a unha perriña á que tamén estiveramos alimentando o día anterior, e que pertencía a unha manda de máis cans". Ese asasinato tivo lugar o mesmo día en que desapareceu Félix, polo que xa temían o peor. "Atopamos a bala coa que mataran a esta perriña e vimos que pertencía a unha nova milímetros, unha arma que só deberían poder usar dentro do país as forzas de seguridade, é dicir, a policía, e sen embargo alguén lle disparara dende a entrada ao parque", reflexionan. De feito, deixan claro que "este parque non é un lugar de caza, polo que non habería a posibilidade de que fose un disparo accidental, e, pola contra, todas as noites se escoitaba unha cantidade de disparos que non era normal". E é que no Parque Natural onde estaban estacionados, "cada dous ou tres días chegan máis cans", xa que "as organizacións captan a cans dunha zona, cástranos, presuntamente, e logo déixanos noutros lugares, reubícanos", algo que resulta moi contraproducente para eles porque "estes cans de rúa funcionan por mandas e, cando se lles saca delas, rematan sós vagando polas rúas ou no medio das estradas". 

"PUXERON UN SINAL DE PROHIBICIÓN DE ACAMPADA, DETIVÉRONNOS DICINDO QUE AQUELA ERA RUTA DE MIGRACIÓNS ILEGAIS E PARÁRONNOS NUN CAIXEIRO"

Só un día despois de que Félix volvese con eles, o tema dos disparos nocturnos intensificouse, como se tratasen de intimidalos, e a policía rematou por levalos detidos e retívolles os pasaportes durante máis de 6 horas, cousa que, como apunta Irene, "é ilegal, porque en Bosnia a policía do país non pode reter os pasaportes de membros da Unión Europea a menos que teñan motivos reais para facelo". Foi aí cando esta parella se deu conta de que "molestaramos a alguén coas nosas reivindicacións". E como lograron detelos? Que motivo argumentaron os policías? Carlos conta que, despois de que os seus compañeiros Wacimara e Pedro levasen xa 1 mes e 20 días no parque sen problema algún, de súpeto puxeron un sinal de prohibición de acampada e, acto seguido, apareceu na zona a policía do país en conxunto coa de Croacia para detelos coma se fosen auténticos delincuentes. Como explica Irene, "dixéronnos que aquela era unha ruta frecuente de migración de persoas que tratan de cruzar dende Afganistán ata Croacia, pero nós tiñamos un vehículo español, con matrícula española e pasaportes españois" e, como chancea Carlos, "a excusa quedaba moi bonita, pero eu dudo moito que un inmigrante ilegal viaxe en autocaravana".

Carlos asegura que "a situación en xeral foi bastante irregular" e, aínda que este venezolano confesa que pola experiencia no seu propio país está acostumado a ver como funciona a corrupción policial, confesa que sentiu medo no momento en que lles obrigaron a ir con eles. "Aí eu alerteime moitísimo, porque non nos dicían con claridade cara onde nos levaban, nun país que non coñecemos e cunha agresividade que non era normal", conta. Por se isto fose pouco, paráronlles nun caixeiro para que sacasen cartos porque "estaban empeñados en que cometéramos unha infracción e tiñamos que pagarlles a multa en efectivo, algo que tamén nos soou raro, porque se me poñen unha multa terei que ter determinados días para poder abonala e facilidades de pago". Sobre ese momento, Irene lembra que "a actitude dos policías foi moi desagradable, dentro de todos os que había só un non era tan borde, os demais semellaba que nos quixesen ata pegar". Carlos considera que "xogaron moito co terror psicolóxico, como se houbese un policía bo e un policía malo". E é que hai que lembrar que estábanlles quitando os pasaportes, reténdoos e manténdoos en vilo durante case 7 horas ata que lle devolven a documentación.

"CANDO NOS PERCATAMOS DE QUE NOS LEVABAN CARA A FRONTEIRA, PUXÉMONOS A GRAVAR PARA AS REDES E O NOSO CASO CHEGOU Á EMBAIXADA"

A xeito de denuncia polo que estaba a acontecer, Irene e Carlos e Wacimara e Pedro puxéronse a gravar como estaban a ser trasladados a algún lugar que non sabían, dirección cara a fronteira, en contra da súa vontade e sen ter feito nada máis que alimentar aos cans da rúa, e subírono ás redes. "Cando nos percatamos de que a dirección que estabamos a tomar era cara a fronteira, ocorréusenos publicar un vídeo e mesmo eu activei un 'En Vivo' para poder contar en directo o que estaba pasando", conta Carlos, que cre que exactamente iso foi o que os salvou de que as cousas pasasen a maiores, porque "a xente que nos sigue comezou a mobilizarse, a mencionar á Embaixada, a chamar, a mandar emails...". E foi así como "cremos que dende a Embaixada o cónsul de España contactou directamente alí coa policía". E é que esta parella lembra que non foi normal o cambio de actitude dos policías despois desa gravación. "Cando chegamos á fronteira xa a actitude dos policías era totalmente distinta", recorda Irene, e Carlos engade que "ata comezaron a facer chances de que estiveran en España e que a un lle gustaba moito Málaga".

