David contra Goliat, a loita dos pequenos para evitar que a Limia sexa unha lagoa de xurros

Os movementos ambientalistas da Limia continúan denunciando a contaminación por nitratos dos acuíferos naturais da comarca. Sinalan a produción intensiva e descontrolada das explotacións cárnicas. Doutra parte, acusan ás autoridades tanto autonómicas como dependentes do Estad de non aplicaren a lei e permitir unha situación que, segundo din, deixou sen auga potable para o consumo humano á maioría dos concellos limiaos

Por Moncho Mariño | Limia | 08/12/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As protestas fronte a contaminación por nitratos na auga da Limia parece non ter fin. A día de hoxe, segundo os movementos ambientalistas, os índices de compoñentes químicas prexudiciais para o ser humano son tan elevadas que hai concellos enteiros onde só se pode consumir auga embotellada. A maior parte dos acuíferos naturais están afectados pola concentración de nitratos presumiblemente como consecuencia do descontrol sobre a falta de tratamento sobre os xurros producidos polas granxas intensivas de carne (polo e porco principalmente). A solución estaría en que cada explotación tratase as augas residuais ela mesma antes de seren evacuadas ou, se se dese a posibilidade, reciclalas. Por outra parte, a Administración central ten competencias en canto a Confederación Hidrográfica Miño-Sil pode realizar as pertinentes denuncias no caso de que os estudos dean mostras negativas sobre a calidade da auga. É a Administración autonómica a que ten competencias para a supervisión do cumprimento das normativas medioambientais. Porén, as diferentes administracións e autoridades parecen estar nunha situación de espera a ver quen move ficha primeiro ante a situación presente.

A secretaria de Estado de Agricultura e Alimentación, Begoña García, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, entre outros, visita as obras dos regadíos da Limia (Ourense).. XUNTA
A secretaria de Estado de Agricultura e Alimentación, Begoña García, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, entre outros, visita as obras dos regadíos da Limia (Ourense).. XUNTA


COMPETENCIAS
O Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) denuncia que Medio Rural non realiza controis sobre a xestión dos residuos das granxas intensivas. A proliferación de granxas intesivas trae como consecuencia a acumulación de residuos que son portadores de nitratos. Estes compoñentes químicos fíltranse a través das capas de terra até chegar aos acuíferos naturais. A consecuencia é que, segundo o MEL, existen concellos da comarca onde non é recomendable o consumo de auga dos mananciais de auga. “Cualedro, Os Blancos, Sandiás e Trasmirás teñen as augas subterráneas contaminadas por nitratos e en Xinzo as augas presentan nitratos e pesticidas”.

O MITECO presentaba o pasado ano 2023 a “Implantación del Plan de Acción de Aguas
Subterráneas 2023-2030 en la C.H. del Miño-Sil. FASE I”
. Entre outras observacións, o documento sinalaba que: “La contaminación de las aguas subterráneas por fuentes puntuales (derrames, filtraciones, lixiviados, malas prácticas) son eventos que ocurren con relativa frecuencia. La modificación del RDPH abordada mediante el Real Decreto 665/2023, de 18 de julio, subsana el vacío normativo estableciendo una metodología normalizada basada en la evaluación de riesgos y estableciendo el procedimiento administrativo para la declaración de contaminación puntual de las aguas subterráneas y la descontaminación de los acuíferos contaminados”. E engadía: “Aprovechando este marco normativo, el PAAS propone llevar a cabo el desarrollo de un programa de apoyo técnico a los organismos de cuenca en la resolución de los episodios de contaminación puntual identificados. Por su parte, la CH del Miño-Sil ha identificado varios casos de contaminación puntual.

“Por lei é a Xunta quen debe tomar medidas ante a contaminación das augas afectadas e os concellos afectados seguen con problemas de fornecemento de augas” apuntan desde o MEL. A mesma Confederación Hidrográfica presentara un decreto de augas afectadas para que as autoridades autonómicas tomasen medidas. Desde a Consellería de Medio Rural apuntan á Confederación Hidrográfica Miño-Sil que as competencias sobre o estado das masas de agua (superficiais e subterráneas) corresponden ás confederacións hidrográficas CCHH.

En tal caso, as CCHH son as que elaboran os informes segundo o decreto apuntado, mais a demarcación de zonas vulnerable en concordancia cos informes das Confederacións é competencia das comunidades autónomas. Estas son as que remitirán a información á Secretaría Xeral de Medio Ambiente do Ministerio. A pesar disto, o control ou as medidas necesarias para a limpeza das augas non se está aplicando.

Imaxe dun campo de cultivo na área da Lagoa Antela, na comarca da Limia, tras as fortes treboadas rexistradas na zona a finais de xuño que afectaron as colleitas.. ADEGAL
Imaxe dun campo de cultivo na área da Lagoa Antela, na comarca da Limia, tras as fortes treboadas rexistradas na zona a finais de xuño que afectaron as colleitas.. ADEGAL | Fonte: Europa Press

EXPLOTACIÓN DE CARNE
Cando se fala da orixe dos xurros que polucionan a auga na Limia hai quen apunta ás granxas intensivas de animais para exportación de carne, sobre todo porco. Ninguén pode dicir que directamente estas explotacións sexan as verdadeiras fontes de xurro, aínda así, para moitas e moitos a relación entre a actividade gandeira intensiva e a presenza de nitratos están relacionadas.

Desde a Consellería de Medio Rural apuntan que precisamente pola dificultade de coñecer a orixe da posible contaminación orixinada por nitratos, a Consellería “está levando a cabo un estudo de identificación das principais presións que poidan afectar á eutrofización das masas de auga de Galicia e a definición dun plan de acción eficaz para a súa redución”.

O sector cárnico actualmente supón un dos principais, senón o principal motor económico da comarca. De aí que a produción intensiva sexa a aposta pola que se deciden moitos gandeiros. Mais desde os movementos ambientalistas avisan que este tipo de explotacións deberan ter sistemas de depuración de augas residuais “porque falamos de produción industrial, non falamos de granxas” din do MEL. “Estamos diante dun problema de sobreexposición ao xurro” din desde Amigos da Terra.

Ante o excedente de xurros producidos polas explotacións gandeiras, houbo un momento en que camións cisterna vertían en áreas apartadas os residuos producidos polos animais das explotacións gandeiras. “É necesaria a colocación de depuradoras” mais isto non sucede e a cambio existe unha vertedura incontrolada que “no verán afecta ao encoro das Cunchas afectado por cianobacterias”.

A pesar de todo, a cría de animais para carne faise de maneira intensiva pensando sobre todo na exportación a mercados internacionais (sobre todo China). Os beneficios económicos poden quedar mais tamén quedan as consecuencias sobre o medio ambiente, en concreto no consumo de auga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta