Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 26/11/2024 | Actualizada ás 13:58
Unha veciña de Paderne, de 63 anos, acusada de asasinar o seu marido, admitiu que o matou porque estaba "bastante cansa del", segundo declarou no xuízo celebrado tras constituírse o luns o Tribunal do Xurado. Nel, recoñeceu estar "moi nerviosa". "Non sei o que podo facer", chegou a dicir para ratificar que o fixo cando o home estaba a descansar. "Facíame moitas putadas, falando pronto, estaba bastante cansa del, bastante", aseverou na súa primeira declaración tras o suceso e a preguntas da representante do Ministerio Fiscal e sen expor cuestións o seu avogado.
Na súa exposición previa ante o xurado, o seu letrado apuntou que os informes médicos ratifican que a súa cliente padece "bipolaridade e psicopatía" e que tamén "hai constancia de consumo de alcol". Isto provócalle, argumentou, "desapego da realidade e faille ver alucinacións". "Era consciente do que facía pero non era un acto voluntario", recalcou para engadir que "non tiña vontade, non hai asasinato". Por iso, expuxo na súa intervención a absolución "pola vía da eximente completa ou, subsidiariamente, eximente incompleta por trastorno mental". "A responsabilidade neste caso está totalmente imprecisa", incidiu ao destacar que "esta persoa non estaba totalmente nos seus cabais".
Non entanto, antes da vista e a preguntas dos xornalistas respecto do estado da procesada (en prisión preventiva) sinalou que é "consciente de que isto debe ter unha certa condena", "Pero non hai moita proba contundente para que haxa 20 anos", considerou. Durante esta xornada compareceron tamén os peritos forenses do Instituto de Mecina Legal de Galicia (Imelga) que realizaron o estudo de imputabilidade da procesada quen ratificaron que "tiña coñecemento do que facía". Presentaba, segundo precisaron, "un trastorno da personalidade, pero non brotes psicóticos".
NON PUIDO DEFENDERSE, SEGUNDO FISCALIA
Pola contra, a representante do Ministerio Público, no seu escrito de cualificación, pide 20 anos de prisión por un delito de asasinato con agravante de parentesco e atenuante de alteración psíquica. Ante o xurado, trasladou que o falecido "morreu pola acción" da acusada. "Non viu vir o golpe, non puido reaccionar nin tivo ningunha capacidade de defensa", incidiu para afirmar que "lle choveron catro marteladas". "Tiña enfermidades mentais, é certo, pero estas enfermidades non anulaban a súa capacidade de xuízo, sabía perfectamente o que facía e o que tiña que facer para que o seu marido non tivese capacidade de defensa", relatou sobre a procesada. Isto para incidir en que as súas patoloxías "atenuaban a capacidade de controlar os seus impulsos só de forma leve".
FEITOS
O matrimonio convivía na zona de Velouzás, no termo municipal de Paderne, nunha casa propiedade da nai do esposo. "Entre o 20 de decembro de 2022 e o 20 de xaneiro de 2023, propúxose acabar coa vida" do marido o que fixo, engade fiscalía no seu escrito de cualificación, aproveitando que este estaba a descansar nunha cama. Nestas circunstancias, a acusada cun martelo "propinoulle catro golpes" na cabeza, provocándolle a morte. Despois, indica, envolveuno nunha bolsa de plástico de lixo e cubriuno totalmente cunha manta, "deixando o cadáver alí", que foi descuberto o 20 de xaneiro.
Antes, na noite do 6 de xaneiro, a muller chamou a Urxencias Sanitarias de Galicia 061 reclamando asistencia médica e sendo trasladada ao Complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac), onde foi detida o 1 de marzo de 2023 tras recibir a alta médica. A pesar do seu diagnóstico de trastorno bipolar e de personalidade, con consumo de alcol, o Ministerio Público considera que "tiña suficiente capacidade de comprensión da súa acción".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.