Ademais, sobre os cartos que lles fixeran retirar previamente, "insistían en que non eran para eles, senón que eran para levarnos a outro lugar a que pagásemos a multa correspodente e que, unha vez pagada, quedariamos libres". "Nós non entendíamos absolutamente nada, nin por que nos mobilizaran como o fixeron ao comezo, nin por que nos tiveran tanto tempo retidos, nin por que nos trataran tan mal", conta Carlos. Con todo, Irene tamén asegura que para poder marchar de alí "o policía que era xa moi agradable e simpático con nós, fíxonos firmar un papel no que non sabiamos nin o que poñía, porque estaba en bosnio e negáronse a facilitarnos una copia en inglés". Segundo el lles dixo "dicía que tiñamos que pagar unha multa porque á hora de entrar no país tiñamos que ternos inscrito como turistas, algo que nós non vimos que se indicase en ningún lugar, cando nós entramos pola fronteira, selláronnos o pasaporte e non nos dixeron nada máis". Que aconteceu? Despois de buscar información, Irene explica que "para facernos pagar agarráronse a unha norma que estivo en vigor tras a pandemia na que dicía que se ti ías pasar máis de 24 horas en Bosnia tiñas que rexistrate nun hotel ou nalgún sitio, para que eles puidesen levar un control sanitario". Finalmente, e aínda que non convencidos, "rematamos firmando, porque queriamos saír dalí canto antes".

"ESTABA CLARO QUE NON NOS QUERÍAN NO PARQUE E XA TEMOS MEDO DAS REPRESALIAS QUE POIDAN TOMAR NA FRONTEIRA Á NOSA SAÍDA"

Unha vez firmado o papel, "o policía díxonos que tiñamos que achegarnos ata calquera estación de policía a facer o rexistro". Pero non foi doado, por como lembra Carlos, "o máis gracioso foi que ao día seguinte acudimos a unha comisaría do centro da cidade para facer o trámite e dixéronnos que alí non podían facer iso, fomos a outra e continuamente nos ían mandando dun lugar a outro, ata que chegamos a onde supostamente se facía o trámite e a persoa que nos atendeu díxonos que el non podía facernos ese papel". Irene asegura que lle explicou que os mandaran alí dende a propia policía, ameazándoos con multalos novamente se non o facían, e a persoa aseguroulles que "non entendía por que nos fixeran iso, que, dende logo, ese non era o procedemento habitual e que eramos os primeiros turistas que coñecía aos que lles pasara algo semellante". Ao día seguinte, e tras ter volto ao Parque Natural Uno coa autocaravana, porque a policía lles dixera que non tiñan problema, "chegou un traballador do parque botarnos, dicíndonos que nos podiamos seguir alí e que nos tiñamos que ir xa", lembra Irene.

Cando, en verdade, nin sequera estaban acampados, non tiñan ningún tipo de mobiliario fóra da autocaravana, só estaban aparcados nas zonas habilitadas para o aparcamento, como calquera outro vehículo a motor. "Estaba claro que non nos querían por alí", asegura Irene, que explica que "na propia normativa do parque indicaba que hai unha diferenza entre aparcar e acampar, e ti podes aparcar un vehículo a motor ou unha 'camper' nas zonas habilitadas para aparcamento e, despois, tamén hai zonas de acampadas designadas se o que queres é ir acampar". Con todo, "a pesar de que eu me afanei en explicarlle a través do tradutor do móbil, porque o traballador tampouco falaba inglés, que o dicía a propia normativa, seguiu insistindo en que nos tiñamos que ir". Foi así como tiveron que abandonar a zona, "por medo tamén a que nos volvesen chamar á policía e do que puidesen facernos unha vez volvésemos á fronteira para abandonar o país".

E é que, como apunta Irene, "a fronteira é o único lugar onde a policía pode entrar no teu vehículo e rexistrarcho sen necesidade dunha orde xudicial", polo que, no seu caso, en Bosnia, podían pasar dúas cousas: "que nos botasen pola fronteira porque lles dese a gana e nos denegasen a entrada a Bosnia de novo; ou que nese rexistro nos puxesen algo dentro do coche que nós non levabamos orixinalmente e nos extorsionasen, multasen ou metesen presos". "Aquí hai unha corrupción moi grande, non podiamos xogárnola", lamenta Carlos. Agora non poden entrar no parque máis que unha hora para alimentar aos cans. "Fai uns días chegamos alí e un dos gardabosques chamounos", conta Irene, que asegura que "o primeiro que pensamos foi que nos ían botar", pero "ensinounos catro canciños que alguén tirara no bosque coma se fosen lixo". "El so viu á persoa que foi como a deixar algo entre unhas matogueiras e, dalí a un cacho, escoitou choros", explica. Ao chegar, "xa viu que se trataba de 4 canciños bebés". "Fíxolles un amago de caseta agochada, porque aquí a xente é moi cruel, e nos engadímoslle palla seca para que estean máis quentiños... É realmente triste", lamenta Irene.

Can da rúa nun vertedoiro
Can da rúa nun vertedoiro | Fonte: Instagram @unavidacamper
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta