Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2024 | Actualizada ás 19:40
A exconselleira de Sanidade Pilar Farjas compareceu este venres na comisión de investigación sobre a contratación da Xunta conformada no Parlamento galego e, durante as súas respostas, acusou á oposición de apoiar "ao Goberno máis corrupto que pasamos en España".
Farjas estivo á fronte da Consellería de Sanidade no primeiro goberno de Alberto Núñez Feijóo na Xunta, entre os anos 2009 e 2011, cando se tramitou o contrato de concesión de obras públicas para construír o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. A exconselleira insistiu nos argumentos doutros comparecentes anteriores, para defender que tanto o Goberno central como a Unión Europea recomendaban a colaboración público-privada para levantar este tipo de infraestruturas sen incumprir "os requisitos de endebedamento e estabilidade" financeiros.
Sobre o informe do Consello de Contas, que sinalou que a licitación conxunta de obras e servizos para o Álvaro Cunqueiro supuxo que o custo aumentase en 470 millóns, Farjas cre que é unha "análise ficticia e falaz", porque parte "do imposible" e "non ten en conta o custo de oportunidade".
"TRAMITACIÓN EXPRÉS"
Por parte da oposición, a deputada nacionalista Montse Prado censurou a "tramitación exprés" que deu o primeiro goberno de Feijóo a aquel contrato: "Decidiron formar parte do asalto que o neoliberalismo fixo aos servizos públicos". Para Prado, a decisión tomouse para "enriquecer a unha empresa".
Así, desvelou un informe de abril de 2012, durante as obras do hospital, co membrete da Dirección Xeral, que falaba dunha redución de superficie sobre o proxecto inicial --que tamén sinalou o Conselllo de Contas no seu informe-- e que esa modificación eleva a ganancia da concesionaria "un 15,8 por cento", uns "30 millóns". A deputada do BNG explicou que este documento llo fixo chegar "unha persoa anónima", polo que pediu á mesa da comisión que se dirixa á Xunta para que o remita de maneira oficial ao Parlamento.
"ACOMPAÑÁMOLA A UNHA NOTARÍA"
Ao longo da tarde, durante a comparecencia da interventora xeral da Xunta, Almudena Chacón, o deputado do PP Roberto Rodríguez preguntou a Prado (BNG) como conseguiu ese informe. "Espero que o recibise como nunha película americana, por baixo da porta, porque se non a acompañamos a unha notaría", ironizou.
Durante o debate con Farjas, Espinosa (PSdeG) sacou peito dos trámites emprendidos polo goberno de Emilio Pérez Touriño, que "se cadra" os tiña que facer o de Manuel Fraga. "Vostedes --á exconselleira-- puidérono adxudicar e facer nese tempo porque había un traballo feito", recalcou a socialista.
En contraposición, Farjas dixo que o bipartito só deixou "unha folla de Excell" con "unha serie de números", pero que non atoparon "os fondos" para construír o hospital.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.