(Vídeo) O Belén Artesanal de Valga arrampla con todo, con moito humor: de Pedro Sánchez a Lamine Yamal, pasando por Almeida

Guía completa de todo o que non te podes perdes... aínda que hai moito máis!

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 02/12/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Puigdemont, Pedro Sánchez, David Broncano, Lamine Yamal, Almeida... O Belén Artesanal de Valga inaugurouse este domingo cargadiño de novidades e cunha homenaxe moi especial as vítimas da DANA de Valencia e unha petición de fin á guerra de Gaza. O Galicia Confidencial achegouse ás instalacións deste belén, declarado no 2013 de Interese Turístico de Galicia, para contarvos (e amosarvos) todos os detalles en primicia, de tal maneira que, cando vaiades visitalo, non vos perdades nada. Para os que sexa a primeira vez, que saibades que se trata dunha recreación que impresiona nada máis entrar pola porta, polo seu gran tamaño e pola cantidade innumerable de figuras en movemento que o compoñen: máis de 4.500 pezas. Poderás visitalo ata o vindeiro 12 de xaneiro.

Belén Artesanal de Valga 2024
Belén Artesanal de Valga 2024 | Fonte: GC

Temas que non te debes perder, aínda que hai moitos máis...:

- O ligoteo no Mercadona: represéntase mediante unha oferta de piñas para Nadal, agora que xa pasou a moda de ir de 19.00 a 20.00 horas emperifollado coma se de Fin de Ano se tratase buscar unha piña que poñer boca abaixo no carro para dicirlle aos demais compradores que estabas dispoñible.

- Puigdemont e a súa volta a España: atópase nunha cinta mecánica dando voltas, porque o tildan do home que aparece e desaparece sen que ninguén faga nada, mentres Sánchez e Marlaska, moi pretiño, miran cara outro lado, coma se con eles non fose a cousa.

- Sánchez bailando no poder: representación especialmente dura dentro da sorna, na que o presidente do Goberno aparece no medio dun corro de diversos políticos bailando, en crítica a que para el o importante semella ser manterse no poder teña a quen teña que bailarlle a auga.

- Casos Koldo e Begoña Gómez: seguindo coa política, os dous escándalos de fraude e corruptela deste ano tamén atopan plasmación no Belén de Valga, e non hai que buscalos moitos, pois aparecen escritos con todas as letras.

- Enfrontamento entre David Broncano e Pablo Motos: ambos os presentadores manteñen unha tensión crecente entre os seus programas despois de que dende 'El Hormiguero' prohibesen a entrevista que 'La Revuelta' tiña preparada a Jorge Martín.

- Lesións de Lamine Yamal e Nico Williams: nun mundo que xa se mide por cantos puntos tes na Liga Fantasy, estes dous xogadores trouxeron aunténticos desgustos a moitos rapaces e rapazas que os tiñan na súa aliñación do xogo.

- Homenaxe ás vítimas da DANA: unha enorme escea onde se recolle dende a desolación de ver todo cuberto de barro ata a ledicia de ver a milleiros e milleiros de voluntarios de toda España que chegan para botar unha man aos afectados.

- Guerra de Gaza: dende o Belén de Valga piden o alto ao lume na Franxa de Gaza, nun enfrontamento entre Israel e Palestina que está a deixar cifras escandalosas de mortos. O 'stop' ao xenocidio palestino pódese ler claramente.

- Boda de Almeida: parodia de como un evento que debería ter sido de ámbito privado rematou por converterse, practicamente, no acontecemento do ano. Coma se non houbese cousas máis importantes das que preocuparse!

- Diversos títulos deportivos: tanto a nivel masculino como feminino, este año España pode gabarse de ter revalidado e, nalgúns casos, proclamado por primeira vez, a moitos dos seus deportistas como campións do mundo.

- Oficios tradicionais e costumes: sempre hai espazo neste Belén para reivindicar a terra, os nosos oficios e profesións, dende sachar a horta ata tallar madeira, e os nosos gustos, entre os que destaca notablemente ir ao bar.

- Amancio Ortega e Ángel Carracedo: dúas personalidades galegas de gran renome, cada unha no seu campo, que ocupan un espazo moi destacado na recreación deste ano, xunto a outras que se atopan en espazos do belén un tanto máis discretos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta